Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

^

Guía de compra: chocolates de facer: Chocolates de facer, unha cunca de tradición

Os adultos consomen unha media de 81 gramos de chocolate de facer ao mes, cifra que non lles preocupa ás autoridades sanitarias, aínda que lembran que, como todo alimento rico en azucre, debe consumirse de forma ocasional

Mitos e estudos mal interpretados

Mellora a libido?

 

Tomar un chocolate quente serve como afrodisíaco natural? Os aztecas usábano para mellorar a libido, convencidos das súas propiedades afrodisíacas. De feito, hai probas de que na Europa do século XVII moitos profesionais sanitarios confiaban no suposto poder afrodisíaco do chocolate. Con todo, nin os aztecas nin os antigos sanitarios europeos estaban no certo.

A EFSA, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, non atopa probas científicas que permitan acompañar o chocolate ou os seus compoñentes de melloras no estado de ánimo, na libido ou na saúde sexual. É probable que esta crenza garde relación co exquisito sabor e a palatabilidade do chocolate.

En realidade, tomar moito chocolate é probable que deteriore a longo prazo a nosa saúde sexual porque se trata dun alimento cunha alta densidade calórica. Así, un consumo habitual e frecuente incrementará o noso risco de obesidade ou diabetes tipo 2, dúas doenzas que se relacionan cunha peor saúde sexual. Unha investigación recollida no British Medical Journal en 2010 foi máis alá: constatou que quen ten unha boa saúde presenta case o dobre de posibilidades de estar interesado no sexo que alguén con mala saúde.

Unhas controvertidas propiedades do chocolate

Se os aztecas lle atribuían propiedades sobrenaturais ao chocolate e o usaban en cerimonias relixiosas, hoxe moitos atribúenlle propiedades antioxidantes e mesmo hai quen o usa en substitución dun bo estilo de vida. Con todo, vale a pena poñer todas estas propiedades en corentena.

Algúns estudos observaron posibles beneficios atribuíbles ao consumo de chocolate negro (cuxa proporción nunha cunca de chocolate dependerá da cantidade de chocolate que se use), pero os seus resultados non son concluíntes. Un deses beneficios é unha modesta diminución das cifras de tensión arterial.

A última revisión científica sobre esta cuestión levouna a cabo do doutor Dariush Mozaffarian, do Departamento de Nutrición da Universidade de Harvard. Mozaffarian, un dos máis recoñecidos expertos mundiais en nutrición, acaba de revisar de forma exhaustiva diferentes alimentos implicados na saúde cardiovascular. A súa investigación, recollida na revista científica Circulation, detalla que os posibles beneficios do cacao ou do chocolate son pequenos. Lembra que existe unha gran heteroxeneidade nos estudos dispoñibles, pero que non hai aínda investigacións a longo prazo (necesarias para confirmar os achados dos estudos preliminares) e que aínda non se sabe se existe unha dose-resposta (a máis cacao, máis beneficios?). En suma, explica que é unha cuestión con moitas controversias e demasiadas incertezas.

Estudos sobre o chocolate mal interpretados

 

Chocolate e premios Nobel: relación, pero non causalidade

Hai uns anos, un estudo avaliou se existía relación entre a frecuencia de consumo de chocolate nun país e o número de premios Nobel gañados por ese país. En concreto, observouse que Suíza, Austria, Dinamarca ou Noruega, que toman máis cantidade chocolate, teñen máis premios Nobel.

Con todo, aínda que moitos medios de comunicación comentaron a investigación e lle atribuíron ao chocolate o éxito académico ou intelectual, o certo é que os propios autores do estudo especificaron que o que querían probar era que "correlación non implica causalidade". É dicir, o chocolate e os premios Nobel están relacionados, pero un non é a causa do outro. E esta correlación pode explicarse: en países cun alto nivel socioeconómico e cultural, nos que, por diversos motivos, é máis frecuente comer chocolate, é lóxico que existan máis probabilidades de obter un premio Nobel.

Chocolate, densidade enerxética e obesidade

De igual maneira que sucede co exemplo dos premios Nobel, tamén se interpretaron equivocadamente algúns estudos relacionados co chocolate e a obesidade.

Así, en febreiro de 2014, publicouse un estudo que observou unha relación entre o consumo de chocolate e menores taxas de obesidade. A pesar de que a investigación non probou que a inxestión de chocolate fose a causa das menores cifras de exceso de peso, moitos medios de comunicación esaxeraron e malinterpretaron os seus resultados.

As explicacións á observación, ademais do azar (que ocorre en moitas ocasións), son múltiples. Unha delas é que os pais de nenos sen obesidade permiten que os seus fillos consuman máis chocolate porque non están tan preocupados pola súa saúde. Tamén é plausible que os pais de nenos delgados poñan máis chocolate ao alcance dos seus fillos para que engorden. Ou, como no caso dos premios Nobel, é posible que as familias cun maior nivel socioeconómico teñan máis chocolate na casa (o nivel socioeconómico adoita asociarse con menores taxas de obesidade).

Do que ninguén dúbida é de que o chocolate é un alimento cunha alta densidade enerxética, é dicir, que achega moitas calorías con pouco volume. Está ben establecido que, salvo excepcións (como os froitos secos) o consumo habitual de alimentos con alta densidade enerxética contribúe ao risco de obesidade a longo prazo. No consenso español de prevención e tratamento para a obesidade, publicado en 2012, chegouse á conclusión de que os patróns alimentarios de alta densidade enerxética poden conducir a un incremento de peso en adultos. Tamén se indicou que o aumento de peso pode previrse mediante dietas que conteñan alimentos con baixa densidade enerxética.

Considérase que un alimento cunha densidade enerxética superior a 225-275 quilocalorías por 100 gramos incrementa o risco de obesidade. Tanto o chocolate negro como o chocolate con leite duplican esta cifra.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto