Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

^

Guía de compra: pizzas: Pizzas, sabor redondo de Italia sobre a mesa

Débense consumir esporadicamente, pero hai opcións máis saudables, como as pizzas caseiras se se elaboran con fariña integral, sen queixo (ou con moi pouco), sen embutido e con pouco sal, preferentemente iodado

Cal escollo?

Suxestións de compra

A elección dun alimento adoita basearse nos gustos, sobre todo cando se trata dunha comida excepcional. Así e todo, antes de escoller un tipo ou outro de pizza, unha das primeiras cousas que debemos revisar, desde un punto de vista nutricional, é que non conteña manteiga, margarina, graxas animais ou graxas hidroxenadas. Tamén revisaremos o seu contido en sal, que non debe superar os 1,25 gramos por cada 100 gramos, e é moi importante estarmos atentos a se se trata ou non de fariña integral. A fariña integral ten, entre outras vantaxes, o dobre de fibra dietética que a fariña branca e é un dos motivos polos que todas as entidades de nutrición recomendan consumila sempre que sexa posible. As seguintes son algunhas recomendacións nutricionais que convén ter en conta á hora de elixir unha pizza, máis alá da preferencia de gustos.

Para os nenos.

 

Non podemos considerar como recomendable ningunha das pizzas analizadas, dado o seu alto contido en graxas saturadas e sal. En calquera caso, se o tamaño da ración é pequeno e se se consome de forma esporádica (poucas veces ao mes), non haberá problema. Sempre sen esquecer que o resto da alimentación do neno debe responder a un patrón de dieta saudable. Se a facemos na casa con fariña integral, con pouco sal e sen queixo nin embutido (ou cunha pequena cantidade), todo serán vantaxes.

Para as persoas con diabetes.

 

As persoas con diabetes teñen un maior risco de padecer unha enfermidade cardiovascular ca o resto da poboación. Así, aínda que o contido en azucre das pizzas é baixo, non é prudente recomendarlle a unha persoa con diabetes ningunha das pizzas analizadas, dado o seu alto contido en graxas saturadas e sal. Coma no caso dos nenos, o máis recomendable é elaborar na casa a nosa propia base de pizza con ingredientes como fariña integral, aceite de oliva e un chisco de sal iodado. Convén que o recheo da pizza sexan verduras de tempada aderezadas cun chorriño de aceite.

Para os que non lles gusta o queixo.

 

É difícil atopar no mercado pizzas sen queixo. É máis, se quitamos o queixo da pizza antes de enfornala, levaremos con el o resto de ingredientes, aínda que nese caso poderiamos aproveitar para substituílos por hortalizas. O mellor, neste caso, é optar polas masas ou bases para pizza que se comercializan sen ingredientes. Iso daranos a posibilidade de aderezala e gornecela ao noso gusto.

Para os vexetarianos.

 

Para as persoas ovolactovexetarianas (vexetarianos que toman lácteos e ovos) non é difícil localizar pizzas saborosas, dado que moitas só contan con ingredientes vexetais, cun ou varios tipos de queixo. É moito máis complicado atopar pizzas para persoas veganas (vexetarianos que non toman nin lácteos nin ovos), salvo en tendas de dietética especializadas. É preciso, en todo caso, revisar a etiqueta, na que é obrigatorio que figuren os ingredientes.

Para os que non lles gusta o tomate.

 

A pizza con tomate, tal como a coñecemos hoxe, é posible grazas ao descubrimento de América. Os tomates e a masa son unha combinación exitosa e, de feito, é moi difícil atopar pizzas que non leven este ingrediente. As figazzas son un exemplo da excepción (só levan cebola e ourego), pero son máis fáciles de atopar nunha pizzería artesanal ca nun supermercado. Entre as opcións que nos ofrece a industria alimentaria, a quen non lle guste o tomate pode escoller unha pizza Carbonara, que contén bechamel no canto de salsa de tomate.

Para os que queren probar cousas novas.

 

Os "aventureiros gastronómicos" están de sorte, pois a innovación está á orde do día. Algunhas pizzas incorporan sabores agridoces, picantes, salsas de curry ou salsa grellada. Pero, ademais, tamén poden probar curiosas fusións, como a pizza Burguer que, como suxire o seu nome, é unha pizza con formato de hamburguesa. Se ningunha das opcións que hai no mercado é suficiente, o mellor é comprar unha base de pizza sinxela e engadirlle na casa os ingredientes favoritos.

Apuntamentos para o aforro

 

As pizzas preparadas que se atopan no supermercado ofrécennos unhas cantas vantaxes. Son moi fáciles de facer, hai unha gran variedade e, ademais, son baratas. Ningunha custa máis de 5 euros. A diversidade (crecente) de formatos e sabores permite compracer a case todas as persoas, e o feito de que xa veñan listas para quentar e consumir axuda, e moito, a salvar unha comida ou unha cea investindo pouco tempo e diñeiro.

Desde logo, non han de ser a solución diaria. O seu perfil nutricional convérteas nun alimento para gozar de maneira ocasional e moderada, pero se se seguen as recomendacións dos expertos -unha ración (160 gramos) de maneira ocasional-, será difícil que unha pizza nos custe cara, tanto en diñeiro coma en saúde. Así, na elección dunha ou doutra pizza, os gustos e os tamaños que mellor se adecúan á nosa familia serán máis decisivos ca os prezos. Isto explícase, entre outras cousas, porque a diferenza de custo entre unhas e outras non é tan significativo.

En termos xerais, convén lembrar o seguinte:

 
  • As pizzas conxeladas son máis caras que as outras, as que se venden refrixeradas. Hai quen explica esta diferenza polo custo de conservación e hai quen llo atribúe á calidade do produto, alegando que a textura e o sabor están mellor conseguidos. Sexa como sexa, o certo é que as pizzas conxeladas son as que custan máis, con independencia das marcas. De media, un quilo de pizza conxelada custa 9 euros.
  • Dr. Oetker, Buittoni, Aserceli... Os prezos das pizzas conxeladas non varían moito entre unhas e outras marcas. As pequenas diferenzas no custo final veñen dadas pola presenza de certos ingredientes (o queixo aumenta o prezo, ademais das calorías) e polos tamaños, que van dos 310 aos 390 gramos.
  • As pizzas refrixeradas son a opción máis económica. Desde logo, existen unidades cuxo prezo se asemella ao das pizzas conxeladas (como a Tratorissima, de Campofrío, que custa algo máis de 9 euros o quilo), aínda que estas son unha excepción e non a norma. Un quilo de pizza refrixerada, de media, custa 6,50 euros.
  • Nestas pizzas, o prezo oscila entre os seis e os sete euros o quilo, aínda que non sempre é tan doado notalo porque os tamaños -ou, mellor dito, o peso- das distintas opcións varía. Por esta razón, é importante fixarse no peso das pizzas preparadas. En termos xerais, as máis grandes (como a pizza Maxi, de Palacios, de 580 gramos) son máis baratas ca os formatos máis pequenos, como as pizzas que se comercializan por porción, en triángulo (Fuentetaja, 210 gramos), ou as minipizzas de Buittoni ou de Eroski, que veñen no tamaño dun bocado e están deseñadas máis para un petisco ca para unha comida.
  • Ademais de ter estes datos en conta, unha maneira práctica de aforrar na compra dun alimento é calcular canto se necesitará. Neste caso, se a porción recomendada é de 160 gramos, buscaremos os formatos que mellor se axusten á cantidade de comensais que hai na casa. Por aforro, pero tamén por saúde, é preferible acompañar a pizza cunha ensalada como entrante, cuns vexetais de tempada como acompañamento e cunha froita fresca de sobremesa, ca excederse nas cantidades deste alimento e excluír todos os demais.
  • Así mesmo, xa na casa, hai que lembrar que unha parte do custo das pizzas preparadas non está no seu prezo, senón no que custa cociñalas. Aínda que se fan rápido (20 minutos bastan), é preciso utilizar o forno e quentalo previamente. Por iso, sempre que se poida é importante preparar outros alimentos enfornados para o día seguinte, por exemplo, e aproveitar a calor residual.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto