Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

José Ramón Carbajosa, director xeral da Fundación Ecolec e presidente do WEEE-Forum: "A obsolescencia programada é unha lenda urbana"

 Son moitos os cidadáns que se preguntan que hai de certo en que lámpadas, impresoras e outros obxectos estean deseñados para durar un tempo limitado, para así forzar a súa substitución, co conseguinte beneficio para o fabricante. Rumor ou realidade, o feito é que, no caso das novas tecnoloxías (as chamadas TIC), se reflexiona sobre se os fabricantes están a forzar este fenómeno cos televisores, ordenadores e teléfonos, que quedan antigos máis pronto. José Ramón Carbajosa, director xeral da Fundación Ecolec e presidente do foro europeo WEEE, institucións que se dedican á reciclaxe de aparatos electrónicos, asegura que non existe tal complot. E achácalle ao desenfreo consumista a obsolescencia dos aparatos que, en moitos casos, é máis imaxinaria ca real.

Cre que algunhas empresas deseñan os seus aparatos para que duren un tempo limitado?

Non. A obsolescencia programada é unha lenda urbana que non ten argumentos sólidos para sustentarse. A máxima de todos os fabricantes é crear novos aparatos máis eficaces, máis eficientes dende o punto de vista enerxético, coa maior durabilidade posible e ao mellor prezo. Todo iso faise co fin de lograr que os clientes volvan confiar nos produtos da marca respectiva a próxima vez que teñan que repoñer un deles.

Pódese dicir que hoxe existe unha excesiva obsolescencia, programada ou non, nas TIC? Refírome a que a durabilidade dos aparatos se acurta cada vez máis.

En todo caso, o que cambiou nalgúns dos ámbitos das TIC son os hábitos de consumo e, con eles, podemos falar da aparición da obsolescencia funcional ou tecnolóxica, pero nunca programada. No terreo da informática e das telecomunicacións temos un claro exemplo. Compramos a videoconsola de última xeración e, un ano despois, a súa competencia presenta no mercado outra con novas funcionalidades que fan que "aparquemos" a primeira, aínda que funcione ben, porque queremos aproveitarnos das novidades.

É dicir, que nos pode a ansia da novidade...

Os aparatos non deixan de funcionar antes, somos os seus donos os que, influídos polo continuo avance da tecnoloxía e polas súas vantaxes, cambiamos determinados aparatos por outros máis innovadores, con maiores prestacións ou mellor deseño. Tamén inflúen, como non, as modas. A ninguén lle escapa que no mundo da telefonía son moitos os que se moven polo impulso de estar á última e de posuír o último enxeño electrónico, algo que lles dá certo estatus, nivel ou glamour.

Hai talvez un desfasamento entre ritmo de innovación e ritmo de fabricación?

Non. Só o necesario para comprobar que unha suposta mellora é real e funciona ben. A sinerxía entre os departamentos de innovación e a incorporación dos seus desenvolvementos ás cadeas de montaxe é total. Unha vez que unha mellora foi aprobaba, pasa a testarse para comprobar que cumpre as novas funcións que pretende e tamén a súa durabilidade. Unha vez superado este proceso, incorpórase á produción de xeito inmediato.

Non lles preocupa que esta aceleración da obsolescencia xere un exceso de material reciclable?

As cifras non nos dan esa percepción. No caso da microelectrónica e da telefonía, que é onde pode haber unha maior obsolescencia -non programada- e, con ela, un incremento dos residuos destes aparatos, a cuestión é concienciar eses usuarios do bo uso dos bens que adquiren.

Algúns expertos lanzaron algunhas propostas para evitar, ou polo menos frear, a obsolescencia: podería ser unha solución aumentar o IVE, por exemplo, a un 24% para produtos novos (que non innovadores) durante os 12 primeiros meses despois do seu lanzamento e volver ao tipo impositivo "normal" unha vez transcorrido ese ano?

Esta teoría non fai senón confirmar que a obsolescencia programada non existe. O que aquí se formula é un intento de alongar a vida útil dos aparatos e de penalizar impositivamente un posible consumo irresponsable. Subir o IVE non impediría a suposta paralización programada dun aparato electrónico, pero o que si lograría é impedir que unha parte representativa dos consumidores tivese acceso a uns produtos que melloran a súa vida.

Polo tanto, non cre neste tipo de medidas...

Esta en concreto suporía poñer en tea de xuízo o avance que representa para a industria e a economía o traballo e os resultados dos departamentos de I+D das empresas fabricantes. Non se poden pechar as portas do desenvolvemento e da innovación a prol dun fin tan pouco definido como é alongar a vida útil dos nosos aparellos electrónicos.

Que se pode facer entón?

Todos avogamos polo consumo responsable, pero pregúntome se sería xusto penalizar economicamente alguén que pretenda adquirir un aparato; por exemplo, unha televisión con tecnoloxía LCD, un produto cunha tecnoloxía consolidada que os fabricantes xa amortizaron e que, polo tanto, poden poñer no mercado a un prezo que o converte en accesible a gran parte da poboación.

Que parte de responsabilidade ten o consumidor á hora de alongar a duración dun aparato?

O consumidor debe concienciarse de que as súas decisións de compra ou de marcar o límite de vida dun aparato por debaixo do real levan consigo repercusións para o seu ámbito, máis alá de satisfacer os seus desexos. Nuns casos estas consecuencias poden ser boas -por exemplo, ao comprar aparatos máis eficientes dende o punto de vista ecolóxico-, pero noutros xerarase un residuo que talvez se podía evitar contendo o impulso consumista.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto