Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Dietas extremas, levar ao límite a saúde

No momento de facer unha dieta, convén que nos aseguremos de que é saudable porque moitas dietas, ademais de seren ineficaces, comprometen a saúde dos que as seguen

  O desexo de adelgazar, e os intentos sucesivos por logralo, obedece moitas veces a unha motivación estética, máis que de saúde. Así, en lugar de entender a dieta e a alimentación saudable como un estilo de vida, como un concepto máis amplo, máis interesante e máis rico, enfócase como un simple medio para alcanzar un fin: estar máis guapos e delgados ca antes, volver usar a roupa que nos quedou pequena no armario e, en definitiva, axustarse aos canons estéticos que imperan na actualidade. Para non poucas persoas, os modelos de beleza pesan máis que a saúde ou os quilos que lles ensina a báscula. E é aí, nese desexo, na esperanza e nas expectativas, onde frutifican as dietas milagrosas, os famosos queimadores de graxas e os falsos gurús. A seguir, saliéntanse catro propostas dietéticas extremas que, ademais de seren ineficaces, poñen en perigo a saúde dos que as seguen.

Catro exemplos que non se han seguir

Custa imaxinar un libro de arquitectura que contradiga nas súas páxinas os principios fundamentais da construción de edificios e estruturas, ou un de enxeñería que viole as leis da física, das matemáticas ou da aerodinámica. Non obstante, os libros de dietética que obvian con alegría os fundamentos da nutrición humana son, por desgraza, a norma. Non só están á vontade, senón que mesmo ocupan os primeiros postos nos éxitos de vendas. Non estraña que un consello moi repetido polos expertos sexa: "non se fíe dos libros, acuda a un dietista-nutricionista".

Para recoñecer estes libros ou para recoñecer cando estamos ante unha proposta dietética enganosa, resulta útil considerar se o referido libro ou manual está indexado na biblioteca dunha universidade de nutrición humana e dietética. Se non o está (ou se pertence a seccións denominadas "dietas milagre", "embustes dietéticos", "despropósitos nutricionais" ou similares), o apropiado é non abrir as súas páxinas.

  • Dieta da cervexa. Hai "sandadores" que obvian sen miramentos que o consumo habitual de alcohol é prexudicial para a saúde e que se atreven a propoñer barbaridades como "a dieta da cervexa", cuxa valoración por parte da ciencia da nutrición é tan breve como rotunda: "ineficaz e perigosa". Esta dieta non ten en conta que o alcohol é, despois do tabaco, a segunda causa de mortalidade que se pode previr en occidente. Tanto é así que unha de cada dez mortes que se producen en Europa é atribuíble ao consumo de alcohol, moitas delas por cancro. E, en ocasións (e con razón), esta dieta cualifícase de "tóxica".
  • Dieta "depurativa" con substancias varias. No mercado podemos atopar outras dietas tan tóxicas como a anterior. É o caso das que usan diferentes preparados farmacolóxicos, como hormonas tiroides, anfetaminas, diuréticos ou laxantes, para "depurarnos" ou "desintoxicarnos". A incorporación destas substancias (moitas delas aderezadas co adxectivo "natural" ou "vexetal") altera o delicado equilibrio do sistema corporal, pode deshidratar, danar de forma irreversible o fígado, os riles ou a glándula tiroide e, en absoluto, é útil para perder peso ou para mellorar a saúde. A gran maioría destes preparados clasifícanse como ilegais pola Axencia Española do Medicamento, que os retira do mercado por decenas cada ano. É por iso que a Dirección Xeral de Farmacia aconsella desconfiar dos anuncios tipo: "produto natural", "feito con plantas" ou "de venda en farmacias".
  • Xaxúns "terapéuticos". Xaxuar un día non ten consecuencia ningunha sobre a saúde. Non obstante, cando esta práctica se alonga e un "doutor" propón o xaxún de 7 a 11 días, as consecuencias poden ser nefastas. De entre elas, paga a pena citar as seguintes: intolerancia ao frío, sequidade da pel en xeral, sequidade da boca, halitose, cefalea etc. Á marxe dos efectos puntuais, o máis grave desta proposta é que non só é ineficaz para educarnos na alimentación saudable, senón que xera o efecto contrario: unha desorientación patente que incapacita o individuo para ser dono da súa propia saúde.
  • Dieta do sol, denominada sungazing (que se traduce ao castelán como "contemplar o sol"). É unha variante da dieta anterior que consiste en mirar de forma directa cara ao sol coa crenza de que iso permite, grazas á enerxía solar, complementar, mellorar ou mesmo (e isto é o máis grave) substituír a alimentación. É unha insensatez porque os nosos ollos non posúen a clorofila que permite levar a cabo a fotosíntese que realiza un fento para converter a enerxía solar en combustible. Ademais, aínda que tivésemos clorofila, a área dos nosos ollos é moitísimo máis pequena que a das follas, e o gasto calorífico do noso corpo é moi superior ao dunha planta. Iso por non mencionar que mirar cara ao sol deteriorará sen dúbida a nosa saúde ocular. Xa hai varias persoas que morreron tras practicar este disparate.
  • Beber auga do mar. O corpo humano non está deseñado para beber auga do mar, como tampouco o está para respirar gas butano. Esta dieta non serve para mellorar a saúde ou para perder peso, mentres que si pode empeorar de forma patente o estado de diferentes órganos e sistemas corporais. Non hai que seguila nunca.

Aínda que pareza doado recoñecer estes enganos perigosos e, máis que iso, non caer na tentación de probalos, o certo é que non resulta tan sinxelo. Case todos, por non dicir todos, veñen moi ben presentados e inclúen opinións de presuntos especialistas, citan estudos inexistentes, ou pouco fiables, de universidades ás veces tamén inexistentes, inclúen "testemuños" que xeran proximidade e, se son libros, adoitan estar ben escritos. En suma, resultan moi atractivos e verosímiles e conseguen situarse nos nosos estantes, xa que se apoian nese desexo de vernos ben, de mellorar o noso aspecto.

Por todo iso, e porque seguirán aparecendo artífices de ilusións e promesas, convén recordar que estas dietas extremas se articulan en algo chamado "pensamento máxico", un proceso que o libro Anomalistic Psychology (Psicoloxía anómala) definiu como: "Calquera explicación de fenómenos experimentais ou de comportamento que viola algunha lei da natureza ou que suxire, sen que haxa unha evidencia que a avale, a existencia de principios, forzas ou entidades descoñecidas para a ciencia". Todas as "dietas" descritas antes violan as leis da natureza e carecen dun razoamento sensato que as avale. O seu único efecto demostrado é que atentan contra a saúde dos que as poñen en práctica.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto