Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

A febre, amiga ou inimiga?

No 99% dos casos a febre é unha resposta fronte ás infeccións debidas a virus ou bacterias, aínda que tamén se pode orixinar por outras causas

  Aínda que poucas persoas definirían a febre como algo positivo, sobre todo logo de sufriren as molestias que a acompañan, esta pode ser unha grande aliada para loitar contra as infeccións. Malia a esta afirmación avalada polos expertos, son numerosas as dúbidas que xorden nas familias ante cadros febrís, dende como medila e controlala de maneira axeitada ou que fármacos resultan máis efectivos. Para atoparlles resposta a algunhas destas preguntas convén coñecer con exactitude como se orixina a febre. O home -e os animais de sangue quente- teñen unha temperatura corporal determinada para protexer os seus órganos vitais -cerebro, corazón e fígado- das infeccións e doutras agresións. Esta temperatura está regulada por un mecanismo similar a un termóstato que se atopa nunha parte do cerebro, o hipotálamo, e que se dispara cando detecta algún factor que pode danar órganos vitais. Isto significa que a febre, por moi molesta que nos resulte, non é unha enfermidade, senón un mecanismo de defensa, un síntoma de que algo non marcha ben no noso organismo. No 99% dos casos, é unha resposta fronte ás infeccións debidas a virus ou bacterias, entre outros microorganismos. Pero pódese orixinar por outras causas, como un sobrequecemento por estarmos demasiado abrigados, que pode conducir a un golpe de calor, enfermidades da pel, metabólicas, autoinmunes e ata por determinados medicamentos.

Das décimas á febre perigosa

O corpo humano débese manter a unha temperatura corporal determinada, arredor de 36,8 ºC, cando se toma na axila. A medida que esta ascende, recibe un nome distinto e aumentan as posibilidades de que se volva perigosa para o organismo:

  • Temperatura normal, entre os 36 ºC e os 37 ºC.
  • Febrícula ou "décimas", cando a temperatura axilar se sitúa entre 37 ºC-38 ºC.
  • Febre, cando chega a 38 ºC ou máis.
  • Febre alta, cando supera os 39 ºC.
  • Hipertermia, cando supera os 40 ºC, a febre considérase moi alta e perigosa.

A maior temperatura, máis síntomas

  A elevación da temperatura corporal asóciase, ademais, á aparición doutros síntomas acompañantes, que o médico tamén valora e que lle dan unha orientación sobre a gravidade da febre e que o axudan a decidir como actuar. Entre eles figuran os seguintes:

  • Febre entre 38 ºC e 39 ºC. Neste rango de temperatura axilar, o organismo da persoa afectada pode responder con arrubiamento (ou rubor), aumento da frecuencia cardíaca (taquicardia) e da frecuencia respiratoria (taquipnea).
  • A partir de 39 ºC. Os nenos máis pequenos poden presentar convulsións.
  • A partir de 40 ºC. Por si soa, é motivo abondo para levar os nenos urxencias. Pódense sufrir mareos, náuseas, dor de cabeza e unha suor tan acusada que conduce á deshidratación.
  • A partir de 41 ºC. Os afectados precisan de atención urxente e poden sufrir confusión, alucinacións e somnolencia.
  • A partir de 42 ºC. Un adulto con esta temperatura corporal ou máis pode sufrir un coma, acompañado de hipertensión ou hipotensión graves e taquicardia extrema.
  • A partir dos 43 ºC. Os afectados non escapan ao dano cerebral nin da parada cardiorrespiratoria.

Como e cando medir a temperatura

A temperatura corporal débese tomar polo menos tres veces nun mesmo día (pola mañá, pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, e pola noite, antes de deitarse). As localizacións ou partes do corpo nas que se pode medir son catro:

  • A axila. O termómetro colócase baixo a axila e debe permanecer en contacto coa pel ata que pite. Esta é a localización que se universalizou en adultos porque ofrece uns valores máis exactos da temperatura corporal. Cando a temperatura axilar supera os 38 ºC, considérase que unha persoa ten febre.
  • O recto. En bebés a temperatura máis fiable é a anorrectal e recoméndase utilizala tamén para nenos pequenos que non sosteñen con seguridade o termómetro na boca. O ano está moi vascularizado polo paquete venoso hemorroidal, polo que a temperatura anorrectal é un moi bo reflexo de como está a temperatura corporal. Para medila, colócase o neno boca abaixo, sobre unha superficie plana, ou no colo, sepáranselle os glúteos e amárrase forte para que permaneza inmóbil e así podermos introducirlle o termómetro 1,5 ou 2 centímetros no ano; para facilitar a súa entrada, a punta pódese lubricar con vaselina. Despois, déixase o termómetro 2-3 minutos e, ao escoitar o sinal acústico, retírase. Neste caso, considérase que o neno ten febre cando a súa temperatura é de 38,5 ºC.
  •   Na boca. A temperatura oral ou bucal-sublingual tamén é moi fiable, aínda que é unha localización que non adoita utilizarse polo risco de infección que leva consigo se recorre a ela máis dunha persoa. Outro factor en contra é que adoita dar cifras superiores ás axilares e, nalgúns casos, interpretacións erróneas en canto á presenza real de febre. Non obstante, é unha opción que se pode considerar en nenos, a partir dos 4 ou 5 anos, porque xa poden cooperar máis na medición. Para tomarlles a temperatura, colócase o termómetro debaixo da lingua, pídeselles que pechen a boca, que respiren polo nariz e que aperten os labios (para que o termómetro non se mova). Así que soa o sinal acústico, retírase o termómetro e, se a temperatura supera os 37,8 ºC, é que o neno ten febre.
  • O oído. Un recente estudo publicado en "The Lancet" puxo de manifesto que os termómetros para tomar a temperatura no oído non son tan efectivos. Danse varios aspectos que limitan as súas posibilidades de uso: non poden empregarse en presenza dunha enfermidade (como unha otite ou infección) e, se non se colocan nunha posición axeitada, poden ofrecer valores de temperatura incorrectos, sobre todo nos nenos máis pequenos, con canles auditivas de menor tamaño. Unha das súas vantaxes é que permite tomar a temperatura do neno mentres dorme.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto