Saltar o menú de navegación e ir ao contido
As vacacións do verán son un bo momento para combinar lecer e estudos co fin de non perder os hábitos adquiridos durante o curso
Despois de todo un curso académico no que os escolares se someten a horarios fixos e pautas estritas, a chegada das vacacións de verán concíbense como o mellor momento para romper a rutina e aproveitar o tempo en actividades que non sexan estritamente académicas. Agora ben, os educadores advirten de que non todo debe ser lecer e entretemento. Mestres e especialistas en educación recomendan que durante este período se manteñan algunhas pautas de traballo e de estudo imprescindibles para que os estudantes non perdan o hábito adquirido durante o curso e se reincorporen ás aulas en setembro sen excesiva dificultade.
Nalgúns casos trátase só de repasar os coñecementos impartidos durante o curso con outros materiais escolares deseñados de xeito específico para este fin, tales como os cadernos de verán. Noutros, o estudante, por indicación do docente, debe afianzar unha materia específica ou unha competencia curricular determinada de xeito que poida afrontar o vindeiro ano académico sen problemas dende o principio. En ambas as dúas situacións, dedicar parte do tempo das vacacións a manter o aprendido durante o curso é fundamental para asentar os coñecementos.
O máis apropiado é manter un equilibrio entre descanso, lecer e traballo. Todos os compoñentes na súa xusta medida.
Para conseguilo, o recomendable é destinar a primeira parte do verán a "desconectar" con outras actividades lúdicas e que o último mes se inicien as pautas de estudo adaptadas á idade e necesidades de cada alumno. A un estudante dos primeiros cursos de Primaria abondaralle con dedicar 10 minutos de traballo ao día, mentres que un de Secundaria pode necesitar ata unha hora e media cada xornada.
No tocante ao mellor momento do día para dedicarlle ao estudo, o máis idóneo é estudar durante as mañás, antes de comezar calquera actividade. Os máis dos nenos dan traballado sós, aínda que os pais revisen despois o traballo realizado ou lles expliquen calquera dúbida que poida xurdir. E é que para os expertos, o papel principal dos proxenitores se centra en organizar o tempo dos fillos e establecer uns horarios. Non se trata de sentar con eles a facer as tarefas, pero si de comprobar que estas se realizaron e de traballar na súa corrección.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI