Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Francisco Castejón, investigador en fusión nuclear do CIEMAT e membro de Ecoloxistas en Acción: "Pódese prescindir das centrais nucleares agora e nos vindeiros anos"

 Fukushima non é Chernobil, pero foi un accidente grave que demostrou a inseguridade das centrais nucleares. Quen opina así é Francisco Castejón, investigador do Laboratorio Nacional de Fusión do Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT) e membro de Ecoloxistas en Acción. Este experto considera que o peche graduado das centrais en España é necesario e posible.

Que fai un físico nuclear do CIEMAT defendendo o peche das centrais nucleares?

Traballo en fusión termonuclear, que non ten nada que ver coas actuais centrais nucleares, baseadas na fisión. A fusión estaría libre dos dous grandes problemas desta última, a xeración de residuos de longa vida e a inseguridade da reacción.

Os responsables da central de Fukushima informaron de maneira correcta sobre o accidente?

Ocultaron información para dar a sensación de telo baixo control, pero sabían que era máis grave do que dicían. Mentiron cando clasificaron o accidente como nivel catro na escala INES, porque sabían que ía subir. Os expertos estranxeiros estaban atentos e tiraban as súas propias conclusións. A Axencia de Seguridade Nuclear Francesa criticou as informacións xaponesas. Agora xa está no nivel seis.

É como o accidente de Chernobil?

Non, Chernobil foi un nivel sete. Foi moito peor, escapou material do reactor a milleiros de quilómetros. En Fukushima é moi improbable que pase, pero a situación é grave. Se TEPCO, a empresa responsable da central, entrase antes nos reactores, a situación non sería tan mala.

Que consecuencias vai ter?

Aínda non se sabe. Agora ben, xa se ten coñecemento de fugas masivas dalgúns elementos, como o iodo 131, que ten un período de semidesintegración de oito días, e o cesio 137, de trinta anos. Estes elementos viaxaron moi lonxe e contaminaron a auga do mar. A nube radioactiva chegou a Tokyo, unha cidade de 30 millóns de habitantes que é inevacuable. Se a súa intensidade aumenta, teranse que tomar medidas extremas coa súa poboación. Cando a situación se controle, haberá que desmantelar os reactores e cubrilos cun sarcófago, como en Chernobil ou en Vandellós 1 en España.

As centrais nucleares españolas son seguras?

O grao de seguridade varía dunhas a outras. Garoña, unha central idéntica á de Fukushima 1, é moi antiga e ten unha seguridade moi degradada. En calquera caso, unha central nuclear é de por si insegura. É imposible prever todo o que pode acontecer. O máis sensato é optar polo peche graduado e, no entanto, realizar unha avaliación de seguridade xeral.

Cando sería ese peche graduado?

Habería que lles dar ás centrais unha vida de 30 anos. Garoña habería que pechala xa, Almaraz 1 este ano, Almaraz 2 no 2013, e así de xeito sucesivo ata chegar ao 2020, cando se pecharían as dúas últimas, Vandellós 2 e Trillo.

Se se pechan, como se substituirá a súa produción enerxética?

Non fai falta que a substitúa ninguén. España ten potencia instalada máis ca abonda e, de feito, expórtalle electricidade aos seus veciños.

Pero esta produción baséase en boa parte en combustibles fósiles.

Non é maioritaria. Con medidas de aforro e eficiencia enerxética poderíase aforrar, de aquí ao 2020, o 30% da electricidade que consumimos con pouco esforzo. Sumado ao apoio ás enerxías renovables, as centrais nucleares son prescindibles agora e nos vindeiros anos. Tamén habería que investigar en sistemas de almacenamento enerxético, como hidróxeno, sales fundidos, baterías, condensadores, etc., e en novas fontes de enerxía, como a fusión nuclear. As contas saen.

Os defensores das centrais sinalan que son cada vez máis modernas e seguras, e fálase das de terceira e cuarta xeración, que aproveitarían os seus refugallos como combustible. Por iso argumentan que deixar agora a enerxía nuclear non sería intelixente.

Ninguén propón construír novas centrais porque son carísimas. En España como moito hai de segunda xeración. O negocio é manter as actuais porque xa están amortizadas e custa moi pouco producir a enerxía. En Garoña case cinco veces menos do que custa o quilovatio/hora. No tocante aos reactores de terceira xeración, hai un agora en construción en Finlandia. O custo dobra case xa o orzamento inicial duns 3.000 millóns de euros, máis catro anos de atraso. En canto aos de cuarta, están en investigación, e os máis optimistas sinalan 2040-2045 como posibles datas de funcionamento.

O Almacén Temporal centralizado (ATC) solucionará o problema dos residuos radiactivos?

Non, porque como o seu nome indica é temporal. O seu obxectivo é permitir que as centrais funcionen máis tempo sen que se enchan de residuos, e xa se viu en Fukushima este problema. Non se fala del porque chegan as eleccións e é unha "pataca quente" que non lle gusta a ninguén.

Será seguro?

É menos perigoso ca unha central, porque non hai ningún reactor en marcha. Pero está suxeito a unha serie de riscos como o transporte, e a instalación non é invulnerable.

Que poden facer os consumidores?

Asumir medidas de aforro e eficiencia na casa, porque é bo para o medio e para a súa economía. Ter electrodomésticos eficientes, un bo illamento do seu fogar, lámpadas de baixo consumo, etc. E premer as institucións para que fagan caso das súas opinións. As enquisas sinalan que os españois son antinucleares e non se tivo nunca en conta.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto