Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Manuel Moñino, dietista-nutricionista, presidente do Comité Científico da Asociación 5 ao Día e investigador de CIBER da Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición: "Para que os nenos coman san na casa, hai que ter un plan de alimentación e cumprilo"

Ao falar de alimentación infantil, Manuel Moñino pon tres palabras sobre a mesa: compromiso, responsabilidade e paciencia. "A educación dos nosos fillos supón toda unha vida por diante e, polo tanto, é mellor ir amodo", sinala o investigador. Dende o seu punto de vista, comer san non é máis caro e é posible -ademais de imprescindible- incorporar a froita e a verdura á dieta dos nenos. Segundo el, a responsabilidade é dos pais, que tamén deben adoptar hábitos saudables e darlles exemplo aos seus fillos. Nesta entrevista, ofrece as claves para crear unha contorna favorable e mellorar a alimentación dos nenos na casa.

 

Os pais comprenden a importancia de comer cinco racións de froita e verdura ao día?

Si, sobre todo, cando os nenos son pequenos. Ata os 3 anos, prestáselle moita atención á súa dieta e os pais son moi estritos. Porén, unha vez que pasa esa idade, lídase con outros factores, como as neofobias ou que o neno teña un apetito distinto e errático. Esas situacións hai que xestionalas con paciencia e cunha contorna de tranquilidade, na que os pais sexan quen de dar exemplo.

E damos un bo exemplo?

Non, as estatísticas así o reflicten. O 40 % dos nenos de entre 5 e 14 anos non toma froita a diario e o 20 % faino dúas veces á semana como máximo. Coas verduras é peor: o 63 % dos nenos non as consome a diario e a cifra agrávase entre os nenos de 6 e 9 anos, cifra que chega ao 85 %. En contrapartida, si toman comida rápida e refrescos con frecuencia semanal, mesmo máis dunha vez á semana.

Como se poden incorporar froitas e verduras no menú dos nenos?

Por exemplo, se na casa preparamos uns anacos de froita fresca no almorzo e llelos ofrecemos xunto co que estean a tomar (leite, pan ou cereais), é moi probable que os coman. Sobre todo, se o facemos con regularidade e se nós tamén comemos. Entre horas ou nas merendas son outros bos momentos para ofrecer froita. As sobremesas sempre deben ser de froita, non podemos substituíla por un lácteo. As verduras deben estar presentes na comida e mais na cea. Hai moitas opcións: facer un prato de espaguetes e incluír follas de espinacas en cru ou engadir máis verduras na salsa de tomate, tipo pisto. A idea é que coñeza un elenco variado, tanto de alimentos coma de preparacións.

Cal é a clave para lograr que os nenos coman ben na casa?

Debemos ter un plan. É fundamental establecer de antemán os horarios das comidas, o tipo de pratos que se van servir, as racións, o respecto cara ao gusto dos nenos e a coherencia entre os pais. Ademais, debe ser un plan que nós poidamos asumir. Se non, os nosos fillos están lexitimados para negarse. Así, a coherencia é importante, e tamén o é que a contorna sexa relaxada, sen tensión, sen berros e sen improvisación. Cando improvisamos, recorremos a alimentos de fácil preparación, moitas veces precociñados e ricos en graxas e en sal.

Por que os nenos comen tan ben no comedor escolar e na casa non?

Pola contorna. No comedor escolar, dáse unha contorna favorable: é un ámbito social, non hai tensión, nin tampouco unha presión continuada por parte dos coidadores. Na casa, a televisión está moitas veces acesa, os pais poñémonos nerviosos porque o neno non come coa dilixencia que esperamos, gritamos e hai tensión e incoherencias na mesa. É importantísimo crear un ambiente sosegado e non perder o control. Os nenos poden ter algún capricho, algún gusto especial, pero o que se fai a diario na casa é responsabilidade dos pais.

Comer san é máis caro?

Non. Un estudo feito na Asociación 5 ao Día puxo en evidencia que comer os 600 gramos diarios de froitas e verduras recomendados non custa máis que 0,60 euros. Polo tanto, o prezo non é o problema. O que si é certo é que é máis fácil comprar alimentos insáns ca sans. Moitas veces, somos vulnerables á presión da publicidade, ao 3x2, que adoita coincidir con alimentos graxos ou que teñen moito azucre engadido. Iso ocasiona nalgún momento desequilibrios nutricionais nas familias que optan por estes prezos especiais de maneira habitual. As froitas e as hortalizas son compatibles coas pequenas economías. Con todo, os grupos de poboación con menos recursos teñen máis risco de obesidade e de enfermidades crónicas porque os alimentos que seleccionan teñen un peor perfil nutricional.

Que papel desempeñan os avós na alimentación dos pequenos?

En xeral, os avós teñen un patrón de dieta mediterránea de maior adherencia. Cando coidan os netos, debemos facelos coñecedores do noso plan de alimentación e saúde, explicarlles que comen os nenos e con que frecuencia. Eles deben ser partícipes da nosa estratexia. E, se non a temos, probablemente coman mellor cos avós ca connosco.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto