Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Cistite: dos antibióticos ás autovacinas

Beber abundante auga e tomar antibióticos son os tratamentos máis comúns para tratar esta infección, aínda que hai hábitos que axudan a evitala, como mexar antes e despois de manter relacións sexuais

  Sensación de proído ao mexar, urxencia para facelo, desexo de miccionar aínda que a vexiga estea baleira, dor na rexión pubiana... Velaquí algúns síntomas da cistite ou inflamación da vexiga, unha doenza máis habitual entre mulleres e á que non sempre se lle presta a atención que require. As mulleres novas e os homes vellos son os grupos máis afectados pola cistite ou inflamación da parede da vexiga, un proceso moi doloroso e case sempre orixinado por unha infección de ouriños. Agora ben, o impacto desta afección varía en función do sexo e da idade. A cistite é máis frecuente nas mulleres ca nos homes; o 90% das súas vítimas son féminas e o 10% varóns. Dentro da poboación feminina, aféctalles máis ás mulleres en idade fértil e con relacións sexuais activas e, entre a masculina, aos homes de máis de 60 anos. Moitos destes afectados a miúdo caen no erro de autodiagnosticarse e de automedicarse, un mal hábito que elevou as resistencias aos antibióticos cos que se trata esta enfermidade. Por fortuna, desenvolvéronse outros tratamentos que permiten combatela con éxito, como os comprimidos baseados nunha substancia do arando vermello americano e as autovacinas.

Principais causas

Na actualidade, a cistite é un problema de saúde tan habitual que se considera aceptable que as mulleres en idade fértil, cunha vida sexual activa, a padezan entre unha e dúas veces ao ano. Non obstante, cando se presenta unha terceira vez, trátase dunha cistite de repetición e cómpre identificar o factor que provoca que se desenvolva máis do normal. Nas mulleres adóitase orixinar por unha infección de ouriños, mentres que nos homes se cronifica por unha infección das vías seminais. Pero, por que se desenvolve?

  A cistite non se desencadea por unha soa causa, senón que se manifesta cando encaixan todas as pezas (factores) que a favorecen e forman o crebacabezas (afección). Entre esas pezas figura a predisposición individual a sufrir cistite. Hai distintos tipos de vexigas, e segundo sexa esta, a vulnerabilidade fronte a esta doenza pode ser maior. Na vexiga, as bacterias infecciosas van provistas de fimbrias (unha especie de ganchos) e ancóranse á parede deste órgano, en concreto á mucosa que o reviste. Outro factor que favorece o desenvolvemento da cistite nas mulleres é a mala hixiene, por ausencia ou porque esta sexa inadecuada. Despois de defecar é fundamental que as mulleres se limpen de adiante cara a atrás para non contaminar a entrada da uretra con restos fecais. Se iso acontece, os xermes atópanse coa calor dos ouriños almacenados na vexiga, o que constitúe un ambiente perfecto para que se desenvolvan as infeccións de ouriños e a conseguinte inflamación da vexiga ou cistite. Para evitalo, as mulleres deben aprender, dende a nenez, a lavar a súa rexión vulvar de diante cara a atrás, ata chegar ao ano, e non ao revés. Adquirir o hábito de non reter os ouriños é igual de importante: cómpre ir ao inodoro tantas veces como se desexe e en especial antes e despois de manter relacións sexuais.

Para rematar, a terceira peza clave do puzzle é a aparición de xermes que poden causar a infección urinaria que conduce á cistite. Entre os máis típicos figuran a "Escherichia coli" (responsable do 56%-58% de todos os casos) e o "Enterococcus faecalis" (do 11% do total). Estes microbios atópanse no recto, no perineo ou na flora vaxinal. De feito, no 95% dos casos as cistites desencadéanse por unha infección de ouriños, mentres que só o 5% restante se debe a outra causa. Non todas as cistites son infecciosas. Hai persoas que presentan síntomas de cistite, aínda que as súas análises de ouriños non evidencian presenza de bacterias. Padecen molestias ao mexar, sensación de urxencia para facelo e miccionan moitas veces, pero non hai infección; os seus ouriños son estériles. Trátase da chamada cistite intersticial, caracterizada por unha inflamación crónica da parede da vexiga. A súa causa non está aclarada e o seu tratamento é puramente sintomático, xa que non responde ao tratamento antibiótico.

Automedicación e resistencias

  Convivir coa cistite é doloroso, incómodo e desagradable. Entre os seus síntomas figuran ter moitas ganas de mexar e sentir proído ao facelo, perder sangue -aínda que pouco- cos ouriños, e mesmo ter febre. Cando se superan os 40 graos de temperatura, a infección é grave e pasouse ao sangue. Por outra banda, está afección dá sensación de inseguridade, sobre todo cando o seu desencadeante principal son as relacións sexuais ou cando se padece varias veces ao ano (cistite de repetición), xa que os afectados saben que van volvela ter, aínda que descoñecen cando.

Non obstante, algunhas persoas que padecen cistite de maneira repetida toman este problema de saúde como se fose un vulgar catarro, cometen o erro de autodiagnosticarse e, o que é peor aínda, de automedicarse. O perigo de "autotratarse" é que aumenta a resistencia aos tratamentos antibióticos que permiten combater a infección. De feito, España figura entre os países de Europa con máis resistencias os antibióticos, segundo denunciaron no 2011 a Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC) e mais a Organización Mundial da Saúde (OMS). Así, máis do 60% das cepas de "Escherichia coli", principal responsable da cistite, mostra resistencias aos tratamentos con ampicilina e amoxicilina, e entre o 20% e o 30% a un grupo de antibióticos chamado quinolonas, segundo a información do Ministerio de Sanidade destinada a concienciar sobre o uso prudente dos antibióticos. Por iso, o máis responsable é acudir ao médico. El é quen ten a última palabra sobre se cómpre subministrar antibióticos ou non.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto