Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Miguel Ángel Royo-Bordonada, xefe da Área de Estudos da Escola Nacional de Sanidade. Instituto de Saúde Carlos III: "Non se pode agardar que os nenos teñan hábitos saudables se o seu ámbito os empurra na dirección contraria"

 

Médico, investigador e especialista en medicina preventiva e saúde pública, Miguel Ángel Royo-Bordonada desenvolveu numerosos estudos sobre a alimentación infantil en España. Preocúpanlle as actuais taxas de sobrepeso e obesidade

Cales son os índices de obesidade infantil en España?

Un de cada tres nenos padece sobrepeso ou obesidade. A noticia esperanzadora é que a prevalencia da obesidade parece estabilizarse. Se comparamos os datos de 2006 e 2012 da Enquisa Nacional de Saúde, vemos que se mantén estable ou que diminúe lixeiramente. Con todo, a prevalencia podería estar aumentando nos grupos socioeconómicos máis desfavorecidos. De todos os xeitos, a realidade é que as cifras seguen a ser inaceptablemente altas e non podemos asegurar que non vaian repuntar nun futuro. Por tanto, lonxe de caer no conformismo, debemos manter a alerta e actuar decididamente para reverter a actual situación.

Hai un factor económico nas taxas de obesidade?

Si. Xa sabiamos que a prevalencia da obesidade é maior nas clases sociais máis desfavorecidas. O que observamos agora é que a tendencia positiva de estabilización é máis favorable nas clases sociais máis favorecidas. Os menores que proceden de clases sociais baixas benefícianse menos desta tendencia polos seus condicionantes socioeconómicos. Por tanto, a brecha social en obesidade infantil podería estar aumentando aínda máis.

Ata que punto condiciona o ámbito?

Os hábitos alimentarios dependen moito das influencias externas; os condicionantes ambientais e socioeconómicos determinan o que un come e bebe e tamén a práctica de exercicio físico. Podes dicirlle a un neno que coma froita, pero dificilmente o fará se ve vinte anuncios ao día que o animan a comer outro tipo de produtos, se atopa no seu colexio unha máquina expendedora de alimentos cun valor nutricional pobre ou se os seus pais non a comen habitualmente. Non se pode agardar que os nenos teñan hábitos saudables se o seu ámbito os empurra na dirección contraria.

Que futuro se perfila coas actuais cifras de obesidade infantil?

A obesidade infantil é o gran reto sanitario do futuro, é unha bomba de reloxería. Os estudos de seguimento mostran que os nenos con obesidade teñen unha elevada probabilidade de converterse en adultos obesos. Isto aumenta o risco de diabetes e enfermidades cardiovasculares, que son a primeira causa de mortalidade, pero tamén incrementa os problemas ortopédicos e algúns tipos de cancros. Algunhas estimacións indican que, na próxima xeración, a esperanza de vida dos nosos fillos podería ser menor que a nosa.

Existen iniciativas para combater a obesidade infantil, pero parece que os esforzos nunca son suficientes. Que é o que está fallando?

Hai varias cousas que deberiamos facer e non facemos. A primeira, mellorar a regulación da publicidade de alimentos dirixida aos nenos. Esta é unha prioridade absoluta. En España, o código PAOS regula as técnicas de mercadotecnia que se utilizan cos nenos. Impide, por exemplo, que se usen personaxes famosos para promover alimentos altamente enerxéticos e pobres en nutrientes. No entanto, non limita o tipo de produtos que se pode anunciar. O código PAOS non reduce a exposición dos menores á publicidade destes produtos. Ademais, na televisión só afecta os menores de 12 anos, mentres que noutros países chega ata os 16 ou 18 anos. A ferramenta que temos, por tanto, é insuficiente.

Que outras cousas deberiamos corrixir?

Deberíase atender de forma máis decidida o ámbito escolar e prohibir que haxa máquinas expendendoras ou, polo menos, esixir que eses alimentos cumpran cuns mínimos estándares de calidade nutricional. En España, en 2010, desenvolveuse un conxunto de recomendacións para a oferta alimentaria dos comedores escolares e do ámbito escolar. Pero non deixan de ser iso, recomendacións. Por tanto, non hai ninguén responsable de vixiar se estas se están cumprindo ou non, nin de obrigar a que se cumpran. E hai outras iniciativas que conviría impulsar.

Cales?

É necesario mellorar a información nutricional dos produtos, ofrecerlles aos consumidores unha etiquetaxe de fácil lectura e comprensión. Habería que pensar en subsidios para produtos saudables e políticas activas para fomentar a práctica de actividade física. E ambas as cousas deberían estar orientadas, sobre todo, ás persoas con menos recursos. E, por suposto, necesítanse campañas de mercadotecnia social sostidas no tempo para promover hábitos de vida saudables. Houbo campañas moi boas, como "Esperta, almorza, come san e móvete!", desenvolvida no marco da estratexia Naves, que duraron apenas uns meses. Era un anuncio estupendo, pero de só uns vinte segundos. Fronte a iso, os nenos están expostos a uns vinte anuncios diarios de produtos alimentarios e bebidas, dos cales o 70 % son altamente enerxéticos e pobres en nutrientes.

A que se debe ese desequilibrio?

Á falta de recursos. Basta comparar o que se inviste en educación en hábitos nutricionais saudables a menores co investimento das compañías en publicidade de produtos altamente procesados, pobres en nutrientes e ricos en graxas e azucres. A diferenza é abismal: mentres o investimento en educación saudable se mide en unidades ou en decenas de millóns de euros, o investimento en publicidade de produtos procesados, altamente enerxéticos e pobres en nutrientes, mídese en centenas ou miles de millóns de euros.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto