Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Jesús María Sánchez, Presidente da Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA): "O empréstito e reutilización de libros axuda a traballar a educación en valores"

 A Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA) agrupa a preto de 12.000 asociacións de pais e nais de estudantes de ensino non universitario do noso país e é a principal interlocutora das familias ante o Ministerio de Educación. Jesús María Sanchez, o seu actual presidente, considera que en tempos de crise "é innecesario malgastar". Por iso, dende o comezo, esta entidade amosouse firme partidaria da política de gratuidade de libros de texto baseada nun modelo de empréstito e reutilización dos materiais, "o máis racional e económico para as administracións".

Canto calcula a CEAPA que lles vai custar ás familias a volta á escola este curso?

O gasto medio que deben afrontar as familias entre libros de texto, cadernos de exercicios, material de papelería, uniformes, etc., oscila para os alumnos de Primaria entre 200 e 250 euros. No caso de Secundaria é algo máis elevado, entre 250 e 300 euros.

Que porcentaxe deste investimento lles corresponde aos libros de texto?

Aproximadamente o 80% do gasto que se realiza a principio de curso corresponde a este material académico.

Que tipo de axudas oficiais das administracións autonómicas poden recibir as familias para adquirilos?

Existen dous tipos de axudas destinadas aos niveis de ensino obrigatorio. A máis espallada é o modelo de empréstito e reutilización dos libros de texto, do que se beneficia na actualidade o 100% do alumnado de Aragón, Andalucía, Castela A Mancha e A Rioxa e a maioría dos estudantes de Navarra, País Vasco, Cataluña, Baleares e Canarias.

Tamén existen as axudas directas...

Si, o modelo de axudas directas ás familias para mercar os libros de texto, coñecidas como cheque-libro ou bono-libro, consiste nunha dotación económica que oscila entre os 60 e os 120 euros, en función do curso académico e da comunidade autónoma na que resida o estudante. Esta modalidade está implantada en Castela e León, Murcia, Cantabria, Comunidade Valenciana, Asturias, Madrid e Galicia, aínda que existen diferenzas na porcentaxe de poboación escolar que se beneficia da bolsa, xa que nos máis dos casos a súa concesión está condicionada pola renda familiar.

Cal destes modelos beneficia máis ás familias?

A CEAPA defende un modelo de empréstito e reutilización, xa que é o máis racional e económico para as administracións e beneficia a todo o alumnado. Aínda que supón un investimento importante, así que se implanta o aforro é considerable e implica un maior aproveitamento e eficiencia dos recursos públicos. En tempos de crise como o que vivimos é innecesario malgastar.

Os detractores deste sistema insisten nas desvantaxes pedagóxicas que implica non ter os libros en propiedade.

Pola contra, nós coidamos que o sistema de gratuidade baseado no empréstito e reutilización é eficiente porque axuda a traballar a educación en valores e xera nos alumnos un maior sentido da responsabilidade. Obrígaos a seren coidadosos co material que despois van reutilizar os seus compañeiros de cursos inferiores. Este aspecto é moi importante para a educación integral do estudante.

Algunhas familias con maiores recursos renuncian a este sistema e adquiren os seus propios libros de texto. Fomenta isto as desigualdades entre o alumnado?

Hai familias máis solventes que lles mercan cada ano os libros de texto novos aos seus fillos e poden provocar agravios comparativos entre o alumnado. Evitar que aconteza está en mans dos docentes e dos centros, que non deberían permitir que se utilizasen materiais alleos aos que pertencen á escola.

Boa parte do gasto en material escolar corresponde aos cadernos de exercicios que acompañan aos libros de texto. Son imprescindibles estes materiais?

Entendo que os cadernos de exercicios e outros materiais complementarios son moi cómodos para os docentes, pero eles mesmos tamén poden elaborar o seu propio material e fotocopialo para que o alumno poida subliñar, escribir e traballar con el na aula. Hai que ter en conta o momento económico que atravesamos e que as administracións incumpren o dereito constitucional fundamental que recoñece que o ensino básico é obrigatorio e gratuíto.

Que lles recomenda ás familias para aforrar na "volta ao cole"?

Na compra de libros de texto hai pouca marxe de manobra, pero o gasto doutros materiais, como o de papelería, pódese reducir se se reutiliza o que aínda serve do ano anterior. Nas compras hai que atender máis a criterios de calidade que ás "modas". Por exemplo, unha mochila escolar deseñada cun dos personaxes favoritos dos estudantes pode ser ata un 40% máis cara ca unha sinxela.

Considera que as novas tecnoloxías e os novos formatos dixitais poden axudar a reducir o gasto en material escolar?

A utilización doutros recursos educativos pode redundar no aforro das familias, pero non se trata de substituír os libros de texto en papel polos libros de texto dixitais. No século XXI a educación non debe estar limitada a estes materiais educativos, os libros de texto teñen que ser un material de consulta máis a carón doutras fontes de información dixital, que son abundantes e gratuítas. Pero para que esta ampliación de recursos sexa eficiente, debe ir acompañada tamén dun cambio na metodoloxía do ensino, orientado a que o alumno aprenda a buscar, analizar e seleccionar correctamente a gran cantidade de información existente.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto