Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Eduardo Sánchez Jacob, Presidente da Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento: "As ONG estamos obrigadas a ser transparentes e a render contas"

 As ONG cumpren. Cada ano sométense a auditorías externas e a mecanismos internos de seguimento. Xustifican o destino de todos os seus fondos e os resultados obtidos en cada proxecto. Están obrigadas a "ser transparentes e a render contas". Pero por se a alguén lle quedan dúbidas, o Presidente da Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento (CONGDE), Eduardo Sánchez Jacob, despéxaas: "Os doadores sempre se poden pór en contacto coa organización e coñecer polo miúdo o destino da súa doazón".

É fundamental que os cidadáns doen ás ONG?

Agora máis ca nunca. Ao se reducir a axuda das administracións, precisamos máis apoio económico da cidadanía para mantermos os nosos proxectos. Pero ademais, as ONG traballan onde outros non chegan e cos colectivos máis vulnerables, cada vez máis numerosos.

Alternativas para doar non faltan. Internet e as mensaxes de móbil son dúas novas vías, pero son seguras?

Os sistemas de seguridade de doazóns on line son os habituais de compra por Internet e garanten que non haxa ningún desvío de cartos. Son unha forma sinxela e áxil de facer un donativo.

Tamén se protexen os datos persoais dos doadores?

En xeral, o sector das ONG cumpre de xeito escrupuloso a Lei de protección de datos, que garante a súa privacidade e uso correcto. Pero en calquera intre o doador pode cambiar os datos ou o seu tratamento.

Que información se pode reclamar tras unha doazón?

As ONG están obrigadas a respectar sempre a vontade dos doadores no tocante ao destino dos seus fondos e mais a ser transparentes, a render contas e a ser auditadas. As ONG envíanlles información periódica aos doadores, invítanos a actividades ou solicitan a súa participación en accións de sensibilización. Ademais, a maioría publicamos a nosa actividade en Internet, pero se hai algo sobre o que desexan saber máis, os doadores poden contactar coa organización e coñecer polo miúdo o destino da súa doazón.

Que acontece se a páxina web non está actualizada?

Este é un mecanismo de comunicación de dobre sentido: da ONG á sociedade e da sociedade á ONG. Moitas organizacións ata incorporaron mecanismos de participación on line, como foros. Pero se está desactualizada ou unha persoa bota en falta algo importante, pode contactar coa organización.

Ou acceder á memoria anual. É obrigatorio publicala?

Todas as ONGD asociadas á Coordinadora están obrigadas a publicar unha memoria anual sobre actividades, programas, recursos e órganos de goberno. Ademais, temos unha Comisión de Seguimento do Código de Conduta das ONGD, con capacidade sancionadora, e a nova normativa contable esixe presentar, xunto coas contas anuais e a memoria, un Plan de Actuación que recolla as actividades e o seu orzamento. A transparencia é un dos piares esenciais que rexen o noso traballo e a relación cos nosos doadores.

Aposta máis por sistemas internos de seguimento ou por auditorías externas?

Ambos os dous procesos son complementarios. As auditorías contables externas son habituais e as normas de xustificación de fondos dos grandes doadores son moi estritas. Tamén se realizan auditorías externas a proxectos para medir os resultados e impactos e, a partir deste ano, as ONG da Coordinadora debemos auditar externamente os nosos indicadores de transparencia e bo goberno.

A entrada de fondos públicos ou privados resta neutralidade nalgún caso?

O maior risco para unha ONG é que os fondos procedan de moi poucos doadores, porque poden intentar condicionar. O financiamento debe ser diversificado e, sobre todo, de moitos doadores. Ata agora, unha parte importante dos fondos da cidadanía canalizábanse a través das administracións públicas, que xestionan os impostos, pero estes recursos diminúen e apelamos directamente aos cidadáns. O Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación reduciu a súa achega en 1.016 millóns de euros e a Secretaría de Estado de Cooperación suprimiuse. Isto fainos temer que a redución de fondos recaerá sobre as partidas destinadas a desenvolvemento, algo moi grave, xa que son as persoas máis vulnerables as que máis pagan a crise.

Perigan os proxectos das organizacións para este ano?

Efectivamente. Aínda que as ONG recortamos todos os gastos que podemos, se non hai recursos estamos obrigadas a pechar proxectos. Isto é moi preocupante porque mingúan as posibilidades de educación, saúde, alimentación ou acceso á auga. Por iso este ano temos que traballar con máis enerxía e dedicación e pedir o apoio dos que teñan capacidade de botar unha man.

Cómpre unha maior colaboración entre organizacións?

Se cadra é pouco coñecido, pero as ONG traballan moito xuntas, en terreo e en España. Un bo exemplo é a propia Coordinadora, que cumpre o seu 25º aniversario, e as 17 Coordinadoras autonómicas, que integran máis de 500 ONG. Todas comparten valores comúns, como a xustiza social, a distribución equitativa dos recursos e a solidariedade cos máis vulnerables, estean onde estean, así como a participación e a transparencia.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto