Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Jordi Salas, Catedrático de Nutrición e Bromatoloxía na Universidade Rovira i Virgili, Reus: Non pensamos no que comemos

 Jordi Salas é unha persoa eminente e afable, agradable na conversa e no trato. Así poderiamos comezar describindo a persoa sorrinte que temos diante. Catedrático de Nutrición e Bromatoloxía na Universidade Rovira i Virgili, en Reus, Jordi Salas tamén é director do Grupo de Investigación en Nutrición Humana da mesma universidade e Xefe Clínico da Unidade de Nutrición Clínica do Servizo de Medicina Interna do Hospital de Reus. Ocupa varios cargos de alta responsabilidade en sociedades e organismos relacionados coa nutrición. A súa carreira docente e mais a científica e a clínica centráronse no estudo da obesidade, a diabete e as enfermidades cardiovasculares, que son o resultado, sobre todo, dunha "dieta desequilibrada", sinala Salas. Aínda que, admite o experto, "non existe ningunha medida definitiva que cure a obesidade", si se pode previr cunha "dieta frugal, variada e con moitos vexetais". Salas tamén manifesta especial interese polo estudo da alimentación e da nutrición a través da historia. Espremamos os seus coñecementos.

Cal é o principal "mal alimentario" que padece a nosa sociedade actualmente?

Non pensamos no que comemos. Imos moi rápido en todo, sen planificación ningunha e, ao final, nun ámbito como o que temos, no que destaca sobre todo a alta dispoñibilidade de alimentos gustosos pero pouco saudables, a nosa dieta vólvese desequilibrada. O asunto é serio porque este "mal alimentario" pode acabar en enfermidades cardiovasculares, cancro, obesidade e enfermidades metabólicas, que son as principais causas de mortalidade no mundo occidental.

Estas doenzas afectan preferentemente a algúns colectivos concretos?

Sen dúbida ningunha, existen desigualdades sociais, tamén en saúde. As persoas con menos recursos económicos teñen menos posibilidades de seguir unha alimentación saudable e de practicar un estilo de vida activo, polo que se ven máis afectadas pola obesidade, por exemplo. Tamén se observan diferenzas de xénero. As mulleres, por causas hormonais e xenéticas, son máis susceptibles de padecer obesidade na menopausa, pero os homes, polo estilo de vida que levan (en xeral, coidan menos da súa saúde), padecen máis enfermidades cardiovasculares e cancro.

Hai elementos colaterais que contribúan a empeorar aínda máis esta situación?

O medio desempeña, sen dúbida, un papel fundamental. As características das rúas, os parques, a presenza e accesibilidade a instalacións de ocio e deporte, entre outros aspectos, son determinantes para poder levar un estilo de vida activo ou, pola contra, sedentario. Este punto é transcendental na obesidade e no resto de enfermidades. Tamén está moi estudado o feito de que a prevalencia de obesidade é maior canto maior é o número no contorno de restaurantes que serven comida rápida, ou canta maior é a dificultade para adquirir alimentos como froitas e verduras frescas, por exemplo.

Daquela, hai certa responsabilidade individual, pero tamén hai elementos que non dependen tanto de nós (amais da xenética)...

Efectivamente, os factores ambientais teñen unha transcendencia esencial e, en teoría, pódense modificar. Pero, en realidade, estes factores son difíciles de cambiar. As estratexias que se están a levar a cabo para combater a epidemia da obesidade son, en xeral, demasiado tímidas e non abranguen estes aspectos. Por esta razón, a tendencia non se está a reverter, polo menos en parte. Só se pensa na educación alimentaria e, se ben é un factor importante, non podemos quedar só aquí. Os nenos, a día de hoxe, xa saben que alimentos son sans e caáles non o son.

Cal sería a súa proposta?

Nos vindeiros anos veranse intervencións máis drásticas, como as taxas aos alimentos ricos en azucres ou graxas trans, que xa aplican e teñen outros países. Hai que matizar e concretar o tipo de medida que se queira adoptar e como se instaura, pero creo que no noso país ao final serán necesarias estas regulacións impositivas.

Esta medida garda certa similitude coa opinión de que o elevado prezo dalgúns alimentos (froitas e verduras, froitos secos ou aceite de oliva, por exemplo) é o responsable de non poder levar a cabo unha alimentación saudable.

  Eu non creo que iso sexa certo. Pódense seguir os estándares dunha dieta mediterránea a un prezo alcanzable. Promover este tipo e modalidade de dieta non é só promover a saúde das persoas, senón tamén promover a economía familiar e a economía dos poucos produtores que quedan no noso país.

É posible un tratamento da obesidade e das enfermidades relacionadas coa alimentación que sexa exitoso e definitivo?

Hoxe por hoxe, non existe ningunha medida definitiva que cure a obesidade. Algúns tratamentos como a cirurxía bariátrica na obesidade mórbida adoitan conseguir perdas de peso mantidas no tempo. Para o exceso de peso menos severo, coa actividade física, a dieta hipocalórica e a modificación condutual pódense controlar moitos parámetros, como as enfermidades asociadas. Pero, en xeral, é moi difícil un tratamento exitoso e permanente. Os milagres, xa sexa con dietas milagre ou fármacos non existen.

Daquela, ante este escenario...

A prevención, velaquí a única e a mellor arma.

Un claro exemplo de que as cousas non van ben é o numeroso e diverso "universo" de dietas. Por que dietas como a de Atkins, a Dukan ou a do pomelo chegan con máis facilidade ca a dieta mediterránea?

Non hai unha proposta que funcione a longo prazo. Ao final, a persoa que seguiu varias dietas ten unha gran dificultade para perder peso e, pola contra, moita facilidade para gañalo así que abandona a pauta. Isto supón un fracaso emocional, o que a empurra a buscar calquera cousa nova, canto máis afastada do convencional mellor, que prometa que esta vez será a definitiva, rápida e ademais sen esforzo. E isto non só non existe, senón que acaba poñendo en risco a saúde das persoas.

Tamén están en auxe os alimentos light, sen azucre, baixos en graxas ou os alimentos funcionais e enriquecidos. Son necesarios e imprescindibles?

Algúns alimentos funcionais poden ter un papel importante na prevención de enfermidades ou poden permitir, por exemplo, que se diminúa a medicación para determinadas condicións. O problema é que a poboación descoñece cando e quen os pode consumir, cales son as doses recomendadas e os perigos que hai se se consumen en exceso.

Non estamos ben informados...

Exacto, velaí o principal problema dos alimentos funcionais. Hoxe mesmo estiven cunha persoa que consumira tres porcións de leite con fitoesterois. Sabemos que o consumo dunha dose determinada de leite ou leite fermentado enriquecido con fitoesterois é unha medida axeitada para diminuír o colesterol. Pero o caso é que máis dunha porción ao día non ten mellores efectos, e non coñecemos con seguridade as consecuencias negativas que pode ter este consumo excesivo.

Como coida que se pode solucionar a desinformación neste ámbito concreto?

Creo que se ten que informar. As persoas deben ter acceso doado a toda a información imprescindible e rigorosa: a quen vai dirixido este produto, que dose se debe consumir e que cantidade non se debe superar.

Para rematar, cal sería a súa descrición de "comer ben"?

Dieta frugal, variada e con moitos vexetais.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto