Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Ideas prácticas para non tirar a comida

Existen maneiras moi sinxelas de aproveitar ao máximo a comida e de non tirar alimentos mentres se aforra tempo e diñeiro

  Na casa, nos restaurantes, con pequenos xestos cotiáns ou a escala empresarial... Desperdiciamos moita comida. Demasiada, segundo os datos máis rigorosos que existen ata a data. As estimacións da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) apuntan que a terceira parte dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano se tira ou se perde. E no noso país as cifras non son máis prometedoras. Datos procedentes dun estudo da Confederación Española de Cooperativas de Consumidores e Usuarios (Hispacoop), da que Eroski forma parte, sinalan que cada fogar tira case 80 quilos de alimentos ao lixo cada ano. Ademais de incidir na educación nutricional e na nosa responsabilidade como consumidores, que podemos facer para evitalo?, como se pode reverter esta tendencia? No seguinte artigo ofrécense algunhas ideas domésticas e sinxelas para non desperdiciar alimentos.

Consellos para non desperdiciar alimentos

 
  • Planificación. O primeiro que debe poñerse en práctica para lograr unha boa nutrición, unha correcta alimentación e unha economía doméstica saudable é planificar unha dieta acorde ás necesidades. E isto só se consegue cunha previsión acertada do consumo real que se fai dos alimentos perecedoiros. A maior proba de que debemos cambiar de hábitos atopámola nos restos dos países industrializados, que son enormes, e esta situación débese, en boa medida, á dinámica de "usar e tirar". Esta rutina promove o apetito insaciable de comprar sen necesidade nin criterio, e isto conduce en última instancia a tirar o que ocupa, o que non apetece ou o que se estragou.
  • Conservación. Con azucre ou con sal, en aceite, no conxelador ou ao baleiro... Son moitas as técnicas que existen para conservar os alimentos, tanto en cru coma en cociñado. Algunhas son modernas e outras, en cambio, son milenarias, como a salmoira. O azucre tamén é un conservador natural, como recolle o European Food Information Council. Entre as distintas técnicas "doces", o xarope permite aproveitar o excedente de froita fresca de tempada para gozalo noutros momentos do ano, sen desperdiciar nin un gramo. O mesmo pode dicirse do aceite, co que é posible manter en perfecto estado outros alimentos perecedoiros, como a carne ou o queixo. Aprender a meter os alimentos en botes na casa é unha forma eficaz, económica e práctica para controlar o gasto e, ao mesmo tempo, para non desperdiciar alimentos.
  • Aproveitalo todo. Así como un grupo de expertos da Universidade de Leicester, Reino Unido, investiga como transformar as cascas de ovo nun material apto para o envasado de alimentos, nós podemos poñer en marcha distintas iniciativas na casa, sen necesidade dun laboratorio e sen grandes coñecementos científicos.
    • O primeiro consello é incluír como alimento o que moitas veces se descarta, coma os talos, as sementes e as follas das verduras, as hortalizas e os legumes. Esta proposta, de feito, forma parte das campañas que desenvolve a FAO en certas zonas de América Latina, do Caribe e de África para comer mellor e desperdiciar menos.
    • O segundo, pensar en que utilidade lles podemos dar a outras partes dos alimentos frescos, como a pel das froitas. Unha práctica moi habitual é pelar unha mazá e tirar a casca ao lixo, cando en realidade a poderiamos incluír en numerosas preparacións. Licuados, batidos ou purés, compotas ou froitas asadas son só algúns exemplos gastronómicos que admiten a pel de moitas pezas. Ademais, convén lembrar que a pel das froitas concentra unha fracción importante da súa composición nutricional global; en particular, de vitaminas, compostos antioxidantes e fibra insoluble.
    • Coas peles que son menos agradecidas hai outras opcións que se poden estudar. Se son cascas de cítricos -lima, limón, laranxa etc.-, podemos relalas e utilizalas para aromatizar azucres ou para lles dar sabor aos biscoitos. Se son cascas de tubérculos -como patacas, iuca ou batatas-, podemos preparar compost ou fertilizante natural para as nosas plantas.
    • Cando temos demasiadas verduras pero nos falta tempo para guisar, non hai por que deixar que o xénero se bote a perder ou que queden murchas as follas. Unha práctica sa e unha rápida solución é preparar deliciosos zumes de verduras.
  • Reutilizar ao máximo. Moitos alimentos, mesmo despois de seren cociñados, teñen segundas e terceiras vidas. E esta época do ano é estupenda para comprobalo, pois nas festas non só comemos de máis, tamén cociñamos de máis e tiramos moita comida. Se nos sobran sobremesas ou doces, podemos reutilizalos como ingredientes doutras receitas: a macedonia pode converterse nun batido de froitas ou en parte dun pastel de froitas (tipo plum cake), e cos turróns e cos polvoróns podemos facer cremas, xeados ou cupcakes, que están moi de moda. O excedente de carnes, aves e peixes asados pode reutilizarse como recheo de pementos, como bases para sopas ou como un delicioso ingrediente de croquetas. O marisco que sobra -que adoita ser moito- ben pode incluírse en exquisitas ensaladas ou empregarse como base para facer un caldo moi saboroso co que, pola súa vez, podemos preparar un arroz. En canto ao pan, é quizais o alimento con máis posibilidades de aproveitamento: relado, en torradas, como carochos, como bases para canapés, en sopas de allo, para facer migas estremeñas...
  • Compartir. Este último consello, que parece unha obviedade, non sempre se pon en práctica cando organizamos unha comida e facemos pratos de máis. Nas reunións familiares ou nas celebracións con amigos, o obxectivo gastronómico é que todos gocen e que ninguén quede con fame. Calcular ben os ingredientes é un todo un desafío ao que, por se fose pouco, lle engadimos esa "cultura das sobras". A tradición é tan forte que ata ten as súas propias frases. "Mellor que sobre ca que falte" é unha. A outra, "se non sobrou é que faltou". Tomar conciencia destes costumes permite cambialas ou, polo menos, facer algo ao respecto. Se sobra moita comida, ademais de conxelar, conservar e reutilizar na casa, podemos obsequiar os nosos comensais cun pouco para que o leven para a casa.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto