Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

A saúde, tamén cuestión de olfacto

A perda deste sentido, determinante para levar unha vida normal, é un síntoma guía de diversas enfermidades

  Co olfacto comemos, amamos, desprezamos e, sobre todo, gozamos. Un olfacto en plenas condicións indica que se ten un organismo saudable. Non obstante, un total de 7,7 millóns de españois e 82 millóns de europeos sofren algunha disfunción olfactiva. O 19,4 % teñen problemas para detectar olores; isto é, case unha de cada cinco persoas sofren algunha disfunción olfactiva total (anosmia) ou parcial (hiposmia); o 56 %, teñen dificultades para recoñecelos, memorizalos ou rememoralos; e o 50,7 % non son quen de identificalos, segundo Olfacat, o primeiro grande estudo europeo que entrevistou a 10.000 persoas sobre esta cuestión, e que se publicou en The British Medical Journal. Entre as conclusións desta investigación, destacan algunhas como que as mulleres teñen mellor olfacto que os homes; que este sentido pode adestrarse e enriquecerse ata preto dos 50 anos; que diminúe a partir dos 60 anos, como a visión ou o oído; e que é mellor en persoas cun nivel educativo alto, xa que comprende o sentido puro -a capacidade de ulir- e está ligado a outras funcións superiores, como a linguaxe, a memoria e a percepción.

Este sentido que tan a miúdo pasa desapercibido entre nós, é un sentido determinante para sobrevivir no reino animal, onde as leoas cazan as súas presas en contra do vento para que non as ulan, os cans uliscan as pegadas olfactivas, que teñen a mesma validez que as dixitais para acusar dun delito, e numerosas especies escapan dos seus depredadores grazas ao seu desenvolvido olfacto. Tamén na sociedade humana o olfacto alerta de graves perigos, como unha fuga de gas ou o fume dun incendio, evita intoxicacións alimentarias grazas ao fedor que desprenden os alimentos en mal estado ou guía o médico no diagnóstico de moitas enfermidades.

Tres culpables da disfunción olfactiva

As tres causas principais da perda total deste sentido son as viríases ou enfermidades coma o arrefriado común ou a gripe, que afectan as vías respiratorias altas; as rinites alérxicas, a rinosinusite crónica e a polipose nasal; e os accidentes que provocan un traumatismo cranioencefálico, como os de tráfico. Ademais destas, rexístranse outras causas múltiples, como enfermidades da mucosa nasal, tumores de cabeza e de colo e tumores cerebrais, a esquizofrenia e algunhas enfermidades neurodexenerativas. De feito, a perda do olfacto é un síntoma inicial de párkinson e, no alzhéimer, asóciase a problemas de memoria. Por último, entre 2000 e 4000 españois teñen anosmia conxénita; é dicir, non olen nada dende o nacemento por causas xenéticas.

Olfacto máis gusto, igual a sabor

O sabor dos alimentos é unha experiencia sensitiva que nace dunha sinxela fórmula: olfacto máis gusto, igual a sabor. O padal humano percibe a consistencia dos alimentos (a súa suavidade ou dureza), o seu tamaño, a súa temperatura e catro gustos principais: doce, salgado, amargo e ácido. Ao mastigalos, estes liberan substancias volátiles que pasan cara á campaíña e de aí á zona olfactiva, de maneira que o comensal é capaz de identificar cada alimento concreto, e o seu sabor, xa sexa amorodos con nata fría ou chocolate quente.

Sempre que unha persoa arrefriada afirma que perdeu o gusto e o olfacto, en realidade non perdeu o gusto, porque segue notando se un alimento é doce ou salgado, senón o sabor porque, ao ter alterado o olfacto, non pode identificalo nin saborealo. Non obstante, cabe preguntarse se é posible recuperar o olfacto e, con el, o sabor das cousas.

Diagnóstico e recuperación do olfacto

Na actualidade, unha persoa cunha perda olfactiva de máis de dúas semanas debería consultarllo a un médico. Aínda que a formación da comunidade médica é escasa ao respecto, nos últimos anos creáronse algunhas unidades especializadas en rinoloxía e en olfacto, onde se pode diagnosticar o grao de afectación olfactiva mediante unha proba chamada Barcelona Smell Test (BAST-24), un test validado para toda a poboación española que analiza a resposta sensitiva fronte a unha batería de 24 olores e catro gustos. Non obstante, non hai un tratamento específico para a disfunción olfactiva, senón que este consiste en identificar ben a súa causa e en tratala. Algunhas son reversibles de forma espontánea, como os arrefriados e os procesos víricos; outras son irreversibles, como as que se deben a algúns accidentes de tráfico e, por último, hai outras que son reversibles, pero que requiren adestramento para recuperar o olfacto perdido.

O estudo Olfacat demostrou que o nivel educativo -polo tanto, o adestramento- é moi importante para melloralo, polo que a rehabilitación olfactiva podería axudar a recuperalo, aínda que sexa de xeito parcial; porén, hai poucos estudos ao respecto.

5 consellos para coidar o olfacto

  1.   Adestrar o olfacto e utilizalo ben para gozar dos olores.
  2. Evitar hábitos insáns, como o tabaco, consumir substancias e aspirar drogas polo nariz.
  3. Tomar conciencia de que a perda olfactiva é un síntoma de perda de saúde, ao igual que a perda de visión ou a lagrimexada denotan problemas oculares.
  4. Ante perdas de olfacto de máis de dúas semanas, acudir ao médico.
  5. Se se perdeu o olfacto, hai que ter en conta que iso pode repercutir no noso día a día, xa que non seremos capaces de detectar un escape de gas ou doutros produtos tóxicos na casa e tampouco se os produtos están en mal estado.

Fonte: Joaquím Mullol, investigador sénior do Instituto de Investigacións Biomédicas August Pi i Sunyer (IDIBAPS) e director da Unidade de Rinoloxía e Clínica do Olfacto do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínic, de Barcelona.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto