Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Refrixerios no traballo: propostas para todos os gustos

Se o traballo é sedentario, deben ser bocados lixeiros pero con achega nutricional para satisfacer as esixencias mentais do posto

  Todo o mundo o fai. É, ademais dun costume san, un pequeno sopro de aire fresco dentro da xornada de traballo habitual. Comer unha mazá e descansar da pantalla do ordenador, ou conversar cos compañeiros mentres se toma un café e unha pasta, é unha práctica máis que habitual en calquera centro de traballo. Pero, cales son os petiscos máis recomendables para tomar entre horas no traballo? A resposta non é universal, xa que as características do posto de traballo e o esforzo que se requira inflúen na elección máis idónea. Para os que pasan moitas horas sentados, convén pensar en alternativas lixeiras, sen descoidar a achega nutricional polas esixencias mentais do propio posto. A concentración, a memoria, a axilidade mental, a coordinación son funcións cerebrais complexas que hai que nutrir con intelixencia. Recorrer ao doado e ao inmediato (como un puñado de galletas, algo de chocolate ou unha bolsa de patacas fritas) non é a opción máis saudable, nin para o corpo nin para a mente, menos aínda se apenas hai desgaste físico.

Cereais, froita e froitos secos

Levar o refrixerio de media mañá ou de media tarde é unha das tarefas que non hai que esquecer para non pasar fame entre comidas e para non chegar á casa cunha fame voraz tras tantas horas de xaxún. Son diversas as circunstancias que inflúen na elección dun ou doutro aperitivo, pero hai que ter en conta o mínimo desgaste enerxético que supón un traballo sedentario. Traballar con compañía pode facer perder a vontade de comer ben se o compañeiro de mesa acostuma levar cousas para petiscar moi gustosas, pero nada recomendables, como refrixerio habitual. Pero ademais desta circunstancia, o experto en nutrición Brian Wansink comprobou, nas súas numerosas investigacións sobre o comportamento alimentario, que o consumo de alimentos depende do esforzo para conseguilos. Por iso, os bombóns e os chocolates ou outros doces, as lambetadas, as bolsas grandes de pipas ou de patacas fritas, convén gardalos nun lugar afastado do posto de traballo para que, como mínimo, dea preguiza moverse a collelos.

  •   Tortas de cereais e colíns. Comidos con mesura, estes aperitivos resultan axeitados se os requirimentos enerxéticos non son moi elevados. O mercado ofrece unha ampla gama que vai máis alá das tortas de arroz ou de millo, ou dos colíns de pan. Algunhas suxestións que poden ser gustosas para probar son: tortas de millo e de soia con sésamo, de arroz e de sésamo, multicereais, paíños con pipas, colíns con olivas, con mestura de sementes, con pipas de chocolate... Elixir os máis sinxelos para un consumo habitual, que apenas teñen graxa, e si unha boa dose de carbohidratos complexos, e deleitarse de vez en cando con outros máis gustosos, é acertado para calmar o apetito entre horas.
  • Mestura de flocos de cereais caseira. Meter nun recipiente de cristal con peche hermético unha mestura de distintos tipos de flocos inflados de diversos cereais (arroz, millo, quinua, paínzo, kamut, espelta...). No tempo de descanso, tomar unha cunca desta mestura cun iogur (normal ou de soia), cun puñado de uvas pasas... O efecto saciante é case inmediato e non cabe preocuparse polas calorías se se toma unha porción razoable, que ben podería ser unha cunca.
  • Froita entre horas, mellor enteira ca zume. Gran parte dos traballos sedentarios van asociados ao esforzo e á actividade intelectual, coa conseguinte carga mental se se están horas diante dun informe ou diante da pantalla do ordenador. Tomar unha ou dúas froitas frescas ben lavadas e coa pel, o máis natural posible, ademais de prover de diversidade de antioxidantes -diferente segundo o tipo de froita escollida-, tamén é boa fonte de glicosa e de auga, nutrientes esenciais para a función cerebral.
  • Mestura de froitas desecadas (uvas pasas, ameixas pasas, figos, dátiles, orellóns). Se o esforzo mental continúa despois da pausa, pode ser interesante unha maior achega de enerxía en forma de glicosa, polo que un puñado de froitas desecadas se converte no refrixerio idóneo. Ao ser concentradas en fibra dietética e en elementos minerais (potasio, calcio, magnesio, fósforo, ferro), a glicosa, abundante nestes alimentos, pasa ao sangue de forma gradual, polo que a achega de enerxía é máis duradeira.
  • Froitos secos ao natural. Tomar un puñado de froitos secos ao natural, sen procesar (nin fritos, nin salgados...), asóciase a unha mellor resposta cognitiva. Esta é a conclusión dun ensaio que forma parte do estudo Predimed (Prevención con dieta mediterránea). Polo tanto, tomar estes alimentos como aperitivo é unha idea exemplar, e máis se é un traballo intelectual. Son numerosas as intervencións clínicas que desmontaron cientificamente o mito de que os froitos secos engordan, malia ser alimentos con alto contido enerxético.
  • Flocos de millo en tixola. Os flocos de millo feitos na tixola pódense considerar un aperitivo saudable. Son rápidos de elaborar, doados de transportar e cómodos para comer no posto de traballo. A isto súmase que contan cunha boa dose de carbohidratos que se converterán en glicosa, necesaria para que continúe con bo ritmo a actividade cerebral e muscular. Ademais, recentes investigacións destacan a achega de polifenois antioxidantes deste aperitivo.
  • Barriña enerxética caseira. A partir dunha receita de muesli caseiro, pódese elaborar unha barriña "enerxética". Abonda engadirlle ao conxunto melaza de cereais ou mel, quentar a mestura a lume baixo e deixar que se acaramele e que se aglutinen os ingredientes. Despois déixase arrefriar un pouco e dáselle a forma de barriña ou de bóla e agárdase a que estea frío.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto