Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizados 125 ximnasios en 18 capitais españolas: A atención ao cliente e mais o asesoramento médico-deportivo continúan a ser deficientes

As diferenzas son significativas: un 14% dos establecementos non supera o exame da revista, mentres que un de cada tres logra o "moi ben" ou "excelente"

  "Mens sana in corpore sano". Este vello proverbio parece que calou ben fondo no noso país: máis de nove millóns de usuarios acoden habitualmente a un ximnasio coa intención de se manteren en forma. O crecemento e a evolución destes establecementos, que pasaron de pequenos locais onde se realizaban actividades deportivas básicas a converterse en centros que ofertan múltiples servizos, moitos deles en formato franquía, pode ter algo que ver niso.

EROSKI CONSUMER estudou a calidade que ofrecen estes ximnasios. Os técnicos desta revista, facéndose pasar por usuarios interesados en apuntarse, visitaron o pasado mes de setembro 12 ximnasios en Madrid e Barcelona, 8 en Bilbao, Valencia, Sevilla, Murcia, Zaragoza e Málaga, 6 en Alacante, Córdoba e Valladolid e 5 na Coruña, en Granada, Logroño, Oviedo, Pamplona, San Sebastián e Vitoria. Analizáronse o estado das instalacións, o equipamento e os servizos ofertados, aspectos relacionados coa súa seguridade, accesibilidade e atención e asesoramento ao cliente (se lle realizan un exame médico inicial ao usuario ou se se interesan polo seu estado físico) e mais as súas tarifas. Estes centros cobran, amais dunha matrícula de inscrición, unha cota mensual de 63 euros de media, se teñen zona de augas (jacuzzi, piscina, augas termais...) e duns 53 euros se non dispoñen dela.

Os ximnasios visitados acadan unha valoración media final de "ben" (un mediocre "aceptable" no 2008), aínda que un 14% non dá superado a proba (mesma proporción ca no anterior estudo). Agora ben, a proporción de establecementos que reciben un "excelente" ou un "moi ben" alcanza o 30%. Un síntoma evidente de mellora é que a porcentaxe de establecementos que acada un "ben" de nota media final pasou do anterior 26% ao 35% actual, mentres que os ximnasios que se deben conformar cun mediocre aceptable de nota media pasaron dun 30% a un 21%. Así e todo, malia a esta positiva evolución, o coidado do usuario (que se resume en aspectos relacionados coa información facilitada, o seguimento e control personalizado e profesional do seu estado físico ou o propio interese pola súa saúde e nivel de actividade física) segue a ser deficiente, de xeito que o 42% dos ximnasios non superan este apartado. O preocupante é que dende xaneiro do 2008, data na que a revista elaborou un estudo similar, os malos resultados repítense. O estado das instalacións e os servizos básicos dos ximnasios acadan un "moi ben" e un "ben" de nota media final, respectivamente.

O pagamento do ximnasio non só se reduce á cota mensual asignada senón que ademais hai que ter en conta o pagamento da matrícula. Case tres de cada catro centros visitados establecen o pagamento dunha matrícula que supón de media 65 euros (48 euros de media no caso dos ximnasios sen zona de augas e case o dobre, 83 euros, nos que contan con elas).

A atención ao cliente perde músculo

  Facer exercicio físico é beneficioso para a saúde, claro que non o é tanto cando se practica de xeito incontrolado ou nun estado físico inadecuado. É imprescindible que os centros lles presten unha atención preferente ao estado de saúde dos seus usuarios e que conten con profesionais acreditados que guíen os usuarios. En especial a quen sofre, por exemplo, lesións físicas, fuma, padece algunha enfermidade coronaria, ten o colesterol alto ou presenta antecedentes familiares de cardiopatía. Non obstante, EROSKI CONSUMER constatou que o desinterese cara a este aspecto é habitual. Só en dous de cada dez dos ximnasios visitados (no 2008 eran o 14%) aseguran realizarlle un exame médico previo ao novo cliente para coñecer cal é o seu estado físico. Na metade deles a proba é completa: revisión, análise de masa ósea, toma da presión arterial, proba de esforzo, etc., mentres que nos máis se limita á recollida de peso e altura, a toma de pulsacións ou a cubrir un cuestionario con preguntas relacionadas coa condición física de cada usuario. Os ximnasios máis profesionais neste apartado foron os de Vitoria, Barcelona, Madrid, Valencia e Valladolid, fronte aos de Bilbao, Córdoba, Pamplona, A Coruña, Murcia e Logroño, os máis deficientes neste aspecto (ningún dos visitados realiza esta importante supervisión). As deficiencias repítense tamén nos establecementos que dispoñen de consulta ou servizos médicos, e unicamente nun 27% dos centros lle preguntaron ao técnico da revista sobre o seu estado de saúde e cuestións relacionadas co seu tipo de vida (toma de medicamentos, nivel de actividade física, se fumaba...). En ningún centro de Barcelona, Bilbao, Murcia, Zaragoza, Valladolid, Pamplona, Vitoria, Alacante e Logroño amosaron interese ningún por estas cuestións, o contrario a case todos os ximnasios de Sevilla, a tres de cada catro centros de Madrid ou a máis da metade dos de Valencia e San Sebastián.

Monitores titulados

  Para comezar na práctica deportiva deberíase contar co asesoramento dun monitor profesional que deseñe as táboas de exercicios e actividades. Non obstante, en 15 dos ximnasios visitados sinalaron que non ofrecían este servizo (en Granada, en tres dos cinco establecementos analizados e en San Sebastián, dous). Ademais, nun 14% dos ximnasios (os peores os de Pamplona, Valencia, Vitoria e Barcelona) observouse que non en todas as salas había un monitor que controlase a correcta execución das actividades dos usuarios.

No 45% dos centros manifestouse que os seus empregados contaban coa titulación adecuada para levar a cabo o seu labor profesional. Non obstante, en un de cada tres negáronse a responder a esta cuestión cando o técnico desta revista, facéndose pasar por un cliente, amosaba interese por este detalle. No resto dos ximnasios (un 22%) a resposta ofrecida foi ambigua ou confusa, de xeito que non quedaba clara a titulación específica do persoal. Os ximnasios de Murcia, Oviedo, Logroño, Pamplona, Barcelona, Zaragoza, Madrid e Córdoba son os peor valorados neste apartado, mentres que as respostas obtidas nos ximnasios de Valencia, Málaga, Sevilla, A Coruña, San Sebastián e Granada destacan por ser concretas e axeitadas. Velaquí unha das razóns polas que no 17% dos ximnasios o trato que lle prestaron ao cliente non foi o que cabía esperar. Os ximnasios nos que a persoa que acompañou ao técnico durante a visita foi máis atenta e se facilitou a mellor información foron os de Bilbao, Zaragoza, Valladolid, Pamplona, Oviedo e San Sebastián, a diferenza dos de cidades como Vitoria e Logroño, onde a atención e explicacións recibidas foron escasas en tres dos cinco ximnasios visitados en cada unha delas.

Destaca tamén que no 41% dos ximnasios que contan con jacuzzi ou sauna non se informase dos posibles riscos do seu uso a quen ten problemas de tensión arterial, cardiopatías severas, problemas de circulación ou mulleres embarazadas. Tampouco se atopou información sobre as contraindicacións e recomendacións de uso dos raios UVA en un de cada tres ximnasios que o ofrecen. Destacan negativamente os centros de Alacante, Sevilla, Logroño e, novamente, Valladolid.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto