Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Desconxelar alimentos de forma segura

Os alimentos conxelados pódense desconxelar de numerosas maneiras, non obstante, as máis efectivas e seguras son utilizar a neveira, a auga fría e o microondas

  Ata un neno o podería facer! Desde logo que si. As fórmulas para desconxelar alimentos son tan variadas que cada cidadán ten a súa preferida. Con todo, non todas están exentas de perigo. Se este proceso se fai de forma errónea, aumenta o risco de exposición a bacterias patóxenas. Durante a desconxelación, os alimentos deben manterse a temperaturas adecuadas, xa que calquera bacteria que puidese estar presente antes de conxelar pode multiplicarse.

Unha vez que se conxelan os alimentos, as posibles bacterias que teñan no seu interior mantéñense latentes e, cunha cocción axeitada, destrúense. Non obstante, se non se desconxelaron de forma correcta, o tempo de cocción recomendado pode non ser suficiente para destruílas. E é que non desconxelar de forma correcta os alimentos pode ser unha causa de intoxicación alimentaria. Se no momento de cociñar o alimento aínda está un pouco conxelado, necesitarase máis tempo para cociñar xa que o exterior podería estar cocido, pero o centro non.

Ademais, debe terse en conta que, mentres se desconxela un alimento, hai que evitar a contaminación cruzada, por iso hai que facelo por separado. Nos casos nos que non hai tempo abondo para desconxelar, hai que cociñar os alimentos de forma directa sempre e cando se teña en conta que o tempo de cocción é un 50% superior que se se desconxela, sobre todo para a carne. Segundo os expertos en seguridade alimentaria as tres formas de desconxelar alimentos de forma máis segura son: na neveira, con auga fría ou no microondas.

Desconxelar na neveira

A desconxelación na neveira require unha planificación previa, sobre todo para alimentos de gran tamaño, para os que o tempo de desconxelación será maior que os de tamaño máis reducido, que poden tardar unhas vinte e catro horas en desconxelarse. Cando se coloca o alimento conxelado na neveira, debe verificarse a temperatura do interior, que debe ser duns 4 ºC; se a cifra é menor, o produto tardará máis tempo en desconxelarse. É recomendable utilizar un prato para evitar que goteen os zumes sobre outros alimentos.

Cando xa se desconxelou, debe prepararse e consumir de forma inmediata para previr o crecemento de bacterias. O alimento podería volver conxelarse sempre e cando non se supere o prazo de tempo no que se debería comer. Por exemplo, a carne picada, os mariscos e as aves poden consumirse ata un ou dous días despois de desconxelarse, e a carne de año, de porco ou de res ata tres e cinco días tras a desconxelación. O peixe é un dos alimentos para os que máis se recomenda utilizar a neveira para desconxelar. Aínda que é o método máis lento, é un dos máis seguros.

En auga fría

Esta forma de desconxelación é máis rápida que a anterior pero necesita que se poña máis atención. Os alimentos deben estar envoltos ou envasados de forma hermética para evitar que o tecido dos alimentos absorba auga e, polo tanto, se reduza a súa calidade, e para previr a contaminación de bacterias na auga (se as houbese) xa nos alimentos. O alimento somérxese ben pechado en auga fría, e esta cámbiase cada certo tempo (uns trinta minutos) para que continúe coa desconxelación.

Os paquetes de menos dun quilo poden tardar unha hora en desconxelarse, mentres que os máis grandes, dun ou máis quilos, necesitarán máis tempo, polo menos dúas horas. Se non se cociñan de forma inmediata e se desexa conxelar de novo, os alimentos desconxelados mediante este proceso deberán cociñarse antes de reconxelarse.

No microondas

É outra opción moi rápida pero deben tomarse precaucións para evitar que se cociñen os extremos dos alimentos e, en cambio, o centro quede conxelado. Tras seleccionar a opción de desconxelación do microondas, introdúcese o alimento de maneira que quede espazo entre este e o interior do electrodoméstico e o aire quente poida circular sen problemas. Pode axudar tamén cortar os alimentos en anacos pequenos (se é posible) para que a desconxelación sexa máis uniforme. Ademais, pode xirarse o alimento varias veces mentres dura o proceso. O alimento debe cociñarse de forma inmediata tras a conxelación.

Principais erros detectados no proceso de desconxelación

  • Non deben desconxelarse os alimentos a temperatura ambiente ou en auga quente. O risco de contaminación é moito maior (o crecemento de bacterias prodúcese sobre todo entre os 4 ºC e os 60 ºC).
  • Os alimentos, unha vez desconxelados, non deben volver conxelarse a non ser que se cociñen a máis de 70 ºC durante, polo menos, dous minutos.
  • Debe evitarse o contacto directo entre alimentos que se vaian desconxelar con outros que xa estean cociñados para evitar contaminacións cruzadas.
  • Convén comprobar o estado do conxelador, que non se formen capas grosas de xeo nas súas paredes ou cristais de xeo nos envases.

O risco da conxelación

 As temperaturas de conxelación non destrúen os microorganismos que deterioran os alimentos e que causan as toxiinfeccións alimentarias, senón que deteñen o seu crecemento e desenvolvemento (dependendo do tipo de microorganismo e das condicións ambientais). Tampouco as encimas -substancias químicas que degradan progresivamente os alimentos- se eliminan, senón que simplemente deteñen a súa actividade. Así, cando cesa o frío intenso, a temperaturas intermedias (desde a desconxelación ao cociñado), os microorganismos comezarán a multiplicarse rapidamente, así como tamén os procesos de deterioración do alimento que volven reactivarse.

Se neste momento, en vez de consumir se reconxela de novo, o único que se conseguirá é conxelar un alimento que contén un número maior de microorganismos que se volverán desenvolver a próxima vez que se desconxele. A única excepción: reconxelar un alimento cociñado que xa estivera conxelado en cru.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto