Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Latas de conservas: principais razóns para a súa reciclaxe

A súa reciclaxe baséase nun sinxelo xesto con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais

  Abrila, bebela ou comer o que conteña; en definitiva, saboreala e reciclala. Ese debería ser o percorrido natural de calquera lata de conserva ou de bebida. Todas cun sinxelo xesto: depositalas no colector amarelo. A partir de aí comeza un complexo sistema que aproveita os seus materiais -aceiro e aluminio- de forma indefinida e sen perder as súas propiedades. Os beneficios ambientais, económicos e sociais de reciclar as latas son moi diversos. Cales son estas razóns baseadas na concienciación dos consumidores da importancia da reciclaxe das latas de conservas?

No colector amarelo aprovéitanse todas as latas

Na asociación para a reciclaxe da folla de lata téñeno moi claro: "As latas de conservas son en xeral de aceiro, pero tamén se utilizan de aluminio"e, dende a asociación para a reciclaxe do aluminio, matízase que cada vez hai máis latas de conservas de aluminio, como as cremas, os envases de precociñados ou os queixos de untar. Ambos os dous materiais son 100 % reciclables e todas as latas depositadas no colector amarelo recupéranse e recíclanse en aceirías e fundicións, destacan ambos os dous expertos.

En 2012, a porcentaxe de reciclaxe das latas de aceiro superou o 89 %. Segundo datos de Ecoacero, o pasado ano recuperáronse e recicláronse case nove de cada dez latas postas no mercado. De feito, España figura entre os primeiros países mundiais en reciclaxe de envases de aceiro. Este valor increméntase ano tras ano dende que hai estatísticas, e aínda queda marxe para que creza.

Reciclar as latas beneficia o medio

A reciclaxe dunha lata de conserva evita o uso de novas materias primas e enerxía. Segundo datos da European Metal Packaging (Empac), o aceiro elaborado ao 100 % a partir de ferralla precisa dun 75 % menos de enerxía que o producido con materia prima virxe. No caso do aluminio, esta porcentaxe crece ata o 95 %.

As emisións de gases de efecto invernadoiro implicadas no cambio climático tamén se reducen coa reciclaxe. Segundo os datos de Ecoacero, cada lata reciclada evita emisións de CO2 equivalentes a 1,5 veces o seu propio peso. E o ciclo continuo de reciclaxe do aceiro asegura a preservación dos recursos naturais para xeracións futuras.

Tirar mal as latas é un acto insolidario

O complexo sistema de recuperación e reciclaxe de residuos supón custos importantes para a sociedade. Polo tanto, cada lata que non se deposita no colector amarelo e que remata a súa vida tirada no contorno ou nun vertedoiro evidencia unha carencia de compromiso cívico.

Unha lata con restos de alimento ou líquido non supón un problema técnico, pero inflúe na calidade da xestión e na seguridade e salubridade das instalacións e dos seus operarios. Polo tanto, os consumidores contribúen a mellorar a reciclaxe se depositan as latas de conservas baleiras.

Mesmo as latas que se tiran co resto de lixo poden acabar recicladas, xa que a maioría das plantas de residuos sólidos urbanos (RSU) ou compostaxe onde poden rematar estes residuos dispoñen dalgún sistema de recuperación, como electroimáns (o aceiro é magnético). Se atrapan algunha conserva de folla de lata, é posible que entre no circuíto de reciclaxe. Agora ben, o esforzo dos consumidores de separar o lixo e de depositalo no colector amarelo é imprescindible. No caso dos envases de aluminio, a recuperación nestas plantas é moi baixa e, na súa maioría, acaban co resto de residuos, en vertedoiros ou incineradoras.

O aceiro e o aluminio teñen unha vida infinita

  O aceiro e o aluminio son materiais que non perden as súas propiedades e que se poden reciclar tantas veces como se queira. Os envases de aceiro recíclanse dende moito antes da implantación, no ano 1998, do modelo de recollida selectiva de envases mediante un colector amarelo. O ciclo de produción, recuperación e reciclaxe repítese unha e outra vez. Hoxe utilízase aceiro fabricado por primeira vez hai 150 anos e que pasou por moi diversas aplicacións.

Latas: cada vez máis lixeiras e doadas de reciclar

Dende Ecoembes, a asociación que xestiona os colectores amarelo e azul, recórdase o labor da industria por lograr latas de conserva cada vez máis lixeiras e doadas de reciclar. Segundo datos da Empac, nos últimos 20 anos as latas de aluminio son un 28 % máis lixeiras e os envases alimentarios de aceiro un 33 %.

As latas de conserva son unha "caixa forte" bicentenaria

As latas para conservar alimentos inventáronse hai máis de 200 anos. A súa resistencia e seguridade fronte a ataques externos (gases, luz, microorganismos) manteñen durante varios anos o seu contido en perfectas condicións. "Cada lata é unha caixa forte", afirman dende Ecoacero.

A pesar do paso do tempo, o seu uso continúa non só vixente, senón en ascenso. Abranguen unha gran variedade de froitas, hortalizas e legumes, peixes, produtos cárnicos e pratos preparados. Envásanse produtos tan coñecidos coma o millo, os espárragos ou o atún, pero tamén outros coma castañas, navallas, figos ou ourizos, así como aceites, curtidos ou alimentos para mascotas.

España é un referente mundial en conservas pola calidade da materia prima e polos procesos aplicados. Non obstante, os expertos aseguran que resulta moi difícil establecer cantas latas se fabrican. Como dato orientativo, dende Ecoacero estiman que supoñen un consumo anual dunhas 200.000 toneladas de aceiro.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto