Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A proliferación de mitos arredor do pan e unha dieta afastada dos patróns tradicionais propiciou unha percepción errónea deste alimento básico
Só ou acompañado. Branco ou integral. Máis feito ou menos cocido. Hai un tipo de pan para satisfacer calquera gusto. É polo tanto un dos alimentos máis universais, pero sobre o que recaen tamén unha chea de lendas e crenzas erróneas. Na actualidade, o seu consumo está relacionado de xeito inxustificado cunha serie de aspectos negativos, en especial cando se trata de adelgazar. O saber popular afirma que o pan engorda moito, prescíndese del cando se "fai dieta" ou pénsase que o miolo engorda máis ca a codia. Os cidadáns en xeral teñen a percepción de que as torradas son mellores ca o pan de barra cando se está a dieta e recorren ao integral só cando seguen dietas (de adelgazamento, diabete, estrinximento, colesterol). Aclarar algúns dos mitos ou erros que a miúdo se asocian ao pan pódelles servir a moitos para retomar o seu consumo ou para comelo coa tranquilidade de que non é inimigo nin da dieta nin da saúde.
Todos os alimentos achegan calorías e o pan non é unha excepción. O seu valor enerxético, arredor das 80 kcal por cada porción de 30 gramos, non moi excesivo, provén en especial do seu nutriente máis abundante, os hidratos de carbono, posto que o contido en proteínas é escaso e, menor aínda, o de graxa. Non obstante, malia non achegar demasiadas calorías, é un dos primeiros alimentos en saír dos menús que caracterizan as estratexias de adelgazamento. Algo demasiado frecuente pero pouco atinado. En esencia, as razóns que poderían motivar este erro atenden aos seguintes aspectos:
O miolo achega menos calorías por unidade de peso ca a codia. Mesmo cando se considera o pan de xeito illado, sen ter en conta o resto de alimentos que o acompañan e que poidan influír no total de calorías, tamén son frecuentes algunhas actitudes erróneas. En ocasións retíraselle o miolo porque coidamos que é a parte que máis calorías achega, cando é xusto ao contrario. A composición do miolo e da codia é a mesma, coa diferenza de que a segunda contén menos auga ca a primeira pola mesma unidade de peso e, polo tanto, concentra máis calorías na mesma cantidade de gramos. En resumo, mellor que eliminar o pan da dieta, convén facer un consumo consciente, co fin de manter uns hábitos alimentarios acordes coa tradición gastronómica e de gozar coa comida.
A Nova Pirámide da alimentación recomenda comer pan, e outros alimentos obtidos a partir dos cereais, na súa versión integral sempre que se poida, e non é por capricho. Amais da fibra, os cereais integrais e os seus produtos derivados conteñen outras interesantes substancias beneficiosas para a saúde. Segundo unha revisión científica refinar o trigo supón a perda de entre 200 e 300 substancias de orixe fitoquímica saudables para o noso organismo.
O pan é un alimento que se debe incluír nunha dieta variada e diversificada, mesmo se o adelgazamento é unha prioridade. A conclusión á que chegaron diversos estudos é que unha dieta rica en pan, sobre todo integral, favorece unha diminución de peso, circunferencia de cintura e índice de masa corporal ou, polo menos, non ten influencia nestas variables. Esta evidencia científica explica que estea xustificado e sexa acertado comer con pan se, no seu conxunto, a dieta responde a un equilibrio enerxético e nutricional.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI