Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Vivir anticoagulados

Os anticoagulantes adminístranse para evitar o risco de sufrir embolias, pero aumentan a posibilidade de hemorraxias

  Conseguir que o sangue estea no punto xusto, nin claro nin espeso, é o difícil equilibrio que perseguen os fármacos anticoagulantes. Adminístranse para evitar o risco de desenvolver trombos e sufrir embolias ou infartos, pero expoñen a outro perigo: as hemorraxias. Por iso, os pacientes anticoagulados viven sempre na corda frouxa. En España, hai entre 800.000 e un millón de persoas nesta situación, e estímase que o número de afectados aumenta a un ritmo dun 10 % anual, segundo a Federación Española de Asociacións de Anticoagulados (Feasan).

A maioría necesitan anticoagulantes porque padecen fibrilación auricular (FA), unha arritmia responsable do 15 % dos ictus (accidentes cerebrovasculares); outros, por ser portadores de válvulas cardíacas para previr a trombose; e tamén tras unha cirurxía ortopédica, como pode ser a colocación de próteses de cadeira ou de xeonllo.

Unha vida con limitacións

Os anticoagulantes clásicos son acenocumarol (Sintrom ®) e warfarina (Aldocumar ®), da familia da antivitamina K. Teñen a desvantaxe de que as súas doses deben axustarse de forma periódica para manter o nivel de coagulación dentro dun rango terapéutico. Cando está por enriba, apréciase risco de hemorraxia e, se está por debaixo, rexístrase un perigo de desenvolver trombos.

Poucos anos atrás, co fin de axustar estas doses, os pacientes acudían aos servizos de hematoloxía dos hospitais cada catro semanas. Agora trasládanse aos centros de atención primaria, onde se lles extrae sangue, e envíanselle ao hematólogo do hospital de referencia, que analiza o resultado, axusta a dose e remítea ao centro de primaria. Aínda así, estímase que o 50 % dos pacientes están mal controlados.

O problema é que estes controis dificultan a vida diaria dos pacientes, xa que non todos poden desprazarse con frecuencia aos centros de saúde, por ser maiores, por ser discapacitados ou por traballar. Ademais, os anticoagulantes clásicos limítanos porque interactúan con numerosos fármacos e alimentos con vitamina K. E, ante unha emerxencia médica, se o profesional sanitario descoñece que está descoagulado, existe o risco de complicacións importantes. Por este motivo, a Federación Española de Asociacións de Anticoagulados (Feasan) lanzou a tarxeta identificativa "Estou anticoagulado" -en inglés, chinés e español- para que se saiba a súa condición no caso de que perdan o coñecemento e de que non poidan expresarse.

Novos anticoagulantes: só para uns poucos

En contraposición aos anticoagulantes clásicos, os novos dabigatrán e rivaroxabán e apixabán, dispoñibles en breve, non requiren un axuste periódico das doses. Non obstante, algúns expertos advirten que, co tempo, este mesmo beneficio que se lles atribúe pode producir o efecto contrario, xa que os pacientes poden perder a sensación do perigo que entraña a súa enfermidade, relaxarse co tratamento e esquecer algunha dose, o que elevaría de forma notable o risco de embolia.

Os novos anticoagulantes son unha boa solución para certos subgrupos de pacientes, pero non para todos. Dende o punto de vista clínico, non se lles poden administrar a maiores de 65 anos, aos pacientes con factores de risco engadido, aos que estean fóra do rango terapéutico durante moito tempo ou que teñan a función renal danada, nin aos portadores de próteses cardíacas valvulares.

Autocontrol, o reto pendente

Outra alternativa é o autocontrol do propio paciente con anticoagulantes clásicos mediante os coagulómetros. De igual xeito que se controlan os niveis de azucre en sangue, practícase unha punción dixital e colócase a gota de sangue nunha tira reactiva que se insire no aparato e que mide o nivel de coagulación. Logo, os pacientes axustan a dose.

Este autocontrol é seguro en pacientes de todas as idades e mellor que o control dos especialistas, segundo unha recente metanálise. Ademais, outro artigo publicado en Thrombosis and Haemostasias en 2012 demostrou que o autocontrol en pacientes con Sintrom® non é peor e, mesmo, é algo mellor, respecto do novo dabigatrán, para previr a trombose, o sangrado e a morte. E, ademais, máis barato: 420 euros por paciente e ano, fronte aos 1100 euros que custa dabigatrán.

A Feasan calcula que máis do 60 % dos pacientes anticoagulados reúnen os requisitos para o autocontrol, pero hoxe apenas o usan o 5 %, porque a sanidade pública non o financia. Por iso, reclama que cubra tanto o custo dos aparatos, duns 700 euros, que en España comercializan Roche, Grífols, iLine Microsystems e Izasa, como as tiras reactivas, que custan 120 euros e que, por agora, só financia a Comunidade Valenciana. Non obstante, para os pacientes que non poden permitirse un coagulómetro, xurdiu unha iniciativa privada, a cargo do centro Monitor Medical (Cataluña), que ofrece alugar estes aparellos, tiras reactivas e o asesoramento de hematólogos, mediante o desembolso dun depósito de 35 euros e o pagamento dunha tarifa plana, de 5 euros ao mes.

Consellos para pacientes anticoagulados:

 
  1. Seguir as pautas do médico, non esquecer nunca nin o tratamento anticoagulante nin os controis, e estar en contacto cun hematólogo que o supervise.
  2. Dicirlle ao médico que fármacos se toman, sen obviar ningún para previr interaccións.
  3. Evitar cortes, golpes e deportes de contacto que favorezan as contusións e o sangrado.
  4. Evitar fumar e beber, porque estes hábitos teñen risco de hemorraxia.
  5. Ante dúbidas e síntomas, como sangue ao mexar, na boca ou nas enxivas, hai que acudir rápido ao hospital, xa que pode haber unha hemorraxia interna.
  6. Comer de todo con moderación, pero evitar os alimentos con vitamina K, como o brócoli, a col, as coles de Bruxelas ou as espinacas, se se toma tratamento anticoagulante con medicamentos antivitamina K (Sintrom® e Aldocumar®).
  7. Se se está moi descontrolado, vixiar a alimentación.
  8. Informarse e pensar en facer o autocontrol porque isto mellora a calidade de vida.

Fontes: Luciano Arochena, presidente de Feasan; José Vicente Lozano, médico de Atención Primaria do Centro de Saúde Serrería 2 (Valencia); e Joan Carles Souto, hematólogo da Unidade de Hemostase e Trombose do Hospital da Santa Creu i Sant Pau (Barcelona)


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto