Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Natalia López Moratalla. Catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Navarra: "As persoas que rin sofren menos infartos e teñen ata catro anos máis de vida"

 "Soben nun ascensor un home moi groso e un moi baixiño. E o primeiro pregúntalle ao baixiño: que piso? O meu pé", respóndelle o baixiño. Isto é un chiste que a moita xente lle provoca o riso, no mellor dos casos, ou a indiferenza noutros. Non obstante, para investigadores como Natalia López é algo máis. É unha mostra que convida a estudar como "viaxan" os chistes polo noso cerebro, que partes deste se activan e por que se di que os homes son tan chistosos e as mulleres lles rin as grazas. Estas preguntas teñen unha resposta que xermola dunha base científica sólida e que quedou ben resumida no vídeo "O cerebro feliz: o riso e o sentido do humor", o primeiro documento audiovisual "dos segredos do teu cerebro", unha serie de vinte vídeos sobre o órgano que, por excelencia, nos fai humanos. López Moratalla, catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Navarra, é coautora deste primeiro vídeo. A súa gabada traxectoria profesional e académica non lle impide amosarse próxima. Segundo di, rir a miúdo é sinónimo de saúde física e mental. E ela, de orixe andaluza, predica co exemplo. Desprende optimismo en cada momento, concédese algúns instantes para rir na entrevista e contar chistes. "Os xogos de palabras que xeran un absurdo son a clave do éxito dos chistes e do noso sentido do humor, xenuinamente humano", revela.

O sentido do humor nace ou faise?

Nácese cunha posibilidade de ter sentido do humor, de ser quen de detectar o absurdo. Detrás diso hai un proceso natural e innato polo cal nós, ao detectar o absurdo e o ilóxico, obtemos unha recompensa. É unha capacidade innata no ser humano, pero que hai que desenvolver ao longo da vida.

Que acontece na nosa cabeza para que un chiste nos resulte divertido?

Coido que antes é conveniente explicar como traballa o cerebro dende que nos contan un chiste ata que botamos a rir.

E como o fai?

Para procesar un chiste interveñen tres capas do cerebro. Unha delas é máis interna e únese á medula espiñal, atópase na base do cerebro e procesa as cuestións máis viscerais. Outra é intermedia, a que chamamos o sistema límbico, que procesa emocións ou sentimentos, e a última é a codia, que está moi desenvolvida no home e que procesa o coñecemento e o pensamento. O chiste comeza a procesarse na parte na que pensamos e entendemos as palabras, na codia. Tamén na parte media da codia se atopa a central de detección de erros, que advirte dun erro cando non coincide coa expectativa de lóxica coa que comeza o chiste. Ao frearse a lóxica, chega a ilóxica. E ao coincidir ambas as dúas, nesa parte da codia do cerebro detéctase o absurdo.

Agora si, e que fai que riamos cuns e con outros non?

Todo é moi rápido. Ante esa detección do absurdo, envíase un sinal cara á capa máis interna que fai que se libere nunha parte que se chama tegumental ou tegmental ventral. Aí, ese sinal que veu do absurdo fai que as células desa zona segreguen a hormona da felicidade, que é a dopamina. Esta dopamina rega a parte emocional e con ese sinal da felicidade, de diversión, xérase a emoción de estar a pasalo ben ou rexoubando.

E así chegamos á gargallada?

Todas as emocións se somatizan, a pena tradúcese en choro; a alegría de ver unha persoa que queremos, nun sorriso... Todas teñen unha expresión corporal. A somatización da rexouba é a gargallada. O que entendemos como absurdo esperta a emoción de xúbilo, que acaba sendo unha gargallada.

Segundo as investigacións nas que se basea o vídeo "O cerebro feliz: o riso e o sentido do humor", o procesamento do chiste no cerebro é distinto nos homes e nas mulleres.

  É, si. Na codia entendémolos igual e a gargallada esperta por igual en ambos os dous, pero hai unha diferenza importante e isto acontece con todas as estratexias femininas e masculinas: a nosa parte emocional é distinta. As mulleres poñen máis compoñente emocional en todo, de tal xeito que, para elas, non abonda con que algo sexa absurdo para pasalo ben, mentres que eles só co absurdo xa rin. Por iso se di que os homes contan máis chistes -e sácanlle máis punta ás cousas absurdas- mentres que as mulleres rin máis.

Por iso cando a muller se namora di que a súa parella 'a fai rir'?

Si. Facer rir e tratar unha persoa con sentido do humor é un agasallo, sempre. Permite que, en situacións de estrés ou de tristura, todo nos pareza máis relativo e pensemos que non pasa nada. As mulleres tendemos máis á depresión, a que teñan máis forza os compoñentes negativos e estresantes, e a inhibirnos do conflito persoal. En cambio, os homes novos son moi competitivos, cara a fóra. Eles, como dicía, contan máis chistes, mentres que as mulleres se senten máis gratificadas ao escoitalos. Esta idea reflicte por que unha muller quere ou se namora dun home: 'porque me fai rir'. É como dicir 'sácame do burato negro no que ás veces me meto'.

Pero hai persoas con máis sentido do humor ca outras. Que diferencia un cerebro doutro?

As persoas con maior sentido do humor teñen máis desenvolvida a área do cerebro correspondente á creatividade, xa que necesitan poñerse na situación dos personaxes que crean, da historia que contan e que, de súpeto, cambia. Ese concepto de flexibilidade mental para contar unha historia e levala a outro contexto, de relatar e relacionar un absurdo, está desenvolvido por natureza. As persoas que non o teñen cultivado ou educado teñen pouca flexibilidade mental e non entenden os chistes. 'Que parvada!', din. Un cómico está a crear de xeito continuo os absurdos que necesita para facer rir. É un tesouro ter esta capacidade que ten un sentido artístico, como a pintura.

Wiseman tamén di que os chistes máis graciosos e universais son os que utilizan xogos de palabras para crear unha situación absurda pero, non é máis universal o humor visual, como o do Tricicle, ou os vídeos de caídas?

É o mesmo, porque consiste en crear unha situación absurda que se pode expresar con palabras ou xestos. Pero é certo que hai chistes con máis graza nun idioma ca noutro, polas palabras, mentres que a mímica é universal porque non se traduce, ao igual que acontece coa linguaxe de signos. Os cómicos son propensos a esaxerar cousas con xestos que engaden ao que din e por iso fan rir en todos os idiomas.

Humor e cultura, non é distinto o elegante humor inglés ao andaluz?

Abofé que si, pero ao final é o mesmo. Os ingleses crean o absurdo sen que se lles mova un músculo da cara, mentres que os andaluces o fan con xestos e palabras. En definitiva, consiste no mesmo: en crear unha situación absurda, que depende da cultura, por iso nos fai rir.

Tan sa é a gargallada?

Coa risa realizamos contraccións musculares e movementos viscerais. Dunha banda, gañamos saúde mental e, doutra, saúde corporal coa gargallada. Esta fai que o corazón latexe máis rápido (tamén sucede cando nos dan un susto, aínda que debido á adrenalina), que se osixene máis e que mellore a circulación e o sistema inmunitario. Segundo as estatísticas, as persoas que rin máis a miúdo teñen ata catro anos máis de vida e menos infartos. O cerebro osixena, a circulación avívase e o sentido do humor fai máis fortes as nosas defensas. As persoas máis asustadizas sofren máis frecuentemente infeccións e arrefriados, mentres que as máis optimistas teñen máis saúde e fortaleza. O corpo responde ao que sentimos.

Daquela, canto me recomenda rir ao día?

É moi difícil cuantificalo, pero as estatísticas suxiren que uns 15 minutos. Non obstante, ás veces non é doado: non lle podes esixir a un xaponés, que por educación non adoita amosar os seus sentimentos, que ría durante un cuarto de hora. En Xapón traballan co ioga do riso, no que todos están agachados e, a forza de pensar 'teño que rir', míranse e botan a rir de súpeto, ao ver o ridícula que é a situación. En definitiva, o sentido do humor xorde no cerebro, fainos soltar unha gargallada e así beneficia ao noso organismo.

E que hai do riso parvo?

Este tipo de riso é tan visceral como o dos animais. A tensión que se crea, por exemplo, cando esvara unha persoa, fai que nos entre un ataque de risa, a pesar de estar en primeira fila, nun funeral ou nun velorio, onde sabemos que non debemos rir. Pero lembrámonos dunha situación e éntranos o riso parvo. Este é un xeito de liberarmos a tensión, de descargarnos rindo. Ademais, resulta moi contaxioso. Estas circunstancias téñense dado ata no Parlamento, pero non é que se ría de alguén en concreto nin polo sentido do humor. Ao principio, pode que houbese algo, unha palabra ou un disparate, que causou o riso, ou que non o houbese, pero é algo incontrolable.

Para moitas persoas que sofren de preto a crise económica actual rir é moi difícil. Ten algunha fórmula máxica para aturar a situación con sentido do humor?

Potenciar o optimismo. En épocas difíciles, este debe ser o obxectivo de todo o mundo. Hai moita crispación. Hai que falar máis, eliminar as tensións que xorden, sobre todo no traballo, onde hai persoas que o pasan moi mal. Hai que intentar comprender, falar, desafogarse e solucionar os problemas, máis aínda en épocas de dificultades económicas..., circunstancias que xeran moito estrés. Téñense que relativizar as cousas e, se un só non dá, buscar o apoio dos amigos ou doutras persoas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto