Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

María Remedios Belando Montoro, profesora titular na Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid: "Os deberes son fundamentais na súa xusta medida"

 

Defende os deberes, pero adaptados a cada alumno, xa que non todos teñen as mesmas necesidades. Na opinión de María Remedios Belando Montoro, profesora titular na Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid, os deberes cumpren un papel fundamental ao consolidar a aprendizaxe na aula, impulsar a motivación para o estudo ou fomentar a disciplina, entre outros aspectos. Non obstante, advirte de que, en determinadas circunstancias, "poden provocar problemas de estrés ou baixa autoestima". En canto ao papel dos pais, teno claro: "Poden axudarlles aos seus fillos en tarefas moi concretas, pero os nenos deben aprender a resolver as súas dúbidas e a superar os obstáculos por si mesmos ou coa axuda dos seus compañeiros".

Deberes, si ou non?

Os deberes son fundamentais na súa xusta medida. Habería que adaptalos á situación particular e ás necesidades de aprendizaxe de cada alumno, pero isto requiriría uns recursos humanos e materiais dos que, lamentablemente, a maioría dos centros escolares carecen actualmente.

Cal ha de ser a función dos deberes?

Cos deberes consolídanse as aprendizaxes. Ademais, permiten afondar nos aspectos que máis lle interesan a cada alumno, o que resulta un elemento motivador fundamental no éxito académico. Tamén fomentan a disciplina, a organización e a responsabilidade, aínda que nalgúns casos poden provocar problemas de estrés ou de baixa autoestima cando se teñen dificultades para realizar as tarefas.

Recomendaría os deberes desde a primeira semana de clase?

Depende da etapa educativa, pero considero que a primeira semana de clase debe ser introdutoria, polo que non son necesarios. Os primeiros días constitúen un proceso de adaptación e as tarefas que se lle soliciten ao alumnado non deben ser excesivas.

En Finlandia, o modelo educativo que se destaca como referencia, os deberes ocupan os alumnos de 15 a 30 minutos diarios. En España, un escolar dedica de media dúas horas diarias, parécelle isto excesivo?

De novo, depende da etapa educativa, pero nos primeiros anos si me parece excesivo. Non obstante, tamén creo excesivo o tempo que moitos nenos lles dedican ás actividades extraescolares. Os nenos necesitan ter tempo para, simplemente, ler con tranquilidade na súa casa e xogar cos seus irmáns ou amigos, entre outras cousas.

Cal é o mellor momento para facer os deberes?

Os deberes deben realizarse a diario. A fin de semana pode dedicarse a reforzar algún tema, pero sobre todo a estar coa familia e cos amigos; aínda que isto varía en función da idade dos alumnos. Os estudantes de secundaria (ESO) e de bacharelato si que lle teñen que dedicar algunhas horas da fin de semana a estudar.

Os pais deben axudarlles aos fillos a faceren os deberes?

Nos últimos anos, a tendencia a lles axudar aos fillos cos deberes aumentou de xeito considerable, o que non se explica se se ten en conta que entre os principais obxectivos dos pais destaca o de axudar a que os fillos sexan progresivamente máis independentes. Os pais poden axudar en tarefas moi concretas; por exemplo, se o neno antes dun exame necesita repasar determinadas leccións ou temas. Pero os nenos deben aprender a resolver as súas dúbidas e a superar os atrancos por si mesmos ou coa axuda dos seus compañeiros. Isto forma parte de todo proceso de madureza.

A diversidade lingüística na educación engade dificultades á hora de facer os deberes?

Evidentemente, pode engadir dificultades, pero tamén é unha riqueza. Os mestres deben saber utilizar a diversidade nas aulas para motivar e enriquecer as aprendizaxes dos seus alumnos. Agora ben, ao chegaren á casa, estes nenos que non contan coa axuda dos seus pais realizan un esforzo que pode derivar en aspectos positivos, xa que desenvolven unha serie de competencias fundamentais para o seu desenvolvemento integral, non só académico. Nos últimos anos, realizáronse estudos que mostran o éxito escolar dos alumnos que se atopan nestas circunstancias.

Internet é unha ferramenta de axuda para facer os deberes?

Hoxe en día, o acceso á rede é unha necesidade para todos, pero o seu uso debe estar controlado nos menores. A través de internet, non só se accede a información e coñecementos actualizados, senón que tamén se ofrece o acceso a múltiples materiais e ferramentas motivadoras e con grandes potencialidades de aprendizaxe. Hoxe en día, o acceso á rede é practicamente universal en España e, de feito, se non é posible no propio domicilio, moitos centros públicos ofrecen un acceso gratuíto.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto