Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

^

Guía de compra: aceites vexetais: Aceites vexetais, máis alá do aceite de oliva

Compatibles cunha dieta sa, os aceites vexetais conteñen diferentes tipos de vitaminas e antioxidantes coma os ácidos graxos omega-3 e omega-6 e vitamina E

Cal escollo?

Suxestións de compra

As seguintes suxestións de compra baséanse en recomendacións dietéticas e gastronómicas:

Para tomar en cru.

 

Calquera aceite é válido para tomar en cru; por exemplo, cunha torrada no almorzo. A elección, por tanto, dependerá dos nosos gustos e preferencias, pero se o peto o permite o ideal é escoller sempre os aceites virxe extra de primeira presión en frío.

Para as ensaladas.

 

O máis recomendable é variar con frecuencia de aceite, e non tanto polos valores nutricionais de cada tipo, senón pola maior cantidade de aromas e sabores que lles achegaremos ás nosas ensaladas.

Para fritir.

Nunha análise sobre esta cuestión, o profesor Claudi Mans, catedrático emérito de Enxeñería Química pola Universidade de Barcelona, aínda que se nega a dar respostas tallantes, detalla que aínda que se adoitan recomendar os aceites de xirasol ou millo, porque son bastante estables ás altas temperaturas e porque lle dan pouco sabor ao alimento, el inclínase polo aceite de oliva virxe extra, porque "dura máis ou menos igual, ten mellor sabor, é cardiosaudable, ten polifenois e vitamina E".

Para quen controla o seu peso corporal.

 

Aínda que non está claro que o consumo actual de aceite supoña un risco para a saúde dos españois, as persoas que estean intentando controlar o seu peso corporal poden optar por comprar aceite en spray. Tamén é importante revisar os seus ingredientes para constatar se leva sal engadido, o que non é recomendable polo noso elevado consumo de sal.

Para ocasións especiais.

 

Se na casa utilizamos case sempre o mesmo tipo de aceite ?de xirasol ou de oliva?, as ocasións especiais poden ser unha boa escusa para probar outros menos coñecidos ou que non empregamos a diario, coma o de sésamo ou o de cacahuete. Outra opción deliciosa é darlle un toque especial ao aceite que teñamos na casa. Podemos aromatizalo introducindo nel herbas, especias, allos, limas etc.; incluso un pouco de trufa relada, aínda que esta última opción será bastante máis cara que as anteriores.

Apuntamentos para o aforro

 

Existen varios tipos de aceites vexetais e a elección duns ou doutros depende dos gustos persoais, das tradicións e do diñeiro. O aceite é un dos produtos máis utilizados na cociña e, por tanto, unha boa elección no supermercado pode marcar unha diferenza interesante na economía do fogar. Os seguintes apuntamentos e consellos poden ser de utilidade para aforrar na compra de aceite:

  1. Formato. Como acontece con moitos outros alimentos, o tamaño do envase incide no prezo. Cos aceites, isto percíbese nas pequenas botellas de cristal de 25 cl, ou nas de 50 cl, que son bastante máis caras que as botellas de litro. No extremo oposto, as garrafas de 3 e 5 litros son máis económicas. Así, aínda que o desembolso de diñeiro é maior, o prezo por litro é menor. Comprar unha garrafa grande en lugar dunha botella dun litro ou de 50 cl é unha boa forma de aforrar, sobre todo se na casa se usa aceite con frecuencia.
  2. Entre olivas. O aceite de oliva reina nas nosas preferencias e nos andeis do supermercado. Alí, podemos atopar unha gran variedade de marcas. Unha primeira distinción, para aforrar, é diferenciar o aceite de oliva virxe extra do aceite de oliva normal, xa que o primeiro tipo é bastante máis caro que o segundo.
    • Aceite de oliva virxe extra. O prezo medio dun litro de aceite de oliva virxe extra é de 5,50 euros. Entre as opcións máis económicas, atopamos Olilán (garrafa de 5 litros), EROSKI, La Española (garrafa de 5 litros) e Mendía (garrafa de 3 litros). Nestas marcas, os prezos por litro oscilan entre 3,50 e 4,95 euros. No entanto, entre os aceites de oliva virxe extra a diferenza de prezos é moi ampla, pois tamén podemos atopar produtos de máis de 30 euros o litro (Masterchef Royal, ou H Guzmán R, por exemplo). En xeral, estas opcións máis custosas preséntanse en botellas máis pequenas.
    • Aceite de oliva normal. A diferenza do grupo anterior, a diferenza de prezos destes aceites é pequena. É posible atopar varias marcas a menos de 4 euros o litro. Exemplo diso son Guillén, Olilán, EROSKI, A Masía e Ybarra. Pero, ademais, un litro das marcas máis caras (Carbonell, La Española, Urzante) non chega a custar 5 euros.
  3. O xirasol. O aceite de xirasol é máis económico ca o de oliva. O seu prezo medio é de 1,40 euros o litro, fóra dos que proceden de cultivo ecolóxico. Hai menos variedade no mercado e os prezos son bastante parecidos entre as distintas marcas. Os máis baratos son Lanisol e EROSKI; os máis caros, Coosol especial para fritir e Borges. Dado que o perfil nutricional do aceite de xirasol é moi similar ao do aceite de oliva, un bo método para aforrar é escoller este aceite para as receitas que requiran máis cantidade, como poden ser as frituras, e reservar o aceite de oliva para outros pratos nos que o seu característico sabor sexa un valor engadido (ensaladas, torradas etc.).
  4. Outros aceites. Os aceites de millo, de sementes variadas, de soia, de noz ou de sésamo son minoritarios aínda no mercado. Algúns comercialízanse en botellas dun litro, aínda que a maioría preséntanse en botellas máis pequenas. O seu prezo, en xeral, é similar ao do aceite de xirasol. Por exemplo, o aceite de soia e noz La Española (2,30 euros/litro) ou o aceite de millo Asua (1,90 euros/litro). Con todo, hai que reparar nos aceites bio ou ecolóxicos, xa que o prezo destes é moito máis elevado. Por exemplo, o aceite de sésamo Bio Planete (25 euros/litro) ou o aceite de liñaza Natursoy (15 euros/litro).
  5. Longa duración, vantaxe para os descontos. En todos os casos, é importante estarmos atentos ás ofertas e promocións puntuais. Unha das grandes vantaxes do aceite é a súa longa vida útil. Esta característica permítenos aproveitar os descontos e comprar, por exemplo, para varios meses.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto