Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Darlles saída económica a certos obxectos usados pode ser de grande axuda para chegar a fin de mes
Esta crise económica sen precedentes nos últimos setenta anos operou profundos cambios nos nosos hábitos de consumo e no modo en que enfocamos a economía doméstica. Pasamos da compra sen control de obxectos prescindibles a un racionamento máis controlado sen pensar que pode haber solucións centenarias que, á vez que osixenan a nosa economía, nos permiten manter un nivel de consumo razoable. A venda de obxectos usados que xa non precisamos é unha delas e, alén dos tempos que corren, nalgúns países, sobre todo os anglosaxóns, constitúe un evento social de fonda raizame. Agora Internet ofrece a oportunidade de subirnos ao carro da segunda man dun xeito doado e óptimo pero, como temos que facelo para evitar desgustos?
Hai moitos servizos de venda de segunda man na Rede. Os máis coñecidos son eBay e, en España, Segunda Mano, pero non son os únicos e, en ocasións, hai algúns máis específicos que poden ser máis eficaces para vender determinados obxectos. Diversas plataformas están especializadas en vender roupa e obxectos de bebé usados. Tamén as hai sobre coches e motocicletas, ordenadores, teléfonos móbiles e outros produtos informáticos que contan con plataformas específicas onde é doado que o noso produto atope demanda. Non obstante, isto non quere dicir que as grandes plataformas sexan ineficientes ou non sexan recomendables, xa que dispoñen doutro tipo de garantías que non sempre poden ofrecer os sitios pequenos. Contan tamén con todo tipo de público, co que a demanda do noso produto non ten por que resentirse.
Amais de asegurar a demanda, hai que procurar evitar os sustos posvenda ou a frustración ante as queixas non atendidas. O sitio que elixamos para vender o noso produto debe reunir unha serie de características que garantan unha venda seria:
Un rexistro de usuario formal. Para darnos de alta no servizo e comezarmos a vender débennos pedir algúns datos básicos, como un enderezo de correo electrónico válido, algún contrasinal e datos que nos identifiquen e mais un domicilio. Debemos pensar que o mesmo que se nos esixe a nós se lle pedirá a quen nos merque. A seguridade para todos é a mellor garantía de realizar unha venda sen problemas. En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI