Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Isabel Díez, Técnica de enerxía e cambio climático de SEO/BirdLife: "O desenvolvemento das enerxías renovables non se fixo en España de modo correcto"

 Renovables si, pero non da maneira na que se impulsaron, segundo Isabel Díez, responsable de Enerxía e Cambio Climático da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife). Na súa opinión, non houbo unha boa planificación das enerxías renovables por parte das administracións e producíronse danos importantes en diversos ecosistemas e na súa biodiversidade. Díez reclama outro modelo que priorice a substitución das tecnoloxías máis contaminantes e, sobre todo, o aforro de enerxía.

As renovables son tan "verdes" como defenden os seus promotores?

As enerxías renovables son máis verdes ca outros tipos de enerxía, pero iso non quere dicir que estean exentas de ter impactos negativos. Estamos a favor das renovables, pero non como se desenvolveron ata agora.

Que se leva feito mal?

Poderíanse planificar mellor para que tivesen menos custas ambientais, para que fosen unha oportunidade de desenvolvemento no medio rural, para impulsar a pequenas e medianas empresas, para beneficiar os cidadáns, pero non foi así.

Por que?

Non houbo unha boa xestión dende as administracións. A produción deixouse en mans de grandes empresas, que teñen como obxectivo vender cada vez máis enerxía e obter así máis beneficios económicos. A prioridade debería ser unha política de substitución progresiva das enerxías máis contaminantes e mais o aforro de enerxía, e non aumentar o seu consumo. Calquera tipo de enerxía ten un impacto ambiental, e por iso canta menos precisemos, mellor. Algunhas instalacións renovables danaron de xeito importante diversos ecosistemas e a súa biodiversidade.

SEO/BirdLife criticou o desenvolvemento dos parques eólicos en España nalgunhas ocasións.

En xeral pódese dicir que non se fixeron ben as cousas. Entre os peores exemplos están os casos de Estremadura e de Cataluña, e entre os menos malos o de Castela A Mancha.

Quen realiza a avaliación de impacto ambiental dun proxecto de parque eólico: as empresas interesadas ou un organismo independente?

O promotor do proxecto ten que presentar toda a información relativa aos valores naturais da área de estudo e os impactos potenciais do proxecto, pero sobre a administración recae a obriga de realizar a avaliación. De feito hai unha sentenza europea de principios deste ano que así o confirma. É o órgano ambiental quen finalmente toma a decisión sobre se a avaliación foi adecuada e sobre se se debe autorizar ou non cada proxecto.

Que lles diría aos que os critican por paralizar parques eólicos, e a xeración de emprego, riqueza e enerxía renovable correspondentes por "uns poucos paxaros que poidan morrer"?

Diríalles que é posible facer ben as cousas, cunha boa planificación pódense desenvolver a enerxía eólica e mais o resto de enerxías renovables sen pór en perigo o equilibrio dos nosos ecosistemas ou prexudicar máis aínda a especies ameazadas. Os promotores teñen máis posibilidades de sacar adiante proxectos ben formulados, dentro do marco de plans correctamente avaliados, sen supor ningún atraso adicional nin minguar as posibilidades de emprego.

A produción de enerxía solar fotovoltaica en España pasou de ser das maiores do mundo a quedar case freada na actualidade. Outro exemplo de mala planificación?

Regulouse de xeito que se converteu nun fondo de investimento que deu entrada á especulación. O Goberno entón cambiou a normativa, provocando inestabilidade no sector fotovoltaico. Por iso é fundamental unha boa planificación previa, para lles dar seguridade aos seus promotores. Parece mentira que Alemaña teña máis capacidade fotovoltaica instalada ca España, e é por que apostaron forte dentro dun marco regulador moito máis claro e estable.

Os consumidores tampouco o teñen doado para apostar polas renovables nas súas casas.

O problema non é a tecnoloxía, senón os trámites administrativos para a súa instalación. Habería que lles facilitar aos cidadáns o autoabastecemento de electricidade, xa sexa con placas solares ou con pequenos muíños, e poder vender o sobrante á rede. Tampouco hai unha política que axude a que os consumidores coñezan o seu gasto enerxético e como reducilo.

Os biocombustibles tamén foron gabados e deostados de xeito rechamante.

Hai estudos que sinalan que nalgúns casos o proceso de produción de agrocombustibles xera máis CO2 do que lle aforra ao sistema. Non se ten un control dos lugares nos que se produce, en que condicións laborais ou sociais, e que efecto teñen nos ecosistemas.

Como cumpriría planificar o desenvolvemento das renovables?

Tería que se facer unha planificación consensuada que estudase en cada territorio que renovables son as máis convenientes. Deberíase facer a nivel nacional, rexional e local, con transparencia e participación pública. O procedemento de avaliación de impacto ambiental tamén se debería reformar. O obxectivo sería impulsar unhas renovables responsables por parte das administracións e das empresas.

Que decisións serían precisas para iso?

Algúns cambios serían doados e terían un gran beneficio, como impulsar máis a instalación de paneis solares ou o uso da biomasa para xerar auga quente. Habería que fomentar o autoabastecemento aproveitando zonas non naturais, como os tellados ou os polígonos industriais para colocar placas fotovoltaicas ou pequenos muíños.

Impulsar o autoabastecemento?

Si, habería que favorecer o consumo de enerxía producida no ámbito próximo, e que se lle poida mercar a produtores locais, sexa electricidade, combustible para caldeiras de biomasa, paneis solares para calefacción e auga quente...


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto