Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Jesús Salido Navarro, presidente da Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA): "Non somos partidarios dos deberes tal como están concibidos e co formato actual"

 

Son categóricos. Na Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA) non están de acordo cos deberes tal e como están concibidos na actualidade. O seu presidente, Jesús Salido Navarro, recoñece o estrés que xeran nos alumnos e a tensión que poden crear entre as familias. Ademais, consideran que poden converterse nun factor de desigualdade social en función das condicións económicas e de formación das familias. Focaliza o problema en que non se explica o contido de forma que todo o alumnado o entenda e dáse por feito que esa comprensión se complementará fóra da clase, "de aí esa necesidade asumida de mandar e de realizar deberes". Por iso, apunta á necesidade de implantar unha metodoloxía de estudo que se adapte ás necesidades de todo o alumnado.

Deberes, si ou non?

Tal como están concibidos e co formato actual, non.

Os deberes poden provocar estrés nos nenos?

Si, pola presión que supoñen as consecuencias de non os facer. Isto afecta a avaliación e a nota final e únese á gran carga de traballo dos estudantes e á prioridade na súa realización respecto a outras actividades propias do lecer e tempo libre, igualmente necesarias para o desenvolvemento integral.

Os deberes poden xerar desigualdade social?

Por suposto. A dispoñibilidade de horarios das familias, a súa formación, a súa capacidade de transmitir coñecementos etc. varía moito e condiciona o proceso de aprendizaxe dos fillos. Ademais, ao incidir nas notas, inflúe na superación de cursos. Isto fai que as familias busquen clases particulares ou academias e, polo tanto, a progresión académica queda supeditada á capacidade económica das familias.

Habería que estender os servizos de reforzo educativo a todos os centros?

O reforzo non é a solución aos deberes nin está relacionado coa súa carga. En calquera caso, si sería recomendable estendelo a todos os centros. Nalgúns centros, as consellerías de Educación posibilitan o reforzo gratuíto, pero non o solicitan e, ao mesmo tempo, recoméndanlles ás familias que acudan a academias.

En xeral, as familias son favorables aos deberes?

As familias guíanse polas recomendacións do profesorado. Hai profesorado que non manda deberes e profesorado que si e, asemade, hai familias que están a favor dos deberes e outras que non.

Un exceso de deberes pode afectar a relación entre pais e fillos?

Afecta porque se antepón facer os deberes a calquera outro tipo de actividade familiar, lúdica etc. É unha recomendación do profesorado, non unha elección das familias. Ademais, inflúe negativamente na relación afectiva dos pais e dos fillos, xa que os pais adoitan exercer un labor de seguimento, vixilancia ou persecución sobre os fillos que tensa esta relación.

Os deberes en primaria están prohibidos. Sábeno os pais?

O feito de que non facer os deberes supoña unha mingua na cualificación provoca que as familias asuman esta norma. En canto ao profesorado, moitos incorporan esta práctica á súa liberdade de cátedra e aos criterios de avaliación das súas programacións didácticas, polo que se converte nunha pauta asumida por toda a comunidade educativa. Algúns factores que poden influír nesta decisión do profesorado son a presión por impartir todo o currículo, o aumento das ratios ou a realización de probas externas.

Que función han de cumprir os deberes en secundaria e no bacharelato?

A única función de realizar tarefas fóra do horario lectivo debe ser a de aplicar á vida diaria os coñecementos adquiridos na aula. Levar a cabo estas tarefas curriculares tanto en primaria coma en secundaria ha de ser unha actividade voluntaria e destinada a reforzar algunha materia ou contido puntual.

Que papel xogan os profesores?

A miúdo, o problema é que non se explica o contido de forma que todo o alumnado o entenda e dáse por feito que esa comprensión se complementará fóra da clase. De aí esa necesidade asumida de mandar e de realizar deberes. É necesaria unha metodoloxía que se adapte ás necesidades de todo o alumnado. Por outro lado, a xornada escolar tamén incide na carga de deberes. Os centros con xornada continua teñen unha maior carga porque se comprime a duración das clases, non hai tanto descanso entre elas, fórzase o ritmo de aprendizaxe, o que dificulta a comprensión, e ademais tanto no profesorado coma nas familias está implícita a idea de ter toda a tarde libre para facer os deberes.

As actividades extraescolares son outra forma de deberes?

Si, cando pretenden ser un reforzo dunha actividade curricular, como as extraescolares noutro idioma, salvo as que supoñen a realización dalgunha actividade lúdica. Non o serían aquelas actividades extraescolares lúdico-deportivas que responden ás preferencias e á motivacións dos nenos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto