Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Doutora Inmaculada González-Carbajal García. Presidenta da Federación Española de Médicos Homeópatas: "Non exercemos a homeopatía en contra de ninguén, senón como unha opción posible dentro do contexto da medicina"

 Inmaculada González-Carbajal García é doutora en Medicina e exerce a homeopatía dende hai 32 anos. O seu primeiro encontro coa homeopatía tivo lugar cando traballaba na Seguridade Social, momento en que a escolleu como unha opción terapéutica. Velaquí as súas palabras: "Sempre considerei que cada ser humano é un individuo único que experimenta a vida de xeito único e, cando está enfermo, sofre dunha forma tamén diferente a calquera outro coa mesma enfermidade". A doutora explica que a homeopatía lle ofrece a posibilidade deste achegamento, xa que contempla cada individuo como un ser único e adapta o tratamento a cada un, tanto en relación co medicamento coma coa dose. "Ante todo son médica e son homeópata por elección, como podería exercer calquera outra especialidade", aclara González-Carbajal. Na actualidade, é presidenta da Federación Española de Médicos Homeópatas, da Academia de Homeopatía de Asturias, e é tamén vogal de Homeopatía, na Sección Colexial de Médicos Acupuntores, Homeópatas e Naturistas do Colexio de Oviedo.

Parece que os medicamentos homeopáticos se regularán a través dunha nova orde ministerial, que opina sobre isto?

Pasariamos da regulación provisional que existe dende 1994 a unha regulación definitiva e sempre consonte os criterios europeos. Falta coñecer os detalles para facer unha valoración completa, por isto é mellor ser prudente e esperar a coñecer todas as condicións.

De que están compostos os medicamentos homeopáticos?

Trátase de substancias de orixe vexetal, animal ou mineral que foron experimentadas seguindo o protocolo específico da homeopatía para coñecer o seu potencial terapéutico. Os medicamentos prepáranse en laboratorios e dispénsanse en farmacias. Están incluídos como tales na Lei do medicamento de 2006, onde se recoñecen oficialmente as súas características específicas.

Hai quen di que se basean nun efecto placebo...

Nalgúns países de Europa están no seu sistema de Seguridade Social. Cada día, crece a demanda polo éxito que ten a súa aplicación nos nenos pequenos. Consolidouse como un sistema terapéutico no eido mundial que atende máis de 300 millóns de usuarios, e está recoñecido oficialmente pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Toda esta realidade tan complexa non pode concluírse de forma simplista dicindo que se trata só dun placebo.

Que argumentos sosteñen a homeopatía como medicina?

O primeiro argumento é a súa vixencia despois de máis de douscentos anos. O segundo é, sen dúbida, a súa eficacia en multitude de cadros clínicos: cefaleas, asma, dermatite, rinite, bronquite, cadros infecciosos de repetición, enfermidades crónicas como artrite reumatoide, esclerose múltiple, fibromialxia etc. O terceiro é que se desenvolven traballos experimentais tanto a nivel clínico, coma a nivel físico e químico e en farmacia, e tamén se fai investigación básica en veterinaria e en cultivos celulares, animais e vexetais.

Por que hai tantas voces en contra da homeopatía?

Non son tantas as voces en contra e descoñezo as razóns ocultas polas que algunhas persoas lanzan infundados ataques contra a homeopatía. A realidade é que os argumentos que utilizan evidencian un gran descoñecemento sobre esta. Tamén é difícil falar cando os prexuízos bloquean toda posibilidade de diálogo.

Ser médico homeópata significa relegar a medicina convencional?

Quero deixar claro que primeiro somos médicos e, por diferentes razóns, eliximos a homeopatía como unha forma de medicina que nos proporciona un marco específico para exercer a nosa profesión. Entre nós hai moitos especialistas, médicos de familia, persoas con teses de doutoramento... Non exercemos a homeopatía en contra de ninguén, senón como unha opción posible dentro do contexto xeral da medicina. En moitos casos, tamén de forma complementaria.

Que cre que lle falta á homeopatía, como ciencia, para que se respecte tanto como a medicina convencional?

Sería importante que houbese posibilidades económicas para desenvolver máis traballos neste ámbito. De todos os xeitos, o respecto é unha actitude que debería ir por diante ante todo o que descoñecemos.

Que lles diría aos que están en contra?

Non vou lanzar ningunha mensaxe porque non estou en contra de ninguén. Hoxe en día, hai moitas causas nobres polas que loitar. Estamos nun momento difícil no que son necesarias todas as enerxías para axudar a moita xente que o necesita.

Quen regula o prezo?

Os laboratorios e os fabricantes de medicamentos homeopáticos axustan os prezos segundo o custo da súa elaboración.

Coa nova norma, deberanse adquirir con receita?

Aínda falta por dar este paso e os médicos homeópatas estámolo a formular como necesario para algúns tipos de medicamentos homeopáticos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto