Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Paloma Bel Durán, profesora de Economía da Universidade Complutense de Madrid: "Se non hai consumo, non hai produción e, se non xeramos riqueza, non se desbloqueará o desemprego"

  Paloma Bel Durán é optimista e ve a luz ao final do túnel. Pero con cautela. O camiño foi lento, pero esta profesora de Economía da Universidade Complutense de Madrid empeza a notar a confianza, o que xera algo máis de alegría no consumo. E este, pola súa vez, permite que os empresarios tamén confíen no sistema e en que a roda siga virando.

Segundo numerosos expertos, a situación económica no noso país está a mellorar. Podemos crer que desta volta si se pode falar de "brotes verdes"?

Unha cousa é falar de indicadores económicos e outra da realidade na rúa. As últimas revisións son á alza: a economía española crecerá un 2,4 % en 2015, xeraranse 330.000 empregos e reducirase o paro ao 22,45 % (segundo Funcas). Os últimos estudos realizados apuntan a que cinco trimestres de crecemento poden facer pensar nun cambio de ciclo. Pero a mellora da economía e da riqueza medida a través destes indicadores non chega aos cidadáns de forma inmediata. Alcanzáronse niveis de pobreza impensables, desequilibrios inmensos e desconfianza no sistema e nos gobernantes. A duración da crise provocou males que chegan a facerse crónicos.

Séguese destruíndo emprego?

Non se dan as circunstancias para crear grandes empresas e, segundo os datos ofrecidos polo Directorio Nacional de Empresas do INE, séguese mantendo a destrución do tecido produtivo. Ademais, máis do 50 % das empresas activas son autónomos que desenvolven unha actividade de forma individual, o que indica que se están facendo esforzos para saír adiante. Non se dan as circunstancias favorables para xerar grandes empresas que cren emprego externo, pero están a darse pasos para xerar o noso propio posto de traballo. O principio empresarial de crecemento, cando as circunstancias sexan máis favorables, fará o resto.

O 1 de xaneiro entrou en vigor un aluvión de cambios. Como cre que afectarán na rúa?

Nunha situación como a actual, non xa de recesión senón de estancamento, unha baixada de impostos ha de procurar a reactivación do consumo e a xeración de riqueza. Agora ben, esta reforma non está nin estará exenta de críticas relacionadas coa conveniencia desta pola proximidade das eleccións, co prexuízo ás clases medias e coa necesaria compensación da perda de ingresos nun momento como o actual, no que aínda hai recortes que afectan servizos e prestacións.

Respecto ao mercado laboral, fálase dun paro estrutural para España do 18 %. Pode un país soportar semellantes cifras de desemprego?

Non. Desde hai tempo, dise que un paro desa magnitude non podería sosterse e que a crise procuraba un incremento da economía somerxida de arredor do 25 % do PIB. En efecto, a crise é o caldo de cultivo para incrementar a economía somerxida e parece que o fai con maior virulencia nas zonas onde o paro alcanza niveis superiores e nas que máis se sufriu a reestruturación do sector inmobiliario e da construción.

Esta crise afecta a moita xente nova

Si. En España, hai mozos desempregados de longa duración, outros ocupando postos de traballo de categorías inferiores á súa formación e que, segundo a Organización Internacional do Traballo, son os últimos en ser contratados e os primeiros en ser despedidos. Ese é o noso lastre e temos que mirar con optimismo e pensar nunha xeración capaz de superar as dificultades. Todo iso só é posible se lles procuramos unha alternativa e unha esperanza.

En 2015, prevese o crecemento do consumo privado, o que acelerará o avance da economía en xeral. Esta previsión é acertada ou demasiado optimista?

Segundo o informe EAPN 2004-2014, enfrontámonos a unhas cifras de pobreza arrepiantes. En España, xa hai tres millóns de persoas en situación de "pobreza severa" (segundo a terminoloxía de Cáritas Española); isto é, que viven con menos de 307 euros ao mes. Esta cifra constitúe o 6,5 % da poboación española e duplicouse desde o ano 2007. Este mal, aguilloado por unha crise de longa duración, é de moi difícil recondución. Debemos ter en conta que os niveis nos que nos atopamos son tan baixos que calquera variación en termos relativos é enorme, aínda que en termos absolutos falemos de moi pouco. Con todo, comézase a albiscar unha aceleración do consumo interno que poderá crear unha demanda que as empresas haberán de satisfacer.

Hai quen defende un maior consumo para lle facer fronte á crise. Porén, outros avogan polas restricións para superar esta etapa. Que opina?

Non hai outra. Se non hai consumo, non hai produción e, se non xeramos riqueza, non se desbloquearán o resto das variables, sobre todo, o desemprego.

Como se poden minimizar os efectos da costa de xaneiro? Hai unha regra de ouro?

É inevitable que o consumo perda a súa moderación. Unha regra básica para as empresas, e por tanto aplicable tamén ás familias, é a planificación. Planificar supón anticiparse ao futuro e orzar con racionalidade tendo en conta os recursos cos que contamos e tamén as obrigas de pago que temos comprometidas. Require ter en conta todos os gastos previstos, os ingresos e todos os escenarios posibles. Basta con preguntarnos "que pasaría se...?".


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto