Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Planificar as obras, pedir varios orzamentos e contratar a profesionais que ofrezan garantías son elementos imprescindibles para evitar problemas serios
A crise estancou o mercado inmobiliario, pero en cambio revitalizou o sector das reformas. Oficios como a albanelería, a fontanería ou a carpintería consolídanse como a alternativa perfecta para quen quere cambiar a casa sen se mudar de domicilio. Nos dous últimos anos, a demanda destes servizos aumentou tanto como a súa oferta. Os seus anuncios multiplícanse en caixas de correo, farois e paradas de autobuses. Os protagonistas desta dinámica son, por unha banda, as persoas que pensaban mudarse e xa non o poden facer e, por outra, os profesionais da construción que quedaron sen emprego e se botaron a traballar por conta propia. Agora ben, con tantas alternativas, non sempre se sabe cando é o mellor momento para comezar as reformas, por onde empezar nin en quen confiar.
Mellorar o aspecto do fogar é un proxecto que ilusiona. Estrear unha cociña ou un baño, darlle maior amplitude á sala ou ter luz nun cuarto cego fan que pague a pena escachar azulexos, tirar tabiques ou furar a parede. Cóidase que o resultado final vai compensar as molestias todas, pero isto non sempre é así, e máis dunha vez as obras resultan ser unha chapuza ou quedan sen rematar. Ante estas situacións, a miúdo non se sabe como actuar cando o albanel ou o fontaneiro desaparecen a metade de traballo, ou como actuar cando as obras afectan aos veciños ou hai un accidente grave.
Estas situacións debuxan os peores escenarios posibles, pero convén telas en conta, xa que ninguén está libre de sufrir abusos deste tipo. Por iso cómpre tomar certas precaucións antes de iniciar a transformación do fogar.
Xestionar ben os cartos. Tras elixir o profesional que se vai facer cargo da reforma e aceptar o orzamento, o seguinte é administrar os cartos de xeito concienciudo. É habitual que se lle esixan ao cliente adiantos para iniciar a obra. A empresa está no seu dereito de pedir un diñeiro por adiantado, pero hai que intentar non o anticipar. Se non queda outra máis que realizar este pagamento, convén pactar que a cantidade non sexa elevada e, por suposto, esixir unha factura ou comprobante do adianto. Unha cantidade razoable para o sinal será a que non supere o 25% do importe total.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI