Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Os expertos nutricionistas de CONSUMER Eroski responden

A miña nai pasa o 1 de xaneiro comendo só froita ou directamente xaxuando. Di que é para compensar as lupandas destes días. Eu rífolle porque non me parece moi boa idea. Pode ser prexudicial este costume?

  En principio, xaxuar un día ao ano non é perigoso para a saúde. Non o é a curto prazo (é dicir, no mesmo día en que se realiza o xaxún) nin tampouco é perigoso a longo prazo. Menos aínda se durante este día se come froita. Pero hai unha excepción na que pode ser perigoso xaxuar: en pacientes con diabetes e que ademais toman fármacos (como insulina) para controlar a súa enfermidade. A combinación do xaxún con tales fármacos pode xerar unha situación denominada "hipoglicemia", que é potencialmente grave. Se non é o caso da túa nai, podes respirar con tranquilidade, xa que a falta de calorías ou de nutrientes durante un día, de forma moi esporádica, non xera trastorno ningún, porque o corpo dispón de mecanismos para compensar tal situación. De todos os xeitos, o ideal non é realizar lupandas no Nadal. De feito, sábese que as típicas enchentes do Nadal incrementan o risco de sufrir ataques cardíacos (que aumentan un 5 % na tempada de festas de fin de ano) e tamén as posibilidades de gañar quilos de máis (adoitamos gañar medio quilo durante as festas do Nadal). Outra das consecuencias das lupandas son as malas dixestións ou os empachos. As secuelas do empacho son sensación de malestar, dor estomacal, ardor, acidez e mesmo vómitos.

Teño un bebé de nove meses que acaba de comezar coa alimentación sólida. Aos seus avós encántalles darlle a probar novos alimentos e como estes días nas mesas hai tantas cousas ricas non se resistirán. Cales son os que poden entrañar riscos para o meu fillo?

  Os máis perigosos son, sen dúbida, aqueles alimentos cos que poida afogar. Á idade do teu fillo, os bebés poden tragar alimentos sólidos (teñan ou non dentes), pero existen certos alimentos que poden obturar as súas vías aéreas, tales como cenoria crúa, grans de uva enteiros, froitos secos (cacahuetes, abelás, améndoas etc.), cereixas, olivas, aperitivos tipo patacas chips ou caramelos. Convén evitar tales alimentos ata aproximadamente os tres anos. É preciso diferenciar o atragoamento do afogamento. Os bebés, cando empezan a enfrontarse aos alimentos sólidos, adoitan atragoarse, de igual xeito que caen cando empezan a camiñar. É algo normal e esperado. O atragoamento fai referencia ao momento en que a comida queda a medio camiño cara ao estómago, mentres que afogar significa que a comida vai cara aos pulmóns. Cando un neno se atragoa, cando tose, cando ten carraspeira ou cando fai ruídos estraños, ou ben acaba de tragar o anaco ou ben expúlsao, aínda que tamén o pode expulsar e logo volvelo tragar.

ABC da nutrición: magnesio

  O magnesio é o cuarto mineral máis abundante no corpo humano. Forma parte de centos de reaccións bioquímicas e sistemas encimáticos: na síntese de proteínas, no crecemento celular, na produción de enerxía, na función nerviosa, no control muscular e un longo etcétera. É tan importante que o corpo ten varios mecanismos para estabilizar os seus niveis e para evitar carencias importantes que non adoitan observarse na poboación sa (si nos alcohólicos ou nos enfermos hepáticos ou renais). Obtense de xeito sinxelo a través dos alimentos, sobre todo a partir de alimentos de orixe vexetal. Son ricos en magnesio as verduras de folla verde, os legumes, os grans enteiros (ex.: arroz integral), os froitos secos e as sementes. Aínda que moitos estudos observan unha relación entre a inxestión de magnesio e un menor risco de enfermidades, non está claro que o beneficio sexa atribuíble ao magnesio ou aos alimentos que son ricos neste mineral. A suplementación con magnesio, salvo nunhas poucas enfermidades ou condicións médicas, non ten probas claras de beneficios sobre a saúde.

Proteína e saúde infantil

Un recente estudo publicado por investigadores do Departamento de Alimentos e Nutrición da Universidade de Umeå (Suecia), na revista Food & Nutrition Research, avaliou o efecto da alta inxestión de proteínas típica da infancia sobre a saúde dos nenos. O equipo observou que as probas científicas acerca da relación entre a alta inxestión de proteínas e un maior peso corporal son "convincentes". O período máis delicado parece ser o que abrangue os dous primeiros anos de idade. A investigación tamén reflectiu evidencias claras entre un alto consumo de proteínas na infancia e no crecemento. As proteínas animais (particularmente, as dos lácteos) estiveron máis implicadas que as vexetais nesta constatación. Os autores consideran que a alta inxestión de proteínas estimularía o "factor de crecemento insulínico", un sistema corporal que xera un rápido crecemento tanto na masa muscular coma na masa graxa. Non obstante, esta constatación non é positiva para a saúde, xa que se relaciona co risco de obesidade. Así, canto maior é a taxa de crecemento, maiores son as posibilidades de padecer obesidade.

Consello do mes: céntrate máis na saúde ca no peso

  Unha recente investigación centrada en mulleres maiores de 50 anos avaliou a súa satisfacción co seu propio peso. Só o 12 % delas (case 2000 mulleres) se sentían satisfeitas. O seu peso situábase, de media, dentro dos parámetros da normalidade, pero non estaban delgadas. Que outras características tiñan en común? Unha delas é que practicaban cinco horas (300 minutos) semanais de exercicio físico. Outra é que se pesaban unhas dúas veces por semana. Sábese que esta estratexia é útil para evitar gañar peso co paso dos anos: cando observamos que o noso peso está a subir estamos a tempo de reaccionar. Mentres que se non controlamos cal é a evolución do peso, pode que cando nos decatemos sexa máis difícil coller o control (o exceso de peso incrementa o risco de lesións, o que entorpecerá a necesaria práctica de exercicio físico). Unha terceira característica, non menos importante, é que a gran maioría delas non seguira unha dieta de adelgazamento nos últimos cinco anos. Os autores da investigación emiten unha importante recomendación: "centrarse máis na saúde ca no peso". A saúde non a mide a báscula, mídena os nosos hábitos de vida.

Consello do mes: 3 ou máis comidas, en familia

A revista Pediatrics recolleu na edición de xuño de 2011 unha investigación na que se concluíu que compartir tres ou máis comidas en familia por semana reduce as posibilidades de que os nenos padezan exceso de peso nun 12 %. Este hábito tamén diminúe o risco de que os nenos tomen alimentos insáns nun 20% e de que sufran trastornos da alimentación nun 35 %. As probabilidades de que os menores tomen alimentos sans aumentan nun 24 %. En xuño de 2013, un estudo publicado en Journal of the Academy of Nutrition and Dietetics corroborou que compartir a mesa é unha estratexia preventiva da obesidade. Tan só un mes despois, investigadores da Universidade de Medicina de Tuffs (revista Journal of Youth and Adolescence) concluíron que comer en familia pode protexer os adolescentes do consumo de alcohol, de tabaco, de marihuana ou doutras drogas, de condutas agresivas e/ou violentas, dun baixo rendemento escolar, de problemas de saúde mental e de trastornos da alimentación. Respecto deste último punto, a Guía práctica sobre trastornos da conduta alimentaria, publicada en 2009 polo Ministerio de Sanidade, incluíu entre os seus consellos á hora de abordar esta clase de patoloxías que o menor estea "sentado en familia" á hora de comer. Comer en familia, en suma, presenta importantes beneficios.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto