Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

^

Guía de compra: pizzas: Pizzas, sabor redondo de Italia sobre a mesa

Débense consumir esporadicamente, pero hai opcións máis saudables, como as pizzas caseiras se se elaboran con fariña integral, sen queixo (ou con moi pouco), sen embutido e con pouco sal, preferentemente iodado

Que lugar ocupan na nosa dieta?

O seu lugar na dieta

 

Canta pizza tomamos os españois? É un consumo preocupante? Segundo datos da enquisa Enide, levada a cabo polo Ministerio de Sanidade, os adultos tomamos pouco máis de 100 gramos mensuais de pizza. Así, a baixa inxestión que se observa na media da poboación española non parece supoñer ningún problema desde o punto de vista nutricional. En todo caso, ao tratarse dunha media entre todos os adultos, é posible que existan grupos de poboación que tomen menos ou mesmo que non tomen (como as persoas maiores), mentres que outros grupos consomen máis pizza de forma habitual. Dado que o perfil nutricional das pizzas precociñadas non é demasiado saudable, é preciso advertir a poboación de que o seu consumo debe ser ocasional.

Os nosos nenos, segundo o estudo enKid, levado a cabo nunha mostra representativa da poboación infantil e xuvenil española, toman uns 500 gramos mensuais de pizza, mentres que as nenas toman un pouco menos, 300 gramos cada mes. De novo, haberá grupos de nenos (coma os adolescentes) que tomen máis ca outros. Non estraña, por tanto, que a pizza estea entre os alimentos que máis graxas totais e máis graxas saturadas lles achegan aos nenos españois.

Existen estudos, como o coordinado pola doutora Lisa Powell e publicado en febreiro de 2015 na revista Pediatrics, que revelan que nos días que comen pizza, tanto os nenos coma os adolescentes consomen moitas máis calorías, graxas e sal ca nos días nos que non o fan. A doutora Powell considerou que reducir o consumo de pizza é importante, pero que tamén é preciso mellorar o seu perfil nutricional e que o tamaño da ración individual diminúa. Insistiu, así mesmo, en que o ideal é acompañala dunha ensalada.

Así pois, o dito para os adultos é aínda máis importante nos nenos; é dicir, a inxestión destes produtos debe diminuír se queremos que o perfil nutricional da dieta dos nosos nenos mellore. Isto último é moi necesario, xa que a obesidade infantil en España é un problema sanitario de primeira orde, que mesmo pode diminuír, desde un punto de vista poboacional, a esperanza de vida.

Á luz dos anteriores datos e do que reflicte o semáforo nutricional que se inclúe nestas páxinas, resulta difícil establecer unha frecuencia recomendada do consumo de pizzas preparadas. As guías alimentarias non especifican unha recomendación concreta e sitúanas no grupo de produtos que se han de consumir só de forma esporádica. É algo que ten sentido, sobre todo se temos en conta que o patrón de alimentación da poboación española non cumpre cos criterios que debe seguir unha dieta saudable.

É preciso, en todo caso, matizar a anterior recomendación porque, tanto en adultos coma en nenos, unha pizza caseira elaborada con fariña integral, sen queixo (ou con moi pouco queixo), sen embutido e con pouco sal (mellor se é iodado), pode ser unha opción saudable. Sobre todo se incluímos unha boa dose de hortalizas na pizza. O seu contido en fibra dietética será maior, a súa achega calórica menor e a cantidade de graxas totais, graxas saturadas e sal diminuirá de forma notable. E é que, aínda que nos pareza impensable unha pizza sen queixo, a verdade é que ata finais do século XIX, e mesmo principios do século XX, a maior parte dos pratos de pizza non levaban queixo.

Pizza: o tamaño dunha ración

Ao falar de pizzas, é imprescindible deterse na importancia de controlar o tamaño da ración. Os fabricantes cada vez ofrecen racións máis grandes, algo que tamén sucede en moitos restaurantes, onde é habitual que nos sirvan pratos de pizza que pesan máis de 400 gramos.

Na actualidade, sábese de certo, grazas a análises científicas rigorosas, que canto maior é o tamaño da ración de comida que nos ofrecen máis cantidade comemos. Así, se temos en conta que a media das pizzas analizadas conteñen 250 quilocalorías en cen gramos, unha pizza de 400 gramos achegaranos 1000 quilocalorías, a metade das calorías establecidas como cantidade orientativa para unha persoa en todo o día. Se acompañamos o prato de pizza dunha copa ou dúas de viño e dunha sobremesa, é moi probable que acabemos por consumir nesa comida todas as calorías que deberiamos tomar nun día.

Por tanto, todo suma. É importante que as pizzas se elaboren con fariña integral e teñan menos sal, queixo e embutido para que sexan máis saudables. E tamén o é saber que o tamaño da ración que nos sirvamos (ou que nos sirvan) pode influír no control do peso corporal e na prevención de enfermidades crónicas relacionadas coa alimentación.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto