Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizados 125 ximnasios en 18 capitais españolas: A atención ao cliente e mais o asesoramento médico-deportivo continúan a ser deficientes

As diferenzas son significativas: un 14% dos establecementos non supera o exame da revista, mentres que un de cada tres logra o "moi ben" ou "excelente"

Matrícula e cota mensual

  As tarifas dos ximnasios dependen en boa medida das súas características e da enorme variedade de servizos que ofrecen, pero tamén inflúe a cidade na que se sitúen. O pagamento da matrícula de inscrición, que se aboa unha única vez, é obrigatorio en case tres de cada catro centros (proporción similar á do anterior estudo), aínda que no momento no que se fixo a visita, setembro, un 17% dos ximnasios que a teñen establecida non esixía o seu pagamento e un 20% ofrecía distintos descontos. O custo medio da inscrición nos ximnasios que dispoñen de zona de augas ou SPA (por exemplo piscina, sauna ou jacuzzi) ascende a 83 euros (90 euros era o prezo no 2008), aínda que existen diferenzas considerables entre as capitais. O importe medio máis caro atopouse nos ximnasios de Vitoria e Bilbao, con 135 euros de media, os menos onerosos localizáronse en Córdoba e Valladolid, con 35 euros de media. A matrícula nos ximnasios sen SPA ten un custo medio de 48 euros (44 euros no 2008). Neste caso, as variacións entre capitais son menores (dos 60-70 euros de media en Vitoria, Zaragoza, San Sebastián e Valencia, aos escasos 20 ou 30 euros de Granada e Murcia).

O custo medio da mensualidade dos ximnasios é de 56 euros, pero de novo inflúe se o centro conta ou non con zonas de augas: se dispoñen dela a cantidade ascende a 63 euros. A mensualidade máis cara atopouse nun ximnasio de Madrid, onde había que pagar 125 euros todos os meses (noutro de Bilbao a cota era de 115 euros). Os máis económicos localizáronse en Valladolid (un ximnasio só cobra 33 euros ao mes), Córdoba (35 euros) e outro de Barcelona (37 euros). Polo tanto, convén comparar os prezos dos ximnasios en cada cidade, xa que unha persoa pode chegar a aforrar ata 89 euros na capital madrileña, 50 en Bilbao e uns 40 euros en capitais como Valencia, Barcelona e Zaragoza. Nos ximnasios que non contan con SPA a mensualidade media é de 53 euros. Neste caso, tamén se lle recomenda ao consumidor que compare prezos antes de se inscribir, xa que en cidades como Valencia pode chegar a aforrar 125 euros ao mes. En Madrid tamén hai unha importante diferenza entre o ximnasio máis caro e o máis barato (65 euros ao mes), mentres que nas outras capitais as diferenzas atopadas son menores, van dos 10 aos 30 euros ao mes, aínda que ao cabo do ano supoñen unha cantidade importante.

EROSKI CONSUMER comparou a relación entre a calidade e o prezo dos vinte ximnasios máis caros e os vinte máis económicos. Atopáronse disparidades, aínda que non excesivamente substanciais: os vinte máis caros (cobran unha media de 90 euros mensuais) obteñen unha nota media de 7,2 puntos, mentres que os vinte máis baratos, que apenas cobran 36 euros mensuais de media, acadan unha nota de 6,3 puntos. Mesmo entre os máis baratos hai 3 ximnasios que obteñen notas medias superiores aos 7,5 puntos. É dicir, trátase de ximnasios cunha máis que atractiva relación calidade-prezo, situados en Córdoba, Valladolid e Alacante. No tocante aos máis caros, dous deles nin sequera chegan ao aprobado, é dicir, a súa relación calidade/prezo é moi mala (son caros e non superan a análise de calidade). Non obstante, dous dos vinte máis caros conseguen unha cualificación de "excelente" e outros doce chegan ao "moi ben".

Tarifas e horarios á carta

Non sempre se dispón do tempo necesario para acudir ao ximnasio. Por iso, algúns establecementos ofrecen tarifas reducidas para estes casos: o 44% dispoñen de plans de prezos reducidos se o cliente opta por acudir só en horario de mañá. Esta práctica é habitual en localidades como Barcelona, Granada, Sevilla e Málaga (ofértano máis de tres de cada catro ximnasios destas capitais) ou Valladolid (dous de cada tres) e nada común en Murcia, Oviedo e San Sebastián (ningún ximnasio analizado o ofrece). O prezo neste caso redúcese aos 45 euros de media mensuais. O horario reducido de tarde é aínda menos habitual: só o contemplan o 14% dos centros. A tarifa mensual neste caso é de 58 euros, pouco menos ca a media de 65 euros. Ademais, ofrecéronselles aos técnicos desta revista na súa visita outra serie de descontos ou ofertas: dende o 10% ao 20% da cota mensual se pagan por adiantado uns meses ou mesmo un ano. Moi habitual nos ximnasios de Murcia (a metade ofréceo), Málaga, Alacante e Madrid (arredor do 40%-45% dos centros o recollen); algo máis de un de cada catro centros ofrece descontos no caso de ser maiores de 60 anos, menores de 15, por apuntarse máis dun membro da familia, etc., ou se se é estudante (un 7% contémplao).

Así e todo, os horarios que ofrecen este tipo de centros son amplos: sete de cada dez ximnasios abren sábados e mais domingos (aínda que moitos pechan un día pola tarde), só o 15% dos visitados non abre as fins de semana e outros tantos abren só os sábados.

Os ximnasios permanecen abertos ao público case 15 horas de media en días laborables (mesma media ca en 2008) e 8 horas os sábados e domingos (7 horas foi a media no 2008). Os que maiores facilidades ofrecen son os ximnasios de Barcelona (16 horas de media permanecen abertos os laborables e 10 os sábados e domingos) e mais os de Madrid, Granada e Valencia. Os que menos horario de apertura teñen son os ximnasios de Oviedo e Logroño (abren de media 13 horas en días laborables e só durante 5 as fins de semana).

Para elixir ben: coñecer antes de contratar

En ocasións, a decisión de ir a un ximnasio tómase por riba: despois das vacacións, como primeiro propósito do ano... Agora ben, a elección do local en cuestión non debe ser tan rápida, convén tomala devagar e atender a unha serie de cuestións:

Localización

  • Situación: non é un dos aspectos máis importantes á hora de elixir un ximnasio, pero as instalacións deben estar a unha distancia razoable dos lugares que máis se frecuentan na rutina cotiá. Iso evitará que se atopen escusas para deixar de ir.
  • Horarios: é importante saber cales son para coñecer a dispoñibilidade das actividades deportivas nas que se está interesado. Tamén as datas nas que pecha: festivos, vacacións de verán, etc.

Actividades, servizos e tarifas

  • Contrato de adhesión: é fundamental ler ben a letra pequena antes de asinalo para coñecer todos os compromisos que se adquiren: por exemplo, cal é a modalidade de pagamento (algúns obrigan a domiciliar a cota), que acontece se nos damos de baixa temporalmente, etc.
  • Instalacións, material e actividades: hai que asegurarse de que se ofrecen as clases e actividades desexadas. Ademais, tamén convén reparar en se hai material abondo (máis dunha máquina para cada exercicio), de calidade, en boas condicións de uso e ordenado. Tamén é importante ver se as instalacións son espazosas e teñen iluminación abonda.
  • Exame médico: é imprescindible que os centros poñan atención no estado de saúde dos seus usuarios. Por iso, é importante confiar nos establecementos que realicen unha revisión médica completa.
  • Custo: é fundamental comprobar as tarifas e realizar unha comparación entre os diferentes centros. Hai que fixarse nos servizos e actividades que inclúe a mensualidade.

Limpeza e hixiene

  • Limpeza e conservación: é un dos aspectos máis importantes á hora de elixir ben un ximnasio, xa que todo centro debe cumprir unhas normas de hixiene. Os vestiarios, os baños e as instalacións deben estar en bo estado de conservación e limpeza para previr riscos.
  • Ventilación: hai que asegurarse de que as instalacións teñen sistemas de ventilación abondos para evitar que o ambiente estea moi cargado, con mal cheiro ou a unha temperatura excesiva.

Persoal cualificado

  • Titulación: o persoal supervisa a actividade das salas de máquinas, dirixe as clases, resolve dúbidas e asesora. Debido á súa importancia, ten que ter a titulación axeitada: licenciado en educación física, técnico superior en actividades físicas, título homologado e oficial de adestrador deportivo, etc.
  • Visita: é recomendable coñecer como son as instalacións e en que situación se atopan. É posible solicitarlle ao persoal realizar unha visita guiada polas diferentes salas do local antes de decidirse por un establecemento ou outro.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto