Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizáronse as zonas escolares que rodean 100 centros educativos de 10 cidades: Seguridade viaria nos colexios: aceptable

A ausencia de sinais de limitación de velocidade, a falta de sinalización en accesos específicos para o alumnado e as retencións de tráfico son as principais carencias

Máis sinalización, máis seguridade

  A sinalización é outra ferramenta moi útil para evitar riscos nos cruzamentos. En primeiro lugar, os pasos de peóns sinalízanse basicamente coas marcas viarias, xeralmente ben pintadas (no 88 % dos casos). Non sempre están acompañados de sinais verticais (só o estaban os pasos de peóns do 51 % dos casos), nin tampouco con semáforos (isto acontecía no 45 % das veces). E, por último, só nun 28 % dos casos os pasos de peóns tiñan iluminación, nun 14 % eran elevados e nun 12 % contaban con bandas de calmado de tráfico.

No 87 % das zonas escolares analizadas a velocidade de aproximación dos vehículos aos pasos de peóns considerábase a axeitada. Non obstante, para o tráfico da zona non había unha sinalización de velocidade que lles recordase aos vehículos en que lugar están e a que velocidade deben ir por iso. Só no 40 % dos casos se observou e a limitación era, de media, de 30 km/h. Outro dos sinais imprescindibles é o que anuncia que se trata dunha zona escolar. Só na metade dos contornos analizados existía unha sinalización vertical. Nas cidades onde máis se atopou foi en Logroño e en Madrid (en nove ámbitos escolares estudados, respectivamente) e en Bilbao (en sete).

Hora punta: retencións

É na hora punta de entrada ou de saída do colexio cando coinciden os que van a pé, en bicicleta ou os que utilizan o transporte escolar público ou privado, de xeito que se converte no momento no que se poden producir máis situacións de perigo. Nunha de cada cinco ocasións producíronse retencións e atoamentos de coches nos accesos aos colexios. Aconteceu en catro centros de Valencia; en tres de Madrid, Pamplona, Sevilla e Vitoria, respectivamente; en dous da Coruña e nun de Logroño e de San Sebastián, respectivamente. Nas interseccións, apenas se testemuñaron dúas ocasións de perigo. Unha en Bilbao (un vehículo trataba de saír polo mesmo acceso do alumnado) e outra en Sevilla (os peóns ocupaban o carril bici). Durante o acceso ou a saída do centro en hora punta, tamén se observaron ocasións de perigo en oito ocasións: tres en Vitoria, dúas en Sevilla, outras dúas en Bilbao e unha na Coruña. Normalmente, no problema intervén un vehículo ou a proximidade doutras vías á dos peóns sen valos de protección (vía do tranvía e carril bici).

Durante a observación, unicamente se viron autobuses privados dende os que descendesen ou subisen alumnos nunha de cada cinco zonas escolares. Un 27 % deles non aparcaban no estacionamento destinado a este tipo de transporte (en catro ocasións na Coruña e nunha en San Sebastián e en Vitoria, respectivamente) e no 14 % nin sequera podían porque non había (un en Bilbao e outro en Pamplona).

Por outro lado, observáronse policías ou persoal voluntario nas proximidades do centro educativo unicamente en 25 centros do centenar das zonas escolares analizadas. En concreto, víronse axentes municipais en 23 ocasións (en nove de Valencia, en tres de Logroño e Pamplona respectivamente e en dous na Coruña, San Sebastián, Sevilla e Vitoria respectivamente) e dous voluntarios (en Barcelona e en Pamplona), estes últimos identificados cun chaleco reflector.

De camiño ao colexio

Algúns concellos españois promoven os "camiños escolares" para aumentar a autonomía infantil. Entre as localidades españolas máis veteranas sitúase San Sebastián, aínda que tamén se poden atopar iniciativas similares en Barcelona, Madrid, Xetafe, Segovia, Sevilla, Terrasa ou Zaragoza, entre outras.

Pero, que é exactamente? É un proxecto de mobilidade sostible dirixido a facilitar que os nenos e as nenas poidan ir sós á escola. Isto implica converter as rúas en itinerarios seguros con prioridade de uso para a poboación infantil e xuvenil.

A título individual, os pais, as persoas que acompañan os máis pequenos ao colexio e eles mesmos tamén poden aplicar os seguintes consellos prácticos:

  • Na rúa: non cruzar nunca diante do autobús, tomar precaucións; o máis seguro é, sen dúbida, o paso de peóns. Máxima atención: mirar a un lado e a outro lado e logo pasar con coidado e sempre co semáforo en verde. Reparar tamén nas saídas e nas entradas dos garaxes porque, ás veces, poden ser moi perigosas.
  • En bici: trátase de conseguir mellores condutores de bicicletas e traballar o aspecto normativo e de respecto aos demais. Sen auriculares: non é un hábito seguro circular sobre as dúas rodas provistos de auriculares. Respectar sempre os sinais e as normas de circulación.
  • En autobús: esperar sempre na parada é a opción máis segura. No momento de subir ou baixar, hai que respectar a quenda, sen empurrar e un por un.
  • En vehículo particular: é primordial o uso do cinto ou do sistema de retención que lle corresponda, segundo o seu talle e peso.

TÁBOA COMPARATIVA

Cualificacións finais das zonas escolares analizadas en 10 cidades, segundo EROSKI CONSUMER*
CIDADE MOBILIDADE(1) ESPAZO URBANO(2) SINALIZACIÓN(3) EN HORA PUNTA(4) NOTA FINAL(5)
A CORUÑA BEN MOI BEN REGULAR MOI BEN BEN
BARCELONA REGULAR BEN REGULAR MOI BEN ACEPTABLE
BILBAO BEN BEN ACEPTABLE BEN BEN
LOGROÑO REGULAR BEN ACEPTABLE MOI BEN ACEPTABLE
MADRID REGULAR BEN REGULAR MOI BEN ACEPTABLE
PAMPLONA BEN BEN ACEPTABLE BEN BEN
SAN SEBASTIÁN MOI BEN MOI BEN ACEPTABLE MOI BEN BEN
SEVILLA ACEPTABLE BEN REGULAR MOI BEN ACEPTABLE
VALENCIA REGULAR BEN ACEPTABLE MOI BEN ACEPTABLE
VITORIA MOI BEN BEN REGULAR MOI BEN BEN
MEDIA ACEPTABLE BEN REGULAR MOI BEN ACEPTABLE

*A finais de setembro, EROSKI CONSUMER comprobou a seguridade e o tipo de infraestruturas da zona escolar máis inmediata e que rodea un total de 100 colexios situados en 10 cidades españolas: A Coruña, Barcelona, Bilbao, Logroño, Madrid, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia e Vitoria. Ademais, analizouse se durante as horas punta (xa fose de entrada ou de saída dos alumnos) se producía algunha situación de perigo. (1) Mobilidade: neste punto, analizouse o tipo de transporte público urbano que existía (número de paradas e visibilidade destas) e se había carrís bici e aparcadoiro para os vehículos privados (gratuíto ou regulado). (2) Espazo urbano: neste bloque, comprobáronse varios aspectos: do centro escolar (se estaba valado ou pechado con outro sistema, o número de accesos específicos para os alumnos, a anchura dos accesos, a zona de espera), das beirarrúas do contorno (anchura, estado do pavimento e disposición do mobiliario urbano), dos pasos de peóns (ámbito peonil ou calzada preto, se derivan ao interior do centro, se teñen suficiente visibilidade, se as paradas de transporte público próximas teñen pasos de peóns para cruzar a calzada), dos carrís bici (estado xeral do pavimento e disposición do mobiliario urbano), dos aparcadoiros privados e públicos (se tiñan espellos de visualización) e dos aparcadoiros reservados para o transporte urbano colectivo (se existen, se se observan autobuses privados en hora punta e se hai que cruzar a calzada). (3) Sinalización: neste punto, observáronse tamén varios aspectos: do centro (sinalización dos accesos e cartel identificativo), do contorno (posibles problemas na beirarrúa, sinal de zona escolar e limitación de velocidade), dos pasos de peóns (que contasen con sinais verticais, con semáforos, que estivesen ben pintados, que fosen elevados, que contasen con iluminación, con bandas de clamado de tráfico e que a velocidade de aproximación a eles fose a axeitada), do carril bici (que tivese sinal vertical, marcas viarias de sentido e velocidade, cruzamentos sinalizados e tamén que estivesen sinalizados os posibles problemas nos carrís bici) e do aparcadoiro reservado para o transporte urbano colectivo (que estivese convenientemente sinalizado con sinais e/ou marcas viarias). (4) Hora punta: neste bloque, realizouse unha inspección durante as saídas e/ou as entradas dos alumnos ao edificio (dificultades de acceso por retencións e atoamentos, elementos que obstaculizan os accesos, semáforos que permiten cruzar a calzada sen correr, situacións de perigo nos cruzamentos), no aparcadoiro reservado para o transporte urbano colectivo (aparcan correctamente no seu estacionamento e non realizan manobras mentres os nenos descenden ou soben ao vehículo) e sobre seguridade (existencia de policía municipal ou voluntarios, posibles ocasións de perigo). (5) Nota final: é a media das cualificacións medias obtidas nos catro bloques. Aínda que é unha valoración cuantitativa, estas notas sometéronse tamén a unha revisión cualitativa.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto