Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Sorrisos e bágoas: saudables por dentro e por fóra

Rir e chorar é san e beneficioso, contribúe a manter o equilibrio psicolóxico e un estado físico saudable

  Chorar é tan bo para a saúde coma rir, aínda que ben se podería dicir que son a cara e a cruz do noso estado anímico e unha maneira moi sa, no seu xusto equilibrio, de expresar as nosas emocións. Escacharse da risa equivale a realizar unha sesión completa da mellor ximnasia e a un analxésico natural, mentres que chorar reconforta e relaxa tanto coma tomar un baño de auga morna. Por iso, os expertos recomendan expresar os sentimentos a xeito de risas e bágoas para sentírmonos mellor.

O choro é a nosa carta de presentación ao mundo cando nacemos e arredor dos dous meses de vida esbozamos o noso primeiro sorriso social. Dende aquela, é inevitable que a nosa existencia se acompañe de sorrisos e bágoas. Os primeiros son benvidas, mentres que as segundas son temidas e rexeitadas, a menos que xermolen por unha intensa emoción de ledicia. Pero tanto uns como outras teñen a súa razón fisiolóxica de existir e resultan beneficiosas para a nosa saúde mental e para o noso organismo. En que se parecen a risa e o choro? Son dúas maneiras de expresar as emocións e atópanse en estreita relación coa presión sanguínea, a aceleración e detención da respiración, a aparición do rubor e a palidez no rostro e ata co ton muscular. Grazas a elas, danse descargado tensións e ambas as dúas posúen unha función reguladora que crea circunstancias vantaxosas para o organismo.

Desde a nenez ata a etapa adulta

A risa, e en concreto o sentido do humor, é un xeito de expresión xenuinamente humano que funcionou como cohesión social, coma o canto ou o baile. Diferentes estudos afirman que a risa se utiliza como un modo de comunicación na infancia e que na etapa adulta se converte nun modo de expresión dos sentimentos. Así, mentres que os nenos de 6 anos rin arredor de 300 -400 veces ao día, os adultos fano entre 15 e 100 veces; en cambio, os adultos maiores sorrín menos de 80 veces diarias; as persoas máis risoñas alcanzan 100 risas ao día e as menos alegres apenas chegan ás 15, o que demostra que cos anos vaise perdendo esta capacidade expresiva.

O choro prodúcese, non obstante, con fins fisiolóxicos: limpar o lacrimal, manter unha axeitada hidratación dos ollos, pero tamén para liberar hormonas do benestar. Acompaña o ser humano dende o nacemento, sobre todo durante a súa etapa de bebé como un acto de comunicación e como un reclamo de atención á súa nai e os seus coidadores. Na etapa adulta o choro aínda se considera un acto de comunicación, pero transfórmase para expresar outras necesidades, para amosar a impotencia que sente ante un suceso concreto, para aliviar unha gran tensión ou para eliminar a tristura. Os "factores gatillo" que o desencadean adoitan ser emocións moi intensas, que poden ser negativas, como os pensamentos negativos e daniños, as malas novas, a rabia, a pena e o sufrimento, pero tamén as positivas, como unha intensa ledicia.

Hormonas e músculos da risa e do pranto

  Coa risa, libéranse endorfinas, substancias opioides endóxenas segregadas polo cerebro, con altos poderes analxésicos que mitigan a dor, amais de adrenalina, un compoñente que, en boa medida, potencia a creatividade e a imaxinación, dopamina, que facilita a actividade mental e a serotonina, de efectos calmantes e que diminúe a ansiedade.

En cambio, cando o choro se activa libéranse adrenalina e noradrenalina, que é a hormona que fai que nos desafoguemos e tranquilicemos, e outras substancias como a oxitocina, que liberan as nais cando están preto dos seus fillos para proporcionarlles unha sensación de calma. Isto explica que, logo de chorar un bo anaco, se teña unha sensación de relaxación similar á que se experimenta despois dun baño con auga morna.

Na xeración da risa e do choro interveñen ademais distintos grupos musculares. Na acción de rir participan preto de 400 músculos, incluídos 15 da cara, algúns do tórax, o abdome e o estómago, que só se poden exercitar con ela. Neses momentos e debido á intensidade do exercicio, cada grupo muscular estimúlase como o faría nunha sesión de ximnasia, ata o punto de que cinco minutos de risa equivalen a 45 minutos de exercicio aeróbico e axuda a adelgazar, xa que reactiva o sistema linfático. Tamén produce unha contracción dos músculos do diafragma, resonancia da farinxe e do veo do padal, e contraccións involuntarias dos músculos faciais. Por outra banda, o choro contrae os músculos faciais e o contorno dos ollos. Como consecuencia, a irrigación sanguínea excita as mucosas oculares e orixínase o lagrimexo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto