Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

^

Implantes, novas raíces para recuperar o sorriso

O corpo non os rexeita, pero o éxito da operación depende da boa saúde da nosa boca

Tratamentos de éxito

  O 95% dos tratamentos con implantes dentais son exitosos, segundo datos desta sociedade española. Isto significa que se unen ao óso, é dicir, osteoíntegranse axeitadamente ao óso, o que permite colocar sobre eles as coroas que substitúen os dentes perdidos. Os pacientes fumadores rexistran un maior risco de que non se produza esta osteointegración e de que os tratamentos fracasen. Nestes casos hai que retiralos e, se as condicións o permiten, volver colocar outros implantes. Pero non existe o rexeitamento, é dicir, unha reacción do organismo para defenderse do corpo estraño introducido.

No resultado exitoso dos implantes inflúe unha coidadosa planificación previa. A intervención para colocalos é indolora, xa que se adoita realizar con anestesia local, do mesmo tipo ca a utilizada para unha extracción ou un empaste. Ademais, cando os pacientes teñen máis tendencia a pórse nerviosos, ou en tratamentos longos, adminístraselles algún tranquilizante antes ou realízaselles o tratamento con sedación e, moi poucas veces, baixo anestesia xeral.

Os implantes necesitan unirse solidamente ao óso para que soporten axeitadamente as próteses ou pezas dentais artificiais que se colocan despois sobre eles. Por iso, poden transcorrer entre dous e seis meses entre a colocación do implante e a da prótese, aínda que en ocasións se pode efectuar na mesma sesión. Durante o tempo de espera o paciente pode levar unha prótese provisional. Tras a cirurxía pode haber diversos graos de inflamación. E, aínda que os implantes raramente producen dor, prescríbense antiinflamatorios e antibióticos que se deben tomar nos días posteriores á intervención para evitar posibles molestias ou infeccións.

No que atinxe á alimentación, non ocasiona problemas sempre e cando o paciente non teña dentes remanentes. Pero se está totalmente desdentado e a colocación da prótese non é inmediata, pode usar as súas próteses convencionais e evitar comer alimentos duros.

Beneficios e limitacións dos implantes

  As vantaxes dos implantes fronte ás dentaduras postizas tradicionais e outras solucións odontolóxicas residen en que permiten obter a sensación e funcionalidade dun dente natural, sen necesidade de ter un apoio sobre as pezas contiguas. Respecto ás próteses convencionais, que se usan para substituíren os dentes sen a colocación de implantes, se son fixas é preciso "tallar" ou reducir os dentes adxacentes. Cando a prótese é removible (de quitar e pór) precísase un gancho ou "retedor" nos dentes. Se o paciente xa non ten ningún dente, o uso de implantes fai que as próteses se movan menos ao comer ou ao facer un movemento, e tamén evita o uso de adhesivos ou pegamentos.

Outro aspecto importante é que os implantes acaban formando parte dos pacientes que os levan e, por esta razón, requiren os mesmos coidados ca os dentes naturais. Polo tanto, a idea de extraer os dentes naturais pensando en que xa non se van ter máis problemas é totalmente falsa. Unha mala hixiene bucal aumenta ata catorce veces o risco de perder os implantes. De aí que as persoas que os levan deban ter coidados periódicos por parte do dentista e someterse a revisións cada seis meses. Estes controis son necesarios para evitar a perda dos implantes ao longo do tempo, o que pode acontecer se non se realiza un mantemento periódico tanto dos compoñentes da prótese coma dos tecidos que rodean o implante (enxiva e óso subxacente). Nestas revisións, prevéñense as enfermidades periimplantarias, como a periimplantite, producida por bacterias situadas na enxiva que rodea o implante, e que pode causar a perda do óso que suxeita o implante; ao igual que a periodontite destrúe o óso que suxeita aos dentes. O sangrado das enxivas arredor de dentes ou implantes pode indicar que se iniciou un destes procesos, aínda que a miúdo son asintomáticos. De aí a importancia das revisións, para detectalos canto antes.

Para os que levan implantes

     
  1. Cepillar os dentes polo menos dúas veces ao día e ser moi disciplinado coa hixiene bucodental, e incluír a seda dental ou outros dispositivos para realizar a limpeza interdental.
  2. Se se é fumador, convén deixalo, xa que este mal hábito afecta á saúde bucodental.
  3. Evitar na medida do posible apertar os dentes ou facelos chiar. De se padecer bruxismo hai que acudir ás revisións odontolóxicas.
  4. Non esquecer visitar o dentista cada seis meses: Para reforzar a prevención de enfermidades bucais e tratar os dentes. Para evitar complicacións maiores ou tratamentos máis custosos.Para controlar os implantes e evitar enfermidades peri-implantarias.

Fonte: Núria Vallcorba, periodoncista e presidenta da SEPA, e David Herrera, vicepresidente da SEPA.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto