Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O consumo de antioxidantes procedentes das froitas durante o verán é unha das mellores estratexias para protexer a pel do sol intenso
Alto contido en auga, escasas calorías, poucos azucres e modesto contido en fibra e en vitaminas, minerais e antioxidantes. A que alimento nos referimos? Ás froitas máis estacionais, as do verán. É unha adiviña ben sinxela mais encerra a solución e a prevención a graves e complexos problemas de saúde como a deshidratación, sobre todo nos grupos de poboación máis sensibles, como son os nenos e anciáns. As froitas propias do verán son as máis acuosas e, xa que logo, as que mellor axudan á hidratación. A maior exposición ao sol fai que a pel, o cabelo e mais as mucosas se resintan e se resequen. O consumo de antioxidantes procedentes de froitas e verduras é unha estratexia excelente para protexer a pel do sol intenso; os pigmentos que conteñen estas froitas son os que determinan as súas máis variadas cores e tons, e os que lles confiren as súas propiedades antioxidantes. As froitas de verán amosan unha gran diversidade de propiedades. Por grupos, as de óso son as máis ricas en fibra; as rastreiras, como o melón e mais a sandía, as máis acuosas, e as de tons alaranxados e avermellados, as máis ricas en antioxidantes. Polo tanto cómpre tomar froitas de todos os tipos, aínda que coñecer as particularidades de cada unha permite escoller a máis idónea para necesidades concretas: estrinximento, pel seca e escamada, diabete, obesidade, embarazo, etc.
As froitas de verán destacan polo seu alto valor nutricional. O sol do final da primavera e o comezo do verán trae consigo a recolleita da maior variedade de froitas de todo o ano: amorodos, albaricoques, nectarinas, pexegos, cereixas e guindas, ameixas, figos e béveras, froitas do bosque (arandos, framboesas, amoras), melón e sandía. Todas elas comparten unha composición similar: alto contido en auga, escasas calorías, poucos azucres, modesto contido en fibra e en vitaminas, minerais e antioxidantes. Pero entre elas tamén hai diferenzas que determinan que unhas ou outras sexan máis idóneas en situacións concretas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI