Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Manter a vista fixa nun punto afastado e mastigar goma de mascar durante o traxecto axuda a reducir a sensación de mareo
O mareo non comeza no coche, nun porto ou no avión. Quen sofre este trastorno sabe que as primeiras molestias traducidas en angustia e malestar xeneralizado se sofren na casa, durante a preparación da maleta ou no traxecto que os leva deica a parada do autobús. Non obstante, viaxar sen que a cabeza dea voltas e invadan as náuseas é posible se se aplican medidas preventivas e consellos médicos moi sinxelos.
A viaxe máis pracenteira pódese traducir nunha tortura se o viaxeiro se marea, a paisaxe se anubra e no estómago se "fai un nó" ata que a debilidade e as náuseas acaban nun vómito. Esta indisposición típica asociada ao feito de viaxar en coche ou noutro medio de transporte, ou ben a montar nunha atracción que dá voltas, denomínase tecnicamente cinetose -de movemento-, mentres que o termo popular "mareo" significa etimoloxicamente "mal de mar".
É un trastorno orixinado pola sobreestimulación externa do órgano do equilibrio que se atopa no oído interno. O mecanismo que o produce é complexo e a variedade dos síntomas que padece a persoa mareada (suor fría, dor de cabeza, sensación rotatoria, de estómago remexido e náuseas que poden provocar o vómito) explícanse polo sistema nervioso que controla o estómago e mais as reaccións fronte ao estrés.
O mareo típico das viaxes non está asociado a síntomas de gravidade nin a alteracións das constantes vitais. Agora ben, se aparecen palpitacións do corazón, perdas de coñecemento, febre moi alta ou baixadas ou subas de tensión, é sinal de que acontece algo grave.
A sensación de cinetose é subxectiva e variable segundo cada persoa: hai quen se marea así que abre a porta do coche e outros que non se marean nin nas atraccións máis impoñentes. Coa dor acontece o mesmo: algunhas persoas atúrana moi ben e outras moi pouco. Os máis propensos a esta indisposición rexistran unha sensibilidade especial ante o movemento, os seus ollos débense afacer á visión en movemento, e os seus oídos e o seu cerebro son máis sensibles aos estímulos de sobreexcitación. O grupo por idade máis afectado por este trastorno é o dos nenos, xa que o seu organismo é máis inmaturo e débense afacer ás viaxes. O segundo grupo que máis sofre os mareos é o composto polas persoas maiores que teñen problemas cervicais, seguido dos que toman certos medicamentos como os antihipertensivos e os analxésicos de acción moi potente, que teñen como efecto secundario o mareo ou a sensación de ter a cabeza "aparvada".
Pero, sen dúbida, un dos factores que máis inflúen á hora de se marear é o estado emocional e a ansiedade que sente a persoa propensa dende que comeza a facer as maletas ao pensar que vai pasar un mal anaco durante a viaxe. Por iso, os expertos recomendan canalizar ese sentimento e procurar acougar antes de emprender a viaxe.
Así que comezan os síntomas típicos do mareo, as pautas máis indicadas pasan por parar o coche ou aproveitar o anaco de descanso do autobús, saír del e deitarse un anaco nun lugar fresco e de lado, sobre todo se o afectado é un neno, para favorecer o vómito. Mentres o mareado se restablece, pódense aplicar panos fríos ou subministrarlle bebidas frescas. E, así que recobre as forzas para incorporarse, débeo facer sen se erguer de súpeto. En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI