Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Rafael Santandreu, Psicólogo e autor de A arte de non se amargar a vida: "Se nos deixamos deprimir polo paro, teremos dous problemas e o segundo pode ser moito peor"

 Aínda que custe crelo, "mesmo sen emprego podemos ser felices". O psicólogo Rafael Santandreu afirma que a clave está na fortaleza emocional. Estar no paro é un problema. Preocuparse por iso son dous. O coidado da mente parece caer en descoido, pero o autor do libro A arte de non se amargar a vida (Editorial Oniro, 2011) reivindícao. A contracorrente e nun mundo dominado polo "terribilismo", lamenta que nos castiguemos tanto e bota man dun dos mellores científicos para explicar por que é tan importante ter unha actitude positiva: "Completamente paralizado e sen poder falar, Stephen Hawking asombra pola súa intelixencia e polo seu xeito de afrontar a vida. É unha persoa moi feliz".

A persoa optimista nace ou faise?

Nun 25 % nacemos optimistas ou pesimistas, pero nun 75 % educámonos nun sentido ou noutro. Polo tanto, temos unha gran marxe de mellora. No meu libro A arte de non se amargar a vida, do que se acaba de publicar unha nova edición, cito o caso da actriz María Luisa Merlo, que asegurou que foi unha persoa moi desgraciada e infeliz ata os 50 anos. E a partir desa idade, e grazas a unha terapia intensa, transformouse. Aprendeu a ser feliz. Todos podemos educarnos para sermos persoas fortes.

E como se consegue esa felicidade

O filósofo Epicteto foi escravo durante boa parte da súa vida e foi feliz. Diógenes vivía dentro dun tonel, sen casa nin bens, e era un home harmónico e sabio. Non nos afecta o que nos sucede, senón o que pensamos acerca do que nos pasa. A maior parte das adversidades son nimiedades, pero se nos dicimos a nós mesmos que o que nos está a ocorrer é un desastre e que non se pode soportar, acabaremos por crelo e iso faranos infelices. Precisamos moi pouco para estar ben.

Pódese deixar de escoitar ese diálogo interior?

Temos que intentalo. Hai que cambiar o diálogo negativo por un positivo, o que nos dicimos a nós mesmos cando nos suceden as adversidades. Iso é o que provoca as emocións. Cando dicimos que algo "nos pon dos nervios", o que sucede é que nos parece "intolerable". As persoas fortes e felices non esaxeran nunca e teñen emocións moderadas.

Castigámonos moito?

Moitísimo! Nunca antes a xente se esixira tanto como agora. Para ser unha persoa decente temos que ser guapos, delgados, intelixentes, ter carreira, un bo traballo, unha parella, fillos, ser extrovertidos, estar en forma, saber idiomas, viaxar... E mil cousas máis! Se non cumprimos unha soa destas condicións, somos menos especiais. Hai tan só 30 anos, os nosos pais e os nosos avós non se esixían tanto e eran máis felices. A superesixencia vólvenos "tolos".

Vostede afirma que tamén nos fai padecer "terribilitis". En que consiste esta enfermidade?

A "terribilitis" é a nai de todas as neuras, da depresión e da ansiedade. Consiste en avaliar como terribles aspectos que non o son. A miúdo, dicímonos que se perdésemos o traballo ou se nos deixase a nosa parella sería terrible. Dicirmos iso énchenos de ansiedade. A "terribilitis" cúrase se nos convencemos, con argumentos, de que practicamente nada é terrible nesta vida. Se o peor que nos pode pasar é morrer e iso está garantido, a que lle imos ter medo?

A "necesititis"?

É a outra cara da "terribilitis". Supón dicirnos a nós mesmos que necesitamos isto ou o outro para sermos felices, xa que se non fose así suporía un fracaso. En canto ás persoas fortes, teñen poucas necesidades. Se teñen parella, xenial; se non a teñen, non é a fin do mundo.

Mellor así porque a vida en parella parece que está en crise.

  Cada vez hai máis separacións porque non sabemos convivir, porque esiximos. Nunca teriamos que esixir nada, aínda que teñamos razón. As relacións son unha mestura de renunciar, de suxerir e de ver que é o que pasa. Se actuamos así, a nosa parella terá ganas de nos compracer e todo fluirá.

Aguanta unha parella sen poñer límites?

Si. En terapia, ensínolles ás parellas unha nova forma de comunicarse baseada no amor e na tolerancia total. Isto transfórmaos e volven namorarse coma dous adolescentes.

Está ben, fagamos terapia. Dígolle un problema e dáme unha solución: teño estrés no traballo.

Sé consciente, a un nivel profundo, de que a vida é para gozar. Gozando réndese máis. Os erros non importan; a produtividade, tampouco. Saca a presión de enriba cada minuto da túa vida e, se perdes o emprego, mala sorte. Xa verás que rendes máis e que gozarás diso sen estrés. Hai que pensar así, xa que esta é a única forma de eliminar o estrés.

Deixoume a miña parella.

Podes ser feliz. Ninguén necesita unha parella para selo, a non ser que se diga o contrario. Se alguén pensa que sen parella será desgraciado, entón serao.

Detectáronme unha enfermidade grave.

Todos han de morrer, non hai nada malo niso. É parte da natureza. Entre tanto, intenta ser un bo enfermo e procura curarte do mellor xeito posible: segue as directrices do teu médico, fai deporte, come ben e axúdalles a outros enfermos. Se gañas esa competición, será xenial. Se perdes, non te preocupes.

Estou no paro e teño fillos ao meu cargo.

O único que necesitamos para sermos felices é a comida e a bebida do día. Todo o demais é superfluo. Os teus fillos necesitan exactamente iso, e só iso. Se os educas así, converteranse en persoas fortes e felices. Busca emprego con ilusión, sen medo. Se non o atopases nunca, aínda poderías ser moi feliz.

Como pago as facturas?

Se estás no paro, tes un problema. Se te deixas deprimir por iso, terás dous problemas e o segundo pode ser moito peor ca o primeiro. Unha persoa forte emocionalmente soluciona os seus problemas bastante rápido e ben. Hai que coidar a mente.

Pero entón, non hai que preocuparse por nada?

Non! Para ocuparse non hai que preocuparse. No meu libro, falo da filosofía persoal de Stephen Hawking. Hai corenta anos que está completamente paralizado. Nin sequera pode falar e, non obstante, é un dos mellores científicos de todos os tempos e, sobre todo, unha persoa moi feliz. Aos que o están a pasar mal, lembraríalles o que di Hawking: "Hai saída de calquera burato negro porque non hai maior burato ca este no que eu vivo... e son feliz".

En época de crise, os psicólogos traballan máis?

Para nada. Dende hai 40 anos, existe unha síndrome crecente de enfermidade emocional que non para de crecer, tanto nas épocas de bonanza coma nas de crise. Este problema é independente da situación económica. Os que teñen "terribilitis", que antes mencionabamos, téñena sen diñeiro e con diñeiro. Quen é forte a nivel emocional é feliz sen diñeiro e con diñeiro. Os antidepresivos son o segundo medicamento máis vendido de España, pero xa o eran hai dez anos.

"Tes que ser o máis hábil, o mellor, o máis listo...". É este o xeito de facer os nenos máis fortes?

Así facémolos neuróticos. O único que fai falta para ser feliz é amar a vida e os demais, saber gozar das cousas pequenas, de facer algo fermoso. Se aprendemos a poñer o valor do amor por enriba de todo os demais, atoparémonos coa mellor versión de nós mesmos, pero sen competir.

A propósito, coñezo un sociólogo que afirma que os libros de autoaxuda sempre rematan culpando a vítima.

Máis ca culpables, eu diría que somos responsables, porque nós temos a chave para deixar de ser "neuras". É como estar obeso ou fumar. A sociedade non axuda porque fabrica comida insá e vende cigarros en todas as partes, pero a última palabra témola nós. Somos os que temos que mobilizarnos para cambiar. Iso si, necesitamos unha guía para facelo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto