Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Elisa Medina, cofundadora de Mammalia, Asociación para a Normalización da Lactación Materna: "Aleitar é un dereito"

 

"Peito ata que nai e fillo queiran porque lles corresponde só a ambos". Elisa Medina, avogada e nai de dúas nenas, realiza unha defensa activa da lactación materna. É cofundadora de Mammalia, unha asociación de apoio á lactación materna con sede en Valencia e tamén membro da Federación Española de Asociacións Pro-Lactación Materna. O labor de Mammalia, creada en 2012, é axudar cada ano a decenas de embarazadas, familias e nais recentes a aleitaren os seus bebés cando teñen dificultades. Medina ten clara a súa posición respecto da lactación: "Os humanos somos mamíferos e, polo tanto, o peito é a forma natural de alimentar os nosos bebés".

A Organización Mundial da Saúde (OMS) aconsella dar o peito en exclusiva ata os seis meses e manter a lactación materna, complementada con outros alimentos, ata os dous anos. Está de acordo?

En Mammalia, proporcionamos información coherente coas recomendacións da OMS e do Comité de Lactación Materna da Asociación Española de Pediatría. Respecto da súa recomendación sobre dar o peito en exclusiva, a OMS baséase en dous estudos, nos que se comparaban a lactación materna exclusiva durante os catro e os seis meses. Concluíron que a dos catro meses era peor porque os nenos tomaban menos nutrientes e tiñan menos defensas. Ademais, a duración da lactación materna non é ata os dous anos, senón, a partir dos dous anos, tanto tempo como queiran a nai e mais o fillo.

A Sociedade Europea de Gastroenteroloxía Pediátrica, Hepatoloxía e Nutrición (ESPGHAN, nas súas siglas en inglés) aconsella introducir a alimentación entre as 17 e as 26 semanas da vida do bebé.

Esta recomendación non só contradí a OMS, tamén a maioría das entidades internacionais de referencia en alimentación infantil, que aconsellan a lactación materna exclusiva durante seis meses e, complementada con outros alimentos, durante dous anos ou máis. Neste sentido, é imprescindible citar a revisión de 2002 da rede de investigadores, profesionais, pacientes e interesados en saúde, Cochrane, titulada "Duración óptima da lactación exclusiva". Ademais, en opinión da Asociación Española de Pediatría, algunhas das recomendacións da sociedade europea non se axustan á evidencia científica máis actual e poden favorecer consellos non apropiados do pediatra que lles ocasionen problemas ás nais que desexan aleitar os seus fillos.

E que hai das papas?

As papas non son necesarias nin recomendables. É mellor ofrecerlle ao neno comida normal, de forma gradual e adaptada á súa idade.

A Asociación Española de Pediatría indica que, aínda que á saída do hospital o 80 % das nais lles dan o peito aos seus bebés, só o 52 % dos nenos de tres meses toman leite materno en exclusiva e a cifra baixa ata un 36 % cando o bebé cumpre seis meses. Como explica este abandono?

Falta información e apoio. Vivimos na cultura do biberón, as nais actuais apenas viron dar o peito. Non hai confianza en que a lactación materna sexa un mecanismo robusto da natureza. E, ademais, en ocasións difúndese información contraria á evidencia científica e ás recomendacións dos organismos con autoridade na materia. A lactación materna é un fenómeno "biocultural"; é dicir, non só alude á bioloxía da especie, senón que necesita unha cultura da lactación que foi vilipendiada durante anos.

Se unha muller que lle deixou de dar o peito ao seu bebé, ou que o está pensando seriamente, acode a Mammalia, como actúa o grupo de apoio á lactación?

Se desexa aleitar, en Mammalia ofrecerémoslle información e axuda, pero se xa decidiu non facelo non intentaremos convencela do contrario.

Cales son os principais beneficios da lactación materna e por que é importante que as nais aleiten os seus bebés?

A lactación materna é un dereito, é importante que as nais aleiten se para elas é importante. A lactación é o patrón normal de alimentación da nosa especie. Nos nenos, o biberón asóciase cun maior risco de meninxite e morte súbita, entre outras enfermidades. E para as nais as vantaxes máis relevantes da lactación son a prevención do cancro de mama e de ovarios. Estes beneficios esténdense a toda a sociedade, a todos nos interesa vivir nunha sociedade que aleita.

Aínda está mal visto aleitar?

En ocasións, e segundo en que circunstancias; por exemplo, segundo a frecuencia de tomas ou a idade do neno. Non está asumido de forma xeral o funcionamento normal da lactación.

Cre que hai presións para escoller entre peito e biberón?

Si. A cultura do biberón e os seus intereses económicos explican as presións para o abandono precoz da lactación materna.

A psicóloga Laura Rojas-Marcos declarou que a tendencia actual de alongar o tempo de lactación durante máis de dous anos pode supoñer unha dependencia excesiva, incluso unha forma de escravitude para a muller. Está de acordo?

A formulación da que parte é errónea Non é que hoxe se alongue a lactación materna, senón que en décadas anteriores se acurtou de forma dramática. Estudos antropolóxicos sitúan a idade natural da desteta entre os dous anos e medio e os sete anos. A decisión de dar o peito e durante canto tempo debe ser libre e persoal, o que resulta incompatible co concepto de escravitude.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto