Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Doutor, téñolle medo

A iatrofobia ou o medo irracional de ir ao médico é unha fobia social que pode ter repercusións graves no estado de saúde do afectado

  Ter medo a ir ao médico de forma inxustificada ou irracional é unha das denominadas fobias sociais. O afectado sente unha ansiedade forte e irracional de algo que representa pouco ou ningún perigo real. Este temor non só se limita a esta figura profesional e á súa bata branca, senón a todo o ambiente que o rodea, como entrar nun hospital, o olor característico dos centros sanitarios ou, mesmo, ver agullas ou tecnoloxía sanitaria. Por fortuna, hai dúas técnicas útiles para superar esta fobia.

Do obxecto fóbico á ansiedade

O medo de acudir ao médico, o que se coñece como iatrofobia, é un medo patolóxico, persistente, anormal, irracional e inxustificado que forma parte do grupo das fobias sociais. Segue o esquema clásico segundo o cal o medo irracional esperta ante un estímulo concreto, denominado obxecto fóbico, e que pode ser moi variado (o médico ou as agullas). Despois, a persoa afectada experimenta ansiedade e, en casos extremos, ataques de pánico.

No caso da iatrofobia, o obxecto fóbico é a figura do médico. A persoa afectada sofre de ansiedade ante todo o relacionado con este profesional, ao achegarse o día e a hora da cita médica ou ao aproximarse ao espazo físico onde terá lugar a visita. Este trastorno desenvólvese por dous motivos. En ocasións, orixínase tras unha experiencia negativa previa, que puido ocorrer na infancia ou ao acudir a unha consulta médica. Outras veces sófrese tras unha experiencia traumática anterior ou logo dun proceso de angustia xeneralizado que a persoa experimenta dende hai tempo sen que sexa consciente. E, ao rastrexar no historial clínico para intentar a identificación dun antecedente, non sempre é posible atopar unha causa concreta.

Quen teme ir ao médico?

Aínda que o desenvolvemento das fobias é máis habitual na infancia e nos primeiros anos de xuventude, tamén hai adultos que as poden sufrir. Non hai un perfil inmune a padecer unha fobia. Depende máis das situacións que se viven, e do ambiente, que da personalidade. Por outra banda, hai persoas que son máis resistentes e que toleran mellor a ansiedade, mentres que outras son máis vulnerables e non son quen de lle poñer freo, polo que chegan a sufrir un proceso de inquietude xeneralizada.

Os pequenos adoitan terlles medo ás agullas (aicmofobia) e pode que ese temor xurda pola actitude dos pais ante a situación, actitude e emocións que lles transmiten aos pequenos. Os pais que senten nerviosismo contaxian os seus fillos. Por iso, é importante tranquilizar os nenos e intentar que non os acompañen os adultos impresionables.

Fobia ao ambiente sanitario e hospitalario

Toda relación cun obxecto fóbico xera malestar en forma de ansiedade e pódese propagar a todo o relacionado con el -neste caso, ao médico- e ao ambiente que o rodea; é dicir, ao ámbito sanitario. Así, os afectados poden sentir sudación, ansiedade, e mesmo pánico, ao estar nun ambiente sanitario con enfermeiras e batas brancas e ao notar o olor característico dos hospitais, antes mesmo de ver o médico.

A pesar de que todo procedemento ou proba diagnóstica xera certo grao de desasosego e malia que a maioría das persoas se asustan ante a posibilidade de padecer unha enfermidade grave, hai que calcular os beneficios de ir ao médico, fronte aos custos de non o facer por ter sentimentos de angustia. Aínda que é certo que as probas diagnósticas xeran preocupación, non realizar, por exemplo, unha citoloxía pode provocar un problema maior. As consecuencias patolóxicas de chegar a un diagnóstico tardío poden ser fatais e, mesmo, mortais. Por iso, os afectados por esta fobia deben comprender que é disfuncional e contraproducente, xa que provoca que asuman condutas de risco en contra de si mesmos.

Como curar a fobia ao médico

Na actualidade, hai dúas terapias cognitivo-condutuais que utilizan os psicólogos para combater o medo irracional: a técnica directa -de inserción ou inundación- e a técnica de exposición gradual.

A primeira é máis drástica e consiste en expoñer o afectado ao causante da súa fobia e ansiedade, como poden ser as arañas ou subir a un avión, para que esta se dilúa. En cambio, a técnica de exposición gradual elimina este temor mediante un achegamento progresivo ao obxecto fóbico. Para iso, pídeselle ao paciente que imaxine que se aproxima ao estímulo e ensínaselle a relaxarse e a diminuír o seu nivel de ansiedade de xeito progresivo, ata que o estímulo fóbico perde forza e desaparece o medo irracional.

Pero, a miúdo, non só hai que tratar a fobia, xa que esta é a punta do iceberg, a manifestación doutro problema, que é a ansiedade xeneralizada. Cando se resolve a fobia, que é o síntoma, moitas persoas fan unha vida normal, porque se lles eliminou o malestar que sentían. Non obstante, ao cabo duns meses, volven con outra situación que lles xera incomodidade. Por iso, se hai un temor irracional relacionado cunha experiencia previa que provocou un condicionamento na infancia, e xorde na vida adulta, sen que se buscase solución durante décadas, hai que tratala e disociala, para que o afectado non viva cunha conduta disfuncional.

Fobias en España

  Os datos do proxecto Esemed (Estudo Epidemiolóxico dos Trastornos Mentais en Europa) correspondentes á poboación adulta de España, publicados no ano 2006, indican unha prevalencia de fobias ao longo da vida do 5,61 %, incluída a fobia social (1,17 %), a fobia específica (3,82 %) e a agorafobia (0,62 %).

Se se proxectan estas porcentaxes sobre o número de adultos residentes no noso país no ano 2011, de acordo co censo que publicou o Instituto Nacional de Estatística (INE), obtense que o número de adultos españois que algunha vez padeceu algunha fobia ao longo da súa vida é de, aproximadamente, uns 2,63 millóns de persoas. Un 0,55 % (máis de medio millón de persoas) sufriría un trastorno de ansiedade por fobia social, un 1,79 % por fobia específica e un 0,29 % (case trescentas mil persoas adultas) por agorafobia, informa Antonio Cano, presidente da Sociedade Española para o Estudo da Ansiedade e o Estrés (SEAS).


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto