Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Juan Bárcena, Ecoloxistas en Acción: "A contaminación do aire en España é preocupante"

 O 94 % dos españois respira un aire peor que o recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), segundo un informe de Ecoloxistas en Acción. Un dos seus responsables, o biólogo Juan Bárcena, critica os límites legais de emisións contaminantes, menos estritos do necesario, para protexer o medioambiente e a saúde dos cidadáns. Así mesmo, denuncia a falta de información e de medidas das institucións para encarar a cuestión. "Un problema que en España causa ao ano arredor de 20.000 mortes prematuras".

Como cualificaría a contaminación do aire en España?

É preocupante, aínda que parecida á dos países dos nosos arredores. Agora ben, mentres noutros países se asume e se toman medidas, en España as institucións non informan ben a poboación e subestiman esta situación. Non se sabe con precisión a cantas persoas afecta ou cantos meses de vida acurta, pero as evidencias de que causa mortes son claras.

As institucións non informan ben?

O Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (Magrama) lembra que esta competencia está transferida ás comunidades autónomas e non informa, aínda que non está prohibido que o faga. As comunidades autónomas publican datos brutos, incomprensibles se non es experto. Os seus responsables aseguran que a calidade do aire é boa, segundo uns criterios que cada comunidade inventa. En Alemaña, tamén está transferido aos landers, pero ofrecen nun sitio datos comprensibles, históricos e en tempo real de todo o país.

Segundo o seu informe, o 22 % dos españois respira un aire por enriba dos límites legais, pero un 94 % cos valores da OMS.

A OMS baséase nas evidencias científicas sobre as afeccións á saúde. Nos límites da UE, para os seus Estados membros considéranse tamén as cuestións económicas e políticas. Por exemplo, para as partículas en suspensión PM2,5, unhas das máis nocivas, a lexislación marca un límite medio anual de 25, menos estrito que Estados Unidos (15), e que a OMS (10). En 2013, toca revisar os límites. A Axencia Europea do Medio Ambiente (AEMA), cuxos informes son máis críticos que os nosos, ou o Goberno belga, fan presión para baixalo. E o problema é cada vez máis grave.

Máis grave?

Si, a medida que se coñecen máis e se revisan. O smog, a néboa contaminante que sufriu Londres en 1952, causou 4000 mortes, segundo as estimacións realizadas no seu día. En 2002, volveuse avaliar e o resultado foi de 16.000 mortes. A documentación da Comisión Europea e o Magrama recoñecían hai tempo 16.000 mortes prematuras ao ano en España. Na súa última actualización, o resultado ao que se chegou foi de 20.000 mortes (70.000 en toda a UE). Pero o número real será, con toda probabilidade, maior. No seu día pasou co tabaco, e hoxe ninguén nega os seus efectos.

Os cidadáns quéixanse de sufrir máis asma, máis alerxias etc. ca antes. É pola contaminación atmosférica?

A Sociedade Española de Alergoloxía sinala que está moi relacionado.

As institucións destacan unha melloría da calidade do aire en España nas últimas décadas.

Moitos contaminantes reducíronse, pero aumentaron outros. Nos anos 50 do século pasado, a calidade do aire era peor ca agora, porque había industrias contaminantes en plena cidade, caldeiras de carbón, gasolinas con chumbo etc. Isto reduciuse bastante. Pero os contaminantes de agora, como a PM2,5, producen enfermidades respiratorias e cardiovasculares, e hai pouco tamén se catalogaron como substancias canceríxenas.

Quen orixina a contaminación?

Nas cidades, sobre todo os coches. Os dióxidos de nitróxeno (NO2) son os máis problemáticos, xunto ás PM2,5 e PM10, e o ozono troposférico. Este último non sae dos tubos de escape, pero afecta as zonas suburbiais e rurais, onde a xente cre que hai aire puro, coma na serra de Madrid.

Os fabricantes de coches din que reduciron as súas emisións.

Si, pero como cada vez hai máis, ao final hai máis contaminación. E non sempre o reducen: descubriuse que os coches máis novos emiten máis NO2 que os anteriores, porque as probas técnicas non foron coma na vida real. Non podemos confiar todo nas medidas tecnolóxicas. Hai que ir ao fondo: reducir o tráfico urbano.

Denunciáronse malas prácticas nos postos de control de calidade de aire dalgunhas cidades.

Medir os niveis de contaminación é complexo, pero hai picaresca. En Madrid, houbo polémica. Pero dá igual onde se poñan, sempre se superan os límites da OMS. Aí non entramos, pero si no caso de cidades coma Zaragoza onde, dun ano a outro, se pasou de non cumprir a normativa a facelo. Por iso, pedímoslle ao Magrama que supervise as comunidades autónomas. Se se incumpre a normativa, a UE abre un expediente sancionador. España acumula varios que rematarán en multas. Ademais, obriga a iniciar un plan de redución da contaminación.

Que cidades teñen peor calidade do aire?

É difícil facer a comparación polos atrancos comentados. Agora ben, as grandes cidades, e polo tanto con máis tráfico, teñen máis contaminación. Séguenas as zonas con máis industria e as zonas rurais, polo ozono troposférico.

Que podemos facer os cidadáns?

Informarnos, sermos conscientes do problema, e usar o coche o menos posible. Pero para iso tamén ten que haber medidas que o faciliten.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto