Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Ana María López Sobaler, doutora en Farmacia e profesora titular de Nutrición na Universidade Complutense de Madrid: "Incentivar o consumo de alimentos saudables axudaría a desprazar da dieta aqueles que son ricos en azucres"

 

O consumo excesivo de azucre preocúpalle á Organización Mundial da Saúde (OMS), e é por isto polo que se formula reducir á metade a inxestión diaria recomendada. En España, duplicamos o tope actual, fixado nun 10 % do total das calorías diarias que consumimos. A relación dos azucres simples con certas enfermidades, como a carie dental, xerou un interesante debate sobre como se pode reducir este consumo sen que isto afecte o equilibrio da dieta. A proposta máis destacada -aplicarlles taxas ou gravames especiais aos alimentos ricos en azucre- é tamén a máis polémica. "Podería provocar que as persoas substitúan os alimentos azucrados por outros graxos", advirte Ana María López Sobaler, doutora en Farmacia, experta en Nutrición e investigadora de Valornut, o grupo de Valoración Nutricional de Individuos e Colectivos da Universidade Complutense de Madrid, onde tamén é profesora.

Consumimos máis azucre do que deberiamos?

A OMS é a institución de referencia e, de momento, aconsella que o consumo de azucres sinxelos non supere o 10 % da inxestión calorífica total. En España, segundo grupos de idades, os azucres sinxelos representan entre un 18 % e un 20 % das calorías que consumimos. Case duplicamos a recomendación da OMS. Non obstante, debemos ter presente que estas cifras inclúen tanto o azucre presente nos alimentos de forma natural coma o engadido. Segundo as enquisas nacionais, un 30 % do azucre que tomamos é o que nós engadimos. O 70 % está escondido nos alimentos, xa sexa de xeito natural ou industrial.

En que alimentos se esconde o azucre?

Nas galletas, na bolería, nas lambetadas..., pero tamén nas froitas, onde está presente de xeito natural. A finalidade do azucre engadido nos alimentos é moitas veces tecnolóxica: mellorar o sabor, quitar o gusto ácido ou actuar como conservante. O problema é que a poboación non sempre percibe que está a tomar tanto azucre porque nos alimentos procesados descoñecemos moitas veces canto azucre hai. A etiquetaxe dos produtos ten unha gran marxe de mellora.

O azucre é malo para a saúde?

Ningún alimento é malo en si mesmo e o azucre ten o seu lugar nunha dieta saudable. Admítese que haxa unha porcentaxe de calorías que proveña das proteínas, dos lípidos, dos hidratos de carbono e, dentro destes, dos azucres sinxelos. O tope é do 10 %, como diciamos antes, pero non porque o azucre sexa malo, senón porque o feito de aumentar a porcentaxe de algo fai que se lles reste a outras cousas que tamén se necesitan, e neste caso son os nutrientes. As porcentaxes axúdannos a manter un equilibrio na dieta, na que debe haber variedade e moderación.

Que problemas supón consumir máis azucre do indicado?

O principal risco é que despraza da dieta outros alimentos que poden ser máis nutritivos. Hai algunhas excepcións, coma os cereais de almorzo, que conteñen tamén vitaminas e minerais; pero en xeral alimentos coma os xeados, as galletas, os pasteis ou os bolos só nos achegan calorías. Outro problema é a carie, pois existe unha clara relación entre o consumo de produtos azucrados e a carie dental. Non obstante, non todos os alimentos con azucre son igual de carioxénicos. Isto depende do tempo que ese alimento estea en contacto cos dentes, da hixiene dental, de se as augas están fluoradas... É dicir, non é o mesmo un caramelo dos que se pegan nos dentes ca unha bebida con azucre que case non está en contacto coa boca.

A OMS formúlase reducir a inxestión recomendada de azucre do 10 % ao 5 %. Vostede ve isto factible?

É algo estrito. Reducir a inxestión de azucres sinxelos a un 5 % permitiría aumentar a inxestión doutros hidratos de carbono ou de fibra. Non teño tan claro que se consiga ese obxectivo sen estragar outros aspectos da dieta. Se a poboación non ten unha mellor alternativa coa que substituír o azucre, pode acabar desequilibrando a dieta e desviándoa cara a alimentos con máis cantidade de graxa, por exemplo. E os alimentos graxos, como está demostrado, favorecen a obesidade. En nutrición, son moito máis eficaces as medidas positivas que as negativas.

Entón, gravar con máis impostos os alimentos azucrados non sería unha boa medida.

Hai que facer algo dende o ámbito político para loitar contra unha serie de enfermidades que teñen unha base na mala dieta, pero antes de poñer en marcha calquera medida é imprescindible comprobar que funciona, para que non teña un efecto inesperado e negativo.

Que accións se poderían deseñar neste sentido?

Débese traballar coa industria alimentaria para que haxa unha oferta saudable de alimentos e mesmo para que reduza de xeito paulatino as cantidades de azucre que emprega na elaboración, como se está a facer co sal no pan. A cooperación dos fabricantes e dos mercados é fundamental. Para elixir un alimento san, a oferta debe existir e o consumidor debe tela ao seu alcance. Hai estudos que demostran que gravar certos alimentos con impostos non fai que o consumidor cambie os seus hábitos de compra. En cambio, subvencionar os máis saudables si podería funcionar. Se na nosa dieta faltan hidratos de carbono complexos ou fibra, é máis recomendable xerar estratexias que axuden a tomar máis froitas, máis verduras, máis cereais integrais, máis hortalizas. Iso fará que o consumidor co tempo aprenda a desprazar alimentos ricos en azucres.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto