Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Alimentación sa: Ensaladas: algo máis ca leituga

Canto máis colorida sexa a ensalada, maior será a variedade de vitaminas e o seu contido en antioxidantes

  Hai tempo que as ensaladas deixaron de ser o prato estrela do verán para se converteren nun dos máis recorrentes durante todo o ano. As novas tendencias culinarias e de restauración apostan pola súa innovación, tanto na presentación do prato como no descubrimento de novas mesturas con variedade de alimentos, aliños e salsas. Dende o punto de vista gastronómico e do equilibrio nutritivo, o valor engadido das ensaladas acádase a partir da combinación acertada e equilibrada de ingredientes de distinta natureza -verduras e hortalizas, froitas, sementes, froitos secos, cereais...-, de cores e de texturas e mesmo de prácticas culinarias aplicadas a algúns dos alimentos que conforman o prato. O conxunto ten como resultado ensaladas saudables con agradables sabores e rechamantes cores e texturas que invitan á súa degustación e goce.

Novos vexetais, novos sabores

 O uso de vexetais distintos ás tradicionais leituga e escarola fai posible mellorar a esencia xa de seu saudable das ensaladas. Hortalizas como os agróns, a rúcula ou a herba dos cóengos pasaron de seren consideradas 'malas herbas' a vexetais de luxo ao se daren a coñecer nas cartas dos restaurantes máis innovadores. Unha ensalada predispón a unha mellor dixestión se leva rúcula, dadas as súas calidades dixestivas derivadas das substancias que lle outorgan o seu lixeiro sabor amargo. A herba dos cóengos enriquece o prato con betacaroteno, pigmento colorante enmascarado polo verde da clorofila. Son tamén fonte de vitamina A, que o organismo aproveita cando o precisa. As espinacas crúas, as follas máis tenras da chicoria e mais os ramalletes de brócoli son distintas propostas que converten unha ensalada ordinaria nun prato orixinal cheo de antioxidantes. Amais de achegar a nota de cor en diversas tonalidades verdes, estes vexetais distínguense nas ensaladas por o seu particular gusto, que convén saborear e non enmascarar con vinagretas fortes nin salsas contundentes.

Combinar con acerto sabores, texturas e cores

 A creatividade na cociña pasa por facer pequenos cambios en pratos cotiáns como as ensaladas. Amais das típicas hortalizas como a cenoria, o tomate, a cebola, o cogombro ou o millo, as ensaladas admiten moi ben a combinación coidada de ingredientes con distintas texturas, cores e sabores. Se se desexa tomar un alimento fresco e lixeiro, unha opción atinada son as ensaladas vexetais con froitas frescas propias da estación. A ensalada de tomate, pexego e cogombro ou a de leitugas e cenoria con amorodos e mazá son dous sinxelos exemplos que se distinguen pola cor e pola dozura que proporciona a froita. A textura e o sabor da receita muda de se engadiren ingredientes pouco comúns como os palmitos ou os xerminados. Os primeiros véndense en conserva e son brotes dunha variedade de palmeira anana, de cor esbrancuxada e crocante. Entre os xerminados, os de soia son os máis coñecidos, se ben se poden probar os de alfalfa, brócoli, lombarda ou os de calquera legume. Todos eles lles dan ás ensaladas un curioso sabor vexetal, un colorido inusual e un plus de vitaminas, máis abundantes polo propio proceso de xerminación. Os froitos secos e mais as sementes (sésamo, pipas de cabaza ou de xirasol) danlles o toque crocante a estas receitas e reforzan o valor nutricional da proposta: cara a un prato máis enerxético, cunha calidade excelente das súas graxas e cun plus de proteína. Así e todo, o equilibrio nutricional acádase ao engadir a cantidade apropiada de froitos secos; o xusto para que se noten na ensalada sen que alteren substancialmente a achega enerxética do prato. Unha manchea (25 gramos) de froitos secos é a porción recomendada por persoa para un día.

Ensaladas preparadas e listas para comer: novo concepto

A tendencia cara a un maior consumo de alimentos preparados e listos para comer tamén ten o seu reflexo nas ensaladas, un dos pratos representativos da dieta mediterránea. O mercado, atento aos novos costumes e necesidades, ofrece varias opcións de ensaladas. Por unha banda están as compostas por variedade de leitugas e doutras hortalizas frescas, limpas, libres de partes non comestibles, toradas e envasadas en atmosferas modificadas. Son produtos listos para comer e débense conservar sempre en refrixeración. Por outra banda están as ensaladas en conserva, esterilizadas e presentadas en tarro de cristal, lata ou bol. Os ingredientes envásanse en recipientes aos que se lle engade o líquido de cobertura (auga, aceite, vinagre...) e péchanse hermeticamente como garantía de seguridade alimentaria. Os ingredientes máis comúns nestas ensaladas en conserva son chícharos, cenoria, pemento vermello, cebola e atún, e algunhas engaden millo, olivas, espárragos e soia. Un xeito de mellorar a achega de vitaminas e minerais é combinalas con hortalizas de folla (leitugas, escarola, endivias). Se se mesturan con arroz, pasta ou legumes conséguese un prato único e nutricionalmente equilibrado. Ao tratarse dun produto procesado, leva sal como conservante, aspecto que cómpre ter en conta á hora de aliñar.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto