Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
A cantidade de residuos descendeu un 4% dende o 2008. A metade das cidades analizadas non quixo facilitar a porcentaxe de recuperación do lixo recollido
Guindar un papel ou un plástico ao lixo parece un acto de pouca importancia. Non obstante, implica un posterior proceso de recollida, tratamento e recuperación que leva consigo moito tempo e, sobre todo, cartos. Pero ante todo supón un grave risco ambiental. E máis nun país coma o noso que ocupa a sexta posición na clasificación europea de países que máis residuos urbanos xeran. Para afrontar esta situación, as administracións europea, estatal, autonómica e municipal elaboraron unha longa serie de normas. En España, destacan a nova Lei de residuos e chans contaminados do 11 de marzo do 2011, que pretende promover a reutilización, a reciclaxe ou outros modos de valorización, e mais o II Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos, PNIR (continuación do Plan Nacional de Residuos Urbanos, PNRU), aplicable ata o 2015. Segundo este documento, o Ministerio de Medio Ambiente proponse reciclar, para o ano que vén, o 80% do vidro, o 75% de papel e cartón e mais o 50% dos plásticos, entre outros obxectivos.
Para tratar de comprobar se esas porcentaxes se cumpren, ou polo menos se aspira a cumprilas, EROSKI CONSUMER estudou os sistemas de recollida e xestión dos residuos urbanos de 18 cidades españolas: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Granada, Logroño, Madrid, Murcia, Málaga, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Córdoba aparece en todos os cadros con datos non facilitados, xa que, malia as reiteradas peticións por parte desta revista, non proporcionou os datos para esta reportaxe.
Se no 2009, cando se publicou un informe similar, a tendencia na xeración de lixo se mantiña á alza (producírase un 4% máis de lixo en relación aos datos publicados por esta revista no 2004); agora acontece xusto o contrario. Pouco a pouco ímonos achegando aos obxectivos considerados no Plan Nacional Integrado sobre Residuos Urbanos (PNIR), se ben aínda queda un longo camiño por percorrer. En comparación cos datos facilitados no 2008, na actualidade a produción de lixo descendeu un 4%.
Comprobouse tamén que a maioría das cidades estudadas contan co número de colectores de recollida selectiva mínimo esixido polo Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos: un recipiente de vidro por cada 500 habitantes, un de papel-cartón por cada 500 cidadáns e un de envases por cada 300 veciños.
Se para facilitar a información do número de colectores dos que se dispoñen os Concellos apenas presentan reticencias, non acontece o mesmo coas porcentaxes de residuos que recuperan do total recollido: malia a insistencia desta revista, só a metade das cidades facilitou este dato. É entón cando un veciño destas capitais se pode preguntar se realmente serve o esforzo que realiza na súa casa separando os tipos de residuos se finalmente descoñece canto dese lixo que xera se recicla ou recupera.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI