Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Dime como andas e direiche que soleta precisas

As soletas para os pés non só garanten confort, senón que teñen unha influencia determinante na prevención de enfermidades propias da planta do pé

  Tapámolos, descoidámolos, sen termos en conta as súas necesidades e levámolos a límites extremos. E mentres eles lévannos de aquí a acolá sen pediren nada a cambio. Son os pés e, en concreto, as plantas dos pés, os piares que sustentan ese edificio chamado corpo humano. Salvo casos extremos, polo xeral non se lles dedica aos pés a atención que merecen, de aí que cada vez un maior número de persoas precisen de soletas para calzado estándar, intermedias ou para pés patolóxicos co fin de corrixir algún problema, previr dores e, por que non, proporcionar máis comodidade. En definitiva, son un tratamento excelente e non invasivo para os nosos pés cansos, doridos e cheos de durezas. Moitas veces abonda con utilizar as do calzado normal para evitar estas molestias. Pero cando non é posible, pódense aliviar con soletas de gama intermedia e, se non desaparecen, cunha soleta terapéutica prescrita por un profesional. Existe, polo tanto, unha soleta para cada pé. Só hai que descubrir o problema podolóxico que se ten para descubrir cal é a máis idónea en cada caso.

Soletas para calzado estándar

  Na súa maioría, o calzado inclúe soletas para garantir o confort, algunhas delas son extraíbles e outras están pegadas á pel do zapato. Nestes momentos hai unha ampla gama de soletas que se fabrican con EVAS, látex e poliuretano, entre outros materiais, para grupos específicos, como os usuarios do calzado deportivo, casual, infantil, persoas maiores ou mulleres. De todas elas, as que maior comodidade proporcionan son as anatómicas bio, pois a súa forma axústase á anatomía do pé, composta polo talón, o arco e os ósos metatarsais. Para o calzado deportivo deseñáronse soletas capaces de mellorar o amortecemento dos impactos que se producen ao correr, saltar e caer durante a práctica do deporte. Estas soletas inclúen unha inserción no talón realizada con materiais específicos, que teñen unha maior capacidade de absorción dos impactos.

No caso do calzado infantil, os nenos requiren soletas que melloren a hixiene dos seus pés, con elementos bactericidas e antifungos. Canto máis pequenos son, máis tecido brando ten a planta dos pés e, polo tanto, non fai falta complementar as súas soletas. Ás persoas maiores acontécelles o contrario: o tecido da planta dos pés diminúe e orixínanse presións elevadas ao apoialos, polo que cómpre suplementar as súas soletas con materiais amortecedores, de xeito que as presións da planta do pé se distribúan ben.

Nos últimos anos tamén apareceu unha interesante innovación nas soletas para mulleres mediante os insertos parciais para zapatos de tacón; as plantas colócanse no talón e ata medio pé ou na zona anterior do pé, metatarsal. O obxectivo destas soletas para o calcañar é que o pé non esvare e que a usuaria note maior confort e menor presión ao subir sobre o tacón e na zona dianteira do pé. Melloran a estabilidade, a comodidade e axudan a previr patoloxías comúns, como as talalxias e as metatarsalxias que sofren moitas mulleres a partir dos 65 anos. Estas doenzas caracterízanse por provocar dor crónica na zona do talón e na parte dianteira do pé, respectivamente.

Soletas intermedias

Entre as soletas de calzado normal e as terapéuticas atópanse as soletas intermedias, que se venden en farmacias, supermercados e tendas de artigos de deporte. Adóitase recorrer a elas se os zapatos non levan soletas de acordo ao gusto ou necesidades do usuario, se teñen a sola moi dura ou ante problemas na planta do pé ou no talón. O obxectivo é aliviar as molestias leves dos pés e mellorar o confort. Están elaboradas a base de xel, EVAS, poliuretano ou látex máis sofisticados. O seu prezo oscila entre os 5 e os 20 euros.

Se malia a utilizalas, as molestias do pé persisten, cómpre acudir a un podólogo para recibir asesoramento profesional e descubrir se se sofre algunha patoloxía do pé, xa que esta pode gardar relación con problemas de xeonllos, costas e da estrutura musculoesquelética.

Consellos

  • No caso dun produto non terapéutico, para calzado casual, cómpre reparar especialmente na soleta, xa que esta é un elemento importante para garantir confort e ten unha influencia importante para previr enfermidades da planta do pé e dor.
  • Cómpre prestarlle especial atención á elección de soletas para cativos e maiores.
  • En caso de dúbida e ante unha dor nos pés ou no xeonllo ou nas costas que non mellora co calzado, débese consultar a un podólogo ou profesional médico e recibir o seu asesoramento.
  • As soletas son un tratamento non invasivo e efectivo, que pode ser moi positivo para a saúde dos pés.

Fonte: Juan Carlos González, director do ámbito de indumentaria do Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV)

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto