Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Guía de compra: pasta: Pasta: saudable, infinita e económica

É un alimento básico polos seus beneficios na nosa dieta (pode consumirse case todos os días) e de prezo accesible, e que tamén admite aforros considerables

  Unha das elaboracións máis universais na gastronomía é a pasta. Este alimento simple nos seus ingredientes (de cuxa introdución en Europa parece ser responsable o mesmísimo Marco Polo) e doado de elaborar aparece nos receitarios de todo o mundo; dende Asia a América, dende a cociña chinesa ata a cociña con orixes italianas. En Italia, a pasta é todo un sinal de identidade e unha peza fundamental da súa gastronomía. O mercado ofrece todas as variedades de pasta imaxinables: alongadas, tubulares, en forma de espiral ou de cuncha, con recheo ou sen el... No noso país, a pasta non falta en ningún fogar. A súa aceptación pódese atribuír ao seu prezo accesible, á facilidade coa que se prepara e á versatilidade que brinda na cociña, ao longo tempo que pode conservarse e, como non, ás óptimas propiedades nutricionais e ás sensacións que deixa no padal. As súas bondades están claras, pero non sempre parece estalo o rendemento e o partido que se lle pode sacar na nosa mesa a este alimento. O consumo que cada español fai deste alimento, obviamente a anos luz dos nosos veciños italianos que teñen a honra de ocupar o primeiro posto na clasificación, con 28 kg per cápita ao ano, non é tan alto como debería selo se se seguisen as recomendacións dietéticas de frecuencia de consumo de pasta: en apenas 10 anos, pasamos dos 4 kg/ano que consome cada persoa aos 7,5 kg/ano, segundo revelou a última enquisa dietética á poboación española (ENIDE). Esta guía de compra nace con ese obxectivo, o de coñecer todos os detalles que axuden neste propósito e que faciliten a compra deste alimento en cuestión.

O seu lugar na dieta

Os cereais, o composto principal da pasta, son a base dunha dieta saudable; de feito, ocupan os primeiros chanzos da pirámide da alimentación saudable, xunto á froita e á verdura. Todas as sociedades científicas de saúde e nutrición aconséllannos basear a nosa dieta nestes grupos de alimentos para previr as enfermidades crónicas, grazas á súa achega en carbohidratos e fibra. A gran maioría de estudos epidemiolóxicos mostran que o maior consumo de carbohidratos complexos se asocia a un mellor estado de saúde e é por iso que se recomenda inxerir gran parte da enerxía diaria a partir destes nutrientes. A recomendación é consumir diariamente de 4 a 6 porcións de farináceos (do que forman parte os cereais, a pasta e tamén as patacas). A seguinte táboa detalla que se considera unha porción catro alimentos que forman parte deste grupo, cos que deberiamos cubrir a diario as 4-6 porcións recomendadas. Iso quere dicir que, de forma semanal, se pode chegar a inxerir, sen comprometer o equilibrio da nosa dieta, entre 6 e 7 porcións de pasta (constituídas por 60/80 g de pasta en cru): salteada, en ensalada, en sopa, ao forno, como gornición...

Farináceos, a base da nosa alimentación
Frecuencia: de 4 a 6 porcións diarias
Alimento Que é unha porción? Medida caseira dunha porción Prezo ración*
Pan 40-60 g 3-4 rebandas ou 1 boliño 0,17 euros
Pasta 80 g en cru ou 240 fervida 1 prato 0,07 euros
Arroz 80 g en cru ou 240 fervido 1 prato 0,05 euros
Patacas 150-200 g 1 pataca grande ou 2 pequenas 0,19 euros

* Tomáronse como referencia os prezos das gamas máis básicas de cada produto, vixentes nas tendas de EROSKI durante o período no que se realizou o estudo.

Farináceos, a base da nosa alimentación

  Os carbohidratos son o combustible preferido de moitos órganos do noso corpo (sobre todo, do cerebro e dos músculos). Non obstante, a inxestión actual de carbohidratos en España está por debaixo das recomendacións: aconséllase inxerir máis do 45 % da enerxía a partir de carbohidratos, pero a inxestión real é dun 41 %. Neste sentido, a pasta pode axudar a equilibrar a dieta grazas ao seu gran contido en carbohidratos.

A pasta tamén pode axudar a equilibrar a dieta grazas á súa achega en fibra dietética, nutriente crucial non só para un correcto funcionamento da saúde dixestiva, tamén está asociado a un menor risco de padecer unha longa lista de enfermidades crónicas (cardiovasculares, diabetes e mesmo cancro dixestivo). A versatilidade da pasta, grazas a que está dispoñible en numerosas formas e tamaños, permite unha gran flexibilidade nos menús, xa que pode ser preparada e servida con outros alimentos como aperitivo, prato principal, gornición, ensalada, sopa ou sobremesa. Iso, unido ao seu suave sabor, que se presta para ser complementado cunha gran variedade de ingredientes alimentarios, aumenta as posibilidades de equilibrar a dieta. Hai estudos que reflicten que os suxeitos que consomen dietas ricas en pastas presentan menores niveis de colesterol en sangue que aqueles que seguen dietas con menores cantidades deste alimento. Convén recordar que iso dependerá do método de preparación (adición de graxas animais) e dos alimentos cos que se acompaña a pasta. Neste sentido, a Academia Americana de Nutrición e Dietética aconsella non abusar das opcións máis cremosas (queixo, manteiga, nata...) nos pratos de pasta, para evitar inxerir demasiadas calorías e graxas. E é que curiosamente unha das características fundamentais da pasta é que se trata dun alimento baixo en graxas totais e en graxas saturadas, sen colesterol e sen azucres engadidos. Non estraña que figure na base das pirámides da alimentación como alimento que se ha de tomar de forma frecuente.

A pasta, que nos achega?
Pasta Enerxía (kcal) Proteínas (g) Graxas (g) Carbohidratos (g) Fibra (g)
Pasta simple (crúa) 100 gramos 347 12,5 1,4 70,9 5
80 gramos (unha porción) 277,6 10 1,1 56,7 4

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto