Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Xa teño o e-book, agora, onde consigo o libro?

  Tanto os lectores de libros electrónicos como as tabletas supuxeron unha revolución no consumo dos contidos dixitais, polo menos no que atinxe ás expectativas que xeraron. Tanto as editoriais como as empresas xornalísticas poñen todas as súas esperanzas nestes aparellos para saíren da crise pola que están a pasar: o papel cada día vende menos, pero o seu equivalente dixital tampouco se decide a estourar. Segundo a Unión de Editores Americanos, mentres que a venda de libros en Internet medra devagar e só supón un 10% do total das vendas, a de libros de papel caeu un 32% no pasado ano. Agora ben, ten o dono dun dispositivo lector boas solucións para mercar libros, revistas e xornais, ou descargalos de xeito gratuíto sen danar os dereitos do seu autor?

A maioría en inglés

A realidade é que as posibilidades de ler en español son moito menores ca as de facelo en inglés, un idioma que polo que parece se universaliza como lingua de lectura dixital. As novas xeracións de lectores soben coa lingua de Shakespeare ben aprendida e o acceso aos textos non traducidos vaise impondo aos poucos en todo o mundo. Cando ao director dun xornal nacional lle preguntaron hai pouco por que non se elaboraban en castelán revistas da calidade de The Economist, The Atlantic ou The New Yorker, respondeu: "¿porque é máis doado e máis barato aprender inglés para ler o orixinal que facer copias meritorias?".

Non obstante, pouco a pouco a oferta en castelán medra grazas ao labor público e mais ao das propias editoriais, que se ven empurradas a buscaren unha saída aos descensos de vendas. No caso da prensa e das revistas este salto ao dixital está moito máis avanzado e a oferta é ampla, xa que a crise de publicidade non deixou outra saída que probar os modelos de subscrición e descarga. Aínda así cómpre distinguir entre o modelo de lector de tinta electrónica e o modelo de tableta, que se ben non é tan cómodo para ler permite un rexistro máis amplo de posibilidades de descarga.

Nos lectores de tinta electrónica a opción redúcese só a libros, a algúns xornais e revistas, pero sen ilustracións. Pola contra, as tabletas, malia ás incomodidades da pantalla LCD, que se ve mal de día e cansa máis a vista, proporcionan máis posibilidades, entre as que se atopa o acceso a Internet para ler os contidos directamente no sitio, a descarga con ilustracións e enlaces, e o acceso a un modelo de subscrición organizado por parte dunha empresa como Apple.

Pobre oferta de títulos actuais

En materia literaria todo está por facer no apartado de novidades, xa que as editoriais aínda son reticentes ao cambio de modelo dende o papel. Son poucas as obras novas de autores coñecidos que se atopan dispoñibles e só as grandes compañías inclúen unha oferta dixital. Planeta, Anagrama e Mondadori ofrecen dende a súa web fragmentos dos seus libros en PDF e comercializan os seus títulos nas tendas on line das grandes marcas do sector -Fnac, Casa do Libro, etc.-, que xestionan boa parte da incipiente venda de "e-books".

Non obstante, hai moitas outras pequenas plataformas que ofrecen material de novos autores e de algúns recoñecidos, como a iniciativa Bubok (http://www.bubok.com/), cun notable catálogo de autores novos, ou 24 symbols (http://www.24symbols.com/), que quere ser un equivalente do servizo de música en streaming Spotify pero en versión literaria. Pola súa parte, a editorial Cátedra, cun enorme fondo editorial en materia de clásicos e en poesía, optou por poñer os seus títulos descatalogados en acceso gratuíto para particulares. O formato que usa é Adobe Flash incrustado na páxina, de complicado uso.

Á espera de Google Books e Amazon

A esperanza dunha oferta literaria moito máis rica de cara ao futuro baséase en dous piares que aínda están por asentarse en España. Por unha banda, a chegada da tenda de libros de Amazon en versión nacional -de momento o máis próximo é a versión inglesa, que vende algúns títulos menores en español- traerá a comercialización masiva da maioría de libros de actualidade e "best sellers" en castelán. Aínda que este desembarco se agarda este ano, a data atrásase de mes en mes.

O outro piar que podería enriquecer o panorama sería a consolidación de Goolge Books (http://books.google.com/?hl=es), a plataforma do buscador que serve para mercar libros e mais para acceder a títulos gratuítos do dominio público. Google Books funciona polo de agora con acceso web parcial e chegou a un acordo cos principais grupos editoriais norteamericanos para ofrecer o seu catálogo, aínda que o seu modelo de negocio ten moitos problemas coa xustiza de diferentes países.

Alternativas gratuítas

Outra opción é buscar literatura gratuíta dixitalizada entre as institucións públicas. O groso do material son libros técnicos, pero tamén se poden atopar algúns libros clásicos, sobre todo do Século de Ouro español. O Proxecto Gutenberg (http://www.gutenberg.org/wiki/ES_Portada) é unha iniciativa para ofrecer na Rede as obras do dominio público, e en lingua castelá ten un bo repertorio de clásicos, entre eles O Quixote.

Biblioteca.org (http://www.biblioteca.org.ar/) é unha iniciativa arxentina patrocinada por diferentes entidades públicas e privadas que pretende dispor para a súa descarga un catálogo de libros en castelán destinado a estudantes e usuarios en xeral. O Ministerio de Cultura español creou a Biblioteca Virtual Cervantes (http://www.cervantesvirtual.com/) para promover a literatura española na Rede. Esta plataforma conta con numerosos textos de libros e revistas extraídos da Biblioteca Nacional e da Hemeroteca Nacional.

Xornais e revistas

O modelo de aparello apropiado para o consumo de xornais e de revistas non son os lectores de libros electrónicos, máis axeitados para longos períodos de lectura, senón as tabletas. A principal tableta no mercado é o iPad de Apple, que xa dispón dunha tenda organizada na que o usuario se pode subscribir aos seus medios de prensa favoritos e descargar os exemplares periodicamente. O iPad conta con aplicacións para os principais xornais españois e mais para algunhas das revistas máis importantes do mundo.

Para rematar, para os usuarios interesados en ampliaren as capacidades da súa tableta alén do lecer, existen servizos para almacenar e compartir presentacións e textos técnicos de traballo en rede, que permiten a súa descarga sempre que os crearan os nosos contactos. Scribd (http://es.scribd.com/) é o máis popular deles.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto