Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Pesadelos: soños para non durmir

A tensión ou o estrés poden ser as causas dun mal soño e de que non se descanse pola noite

  Un choro desesperado altera o silencio da noite. O neno da casa esperta porque sofre terrores nocturnos, está sentado na cama, cos ollos abertos e sente pánico. Outras veces son os seus irmáns máis vellos, a súa nai ou o seu pai os que teñen pesadelos polos que senten medo, temor, angustia e ansiedade, acompañadas de sensacións físicas como dor no tórax ou dificultade ao respirar. Velaquí un patrón bastante habitual en numerosos fogares. Estímase que arredor do 50% das persoas adultas sofren un pesadelo nalgún momento da súa vida e que o 35% dos nenos tamén as sofren a miúdo. Na infancia, os pesadelos son máis frecuentes entre os 4 e os 12 anos, porque os nenos senten que se separan dos pais. Este desapego pódelles resultar estresante dende o punto de vista emocional; a ansiedade que lles provoca maniféstase a xeito de pesadelos e de espertares bruscos, con choros ou berros en metade da noite. Así que o neno vai medrando, os pesadelos son menos frecuentes. Segundo os expertos, son un síntoma de que algo non funciona ben na vida cotiá. Tanto nos máis pequenos coma nos adultos. Por iso, é importante previlos, evitar os factores que os desencadean e aprender a manexalos.

A cuestión que hai que ter en conta é a determinación de se son pesadelos ou temores ou terrores nocturnos. Os pesadelos distínguense porque se producen durante a segunda parte da noite ou fase REM do sono, que se caracteriza polo movemento rápido dos ollos (de feito, REM refírese ás siglas inglesas de Rapid Eye Movement-movemento rápido do ollo). Pero se suceden durante a primeira parte da noite (arredor dos primeiros 90 minutos) ou fase non REM do sono, trátase dun terror nocturno. Ademais, cando unha persoa ten un pesadelo, adoita espertar de noite, pero non lembra o contido do soño, e ao se volver durmir non retoma ese soño. Dende o punto de vista psicolóxico, os terrores nocturnos son peores, xa que se sofren nunha fase do sono non moi profundo e os afectados pásano peor.

Os pesadelos, un síntoma frecuente

Agora ben, os pesadelos non son patolóxicos, senón un síntoma de algo que, en ocasións, si pode ser patolóxico. Adoitan orixinarse pola tensión acumulada durante o día, ante un estado emocional débil ou tras un trauma emocional xerador dun grande estrés. Así, detrás dos pesadelos pódese rexistrar un trastorno da personalidade, unha vivencia traumática, un cadro de estrés, de ansiedade ou un do non resolto pola morte dun ser querido.

Outros factores desencadeantes son lembrar a alguén coñecido noutra época pasada, escoitar un ruído externo como o dos aparatos de calefacción e o do aire acondicionado que o cerebro rexistra, aínda que non se sexa consciente diso, a febre elevada, a abstinencia do alcohol, unha personalidade caracterizada pola ansiedade e a inseguridade, ou mesmo a crise económica actual. Debido a ela, pódese soñar co traballo, anticipar o futuro, verse pobre nese soño e sentir angustia. Todo iso transmítese ao soño, no que se ve a realidade de forma esaxerada. O mesmo acontece cando falece un ser querido. Se unha persoa experimenta soidade e cansazo e non o dá exteriorizado na súa vida cotiá, aflora no soño.

Como atender os nenos?

O feito de que as familias actuais teñan menos fillos fai que estes sintan un maior apego cara aos seus pais. Os nenos non encaixan ben este maior apego infantil que xorde durante as noites a xeito de pesadelos. O xeito mellor de combatelos é previlos a través dos seguintes consellos:

  • Vixiar que contidos ven os nenos na televisión, en especial antes de se deitaren e evitar que sexan moi agresivos ou dirixidos a adultos.
  • Acudir axiña ao seu carón cando choren por un mal soño.
  • Atendelos, tranquilizalos e facer que se sintan protexidos.
  • Falarlles con acougo e transmitirlles tranquilidade. Isto é moi importante, xa que a moitos pais desconcértaos oílos berrar forte e chorar e mais sentilos ansiosos e nerviosos.
  • Permanecer á súa beira e explicarlles que deben volver adormecer.
  • Non marchar ata que se durman para transmitirlles seguridade.
  • Non os levar nunca á cama dos adultos, porque se pode xerar un hábito inadecuado, que consiste en chamar sen ter pesadelos, só para pasar a noite cos pais e desenvolver un maior apego cara a estes, cando hai que axudalos a seren máis independentes e autónomos.
  • É importante falarlles do pesadelo, explicarlles que é un soño, para que acouguen, e axudalos a buscarlle un final feliz.
  • Nunca debe espertar o neno se o oe chorar en soños, pois deixará de facelo e tranquilizarase por si só, mentres que se o esperta de súpeto se sentirá máis ansioso.
  • Tampouco se lles debe dicir nunca que os pesadelos non son soños reais, senón que son reais e que temos soños bos e malos.

Cando os pesadelos os sofren os adultos... convén:

  1.   Non consumir alcohol, nin bebidas estimulantes, como té ou café ou refrescos enerxéticos, antes de durmir.
  2. Ter unha boa "hixiene" do sono: procurar deitarse e erguerse sempre ás mesmas horas.
  3. Evitar o uso prolongado de tranquilizantes, porque poden provocar pesadelos ou soños pesados.
  4. Realizar exercicio físico regular de tipo pasivo (non aeróbico), como ioga ou Pilates, co fin de introducir unha actividade relaxante antes do sono.
  5. Acudir a un terapeuta se os pesadelos son moi frecuentes porque poden enmascarar un trastorno de ansiedade, de estrés postraumático ou adaptativo.

Fonte: María Jesús Recuenco, neuropsicóloga, psicóloga clínica e directora de ISEP Clínic de Córdoba


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto