Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Análise documental para elaborar unha radiografía do sector dos produtos agroalimentarios con calidade diferenciada (DOP e IXP): DOP e IXP, sinais de identidade, tradición e diversidade

175 produtos agroalimentarios en España contaban en 2013 co selo de calidade denominación de orixe e indicación xeográfica protexidas, sen contar os viños e outras bebidas alcohólicas

DOP e IXP: número e diferenzas

Gran diversidade

 

Un total de 175 produtos agroalimentarios en España contaban en 2013 cunha distinción que recoñecía os seus atributos de calidade, segundo datos proporcionados polo Magrama. A este respecto, convén salientar que non se tiveron en conta os viños, a sidra e as bebidas espirituosas, por seren bebidas alcohólicas. Clasifícanse en 15 sectores: queixos, carnes frescas, xamóns e paletas, aceite de oliva virxe, froitas frescas; panadería, pastelería e repostería; hortalizas frescas, peixes e mariscos, arroz, embutidos e outros elaborados cárnicos, condimentos e especias, mel, manteiga, legumes e vinagres.

Desde 1988, un ano despois de que España ingresase na Comunidade Económica Europea, o número de alimentos destacados con selos de calidade (DOP ou IXP) non parou de aumentar e multiplicouse por 11; é dicir, pasou de 15 naquela época aos 175 de 2013. Destaca o incremento experimentado nos anos 90, con porcentaxes de crecemento de entre o 20 % en 1990 e o 56 % no ano 2000, cando se atinxiron os 78 produtos agroalimentarios con selos de calidade.

En 2013, os sectores co maior número de alimentos diferenciados con este tipo de atributos foron o aceite de oliva virxe (con 29), os queixos (28), as hortalizas (24) e as froitas (21). Os catro aglutinan tres de cada cinco selos de calidade outorgados en España.

Con todo, este panorama cambiou moito en 25 anos. En 1988, os únicos sectores que dispoñían de DOP ou IXP eran os queixos, o aceite de oliva virxe, os xamóns, as hortalizas, o arroz e os legumes. Durante tres décadas, sumáronse outros grupos alimentarios. Entre os sectores analizados, a maioría logrou selos de calidade na década dos noventa, excepto os peixes e os mariscos, os vinagres, as manteigas e os cereais transformados que o fixeron unha vez cruzada a barreira do ano 2000.

Por comunidades autónomas, as DOP e IXP concéntranse maioritariamente en Andalucía (hai 29), Cataluña (20), Galicia (18), Castela e León (17), Castela-A Mancha (13), Valencia (11) e Estremadura (10). As sete rexións concentran un 67 % dos produtos agroalimentarios españois con selo de calidade. Ademais, existen oito DOP e IXP que son supraautonómicas e abarcan produtos desenvolvidos en máis dunha comunidade.

IXP ou DOP, cal é a diferenza?

Dos 175 produtos agroalimentarios con selo de calidade, un 55 % son DOP e o 45 % IXP. Todos teñen unha calidade diferenciada protexida pola normativa europea (Regulamento da UE núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012), de xeito que cumpren unhas condicións diferenciais en canto a calidade, superiores ás que se piden para o resto de alimentos. Existen varias categorías:

 

Denominación de orixe protexida (DOP): son os produtos cuxa calidade ou características están relacionadas co medio xeográfico de produción e cos seus factores naturais e humanos. Obtéñense, transfórmanse e elabóranse sempre nesa zona xeográfica da que toman o nome. En 2013, 96 dos 175 alimentos agroalimentarios con calidade diferenciada entraron nesta categoría. Nos sectores do aceite, o arroz, a manteiga, os condimentos e as especias e o vinagre, todos os produtos pertencían a esta categoría. Algúns exemplos son o aceite da Rioxa, o arroz do Delta do Ebro, a manteiga de Soria, o pemento de La Vera e o vinagre de Xerez.

 

Indicación xeográfica protexida (IXP): estes produtos posúen algunha calidade determinada, reputación ou algunhas outras características que poden atribuírse a unha orixe xeográfica. Prodúcense, transfórmanse ou elabóranse na zona da que toman o seu nome. En 2013, 79 dos 175 alimentos agroalimentarios con calidade diferenciada entraron nesta categoría. Todos os alimentos aglutinados nos sectores de carnes frescas, embutidos e outros produtos cárnicos, cereais transformados e panadería e repostería pertencen a esta categoría. Como exemplos, pódense destacar a tenreira galega, o botelo do Bierzo, a chacina de León, o gofio canario ou o sobao pasiego.

 

Especialidades tradicionais garantidas (ETG). Trátase de produtos que teñen trazos específicos diferenciados doutros alimentos da súa mesma categoría. Ademais, deben producirse a partir de materias primas tradicionais ou presentar unha composición, modo de produción ou transformación tradicional ou artesanal. En España, existen só 4: xamón curado, leite de granxa, panellets e tortas de aceite de Castilleja de la Cuesta.

Por último, está a produción ecolóxica. Engloba aqueles produtos que reúnen un compendio de técnicas agropecuarias que exclúen, normalmente, o uso de produtos químicos, co obxectivo de preservar o medio ambiente, manter ou aumentar a fertilidade do chan e proporcionar alimentos con todas as súas propiedades naturais. Pódense mencionar como exemplos os ovos ecolóxicos, a froita de produción biolóxica e os queixos ecolóxicos.

Convén distinguir entre todas as categorías e coñecer moi ben o seu significado. O motivo é que, en 2013, Orixe España calculou que se perderon máis de 90 millóns de euros por fraude en produtos xenéricos que se designan como produtos con calidade diferenciada e que usurpan o nome das 42 DOP e IXP asociadas entón ao colectivo. Aseguran que ata no 15 % das veces o produto referenciado non se corresponde co protexido con algún dos selos DOP ou IXP. Todo a pesar dos consellos reguladores, os encargados do velar polo cumprimento e mantemento duns parámetros estritos.

O viño, a orixe dos selos de calidade

 

Non se pode falar de denominacións de orixe nin de indicacións xeográficas e deixar a un lado o viño. E é que estes caldos forman parte da historia dos selos de calidade diferenciada. Segundo Mercasa, en España, do mesmo xeito ca en Francia e en Italia, as denominacións de orixe xurdiron para protexer os viños.

No noso país, os viños con calidade diferenciada teñen unha presenza moi importante. En 2013, o Magrama contabilizou un total de 102 caldos con DOP e 41 con IXP-Viños da terra. As comunidades con maior número de viños de calidade diferenciada son: Castela-A Mancha (ten 17), Castela e León (12), Cataluña (12) e Canarias (11) co selo DOP e, co atributo IXP, Andalucía (16).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto